Notas de prensa

O CiQUS lidera un proxecto do Consello Europeo de Innovación para desenvolver un novidoso axente anticancro

Con máis de 400 propostas presentadas desde 39 países, a última convocatoria EIC Transition do Consello Europeo de Innovación foi a máis concorrida. Entre as 40 propostas finalmente seleccionadas atópase MEDiCS, un proxecto liderado polo profesor José Luis Mascareñas que se centrará no desenvolvemento clínico dun novo axente anticancro. O CiQUS suma así o seu segundo proxecto deste tipo e sitúa a USC como a única española, xunto a Pompeu Fabra, que foi beneficiaria dúas veces deste programa.

O consorcio liderado desde o CiQUS obtivo 2,5 millóns de euros para desenvolver a súa proposta durante os próximos tres anos.

MEDiCS é o acrónimo de Anticancer approach based on the Metabolic Disruption of Cancer Stem Cells, un proxecto que pivota sobre o potencial preclínico que demostrou unha familia de complexos metálicos baseados en rutenio para combater certos tumores. O seu obxectivo agora é avanzar na madurez da tecnoloxía completando a fase preclínica, necesaria antes de comezar os ensaios clínicos en humanos. O proxecto buscará mellorar o comportamento deste novidoso composto na etapa preclínica fronte a dous tipos de cancro particularmente desafiantes: o de páncreas, pola súa elevada prevalencia, e o de colon, pola súa alta letalidade, ambos cun enorme impacto na sociedade.

Estes compostos sintéticos de rutenio actúan alterando e comprometendo a respiración mitocondrial nas células nai de cancro, que son as principais responsables de iniciar o tumor, formar metástase e resistir os tratamentos. As células nai de cancro dependen da respiración mitocondrial para obter a súa enerxía e evadir as defensas do sistema inmune, polo que estes complexos metálicos atacan o seu punto máis vulnerable. Este innovador mecanismo de acción non só demostrou ser eficaz para frear a proliferación tumoral en modelos preclínicos, senón que tamén presenta unha baixa toxicidade, o que o fai especialmente prometedor.

O profesor Mascareñas e Bruno Sainz, xunto aos seus respectivos equipos no CiQUS e no Instituto de Investigacións Biomédicas Sols-Morreale (CSIC-UAM), recibiron no pasado o apoio de Ignicia (Xunta de Galicia) e da Fundación La Caixa para estudar o comportamento deste tipo de axentes anticancro. Alentados por resultados prometedores, decidiron postular a un proxecto do EIC, a pesar de que estas convocatorias son extremadamente competitivas e teñen unha taxa de éxito inferior ao 10%. A selección dos proxectos lévase a cabo en dúas fases: unha preselección baseada na calidade da proposta e, posteriormente, unha esixente entrevista a modo de exame ante un panel avaliador multidisciplinar, formado por seis expertos internacionais.

Ademais dos doutores Mascareñas e Sainz, o equipo de MEDiCS tamén conta con científicos do Institute for Research and Innovation in Health (i3S) da Universidade de Porto e o apoio das empresas MyBiotech e Asphalion.

O programa EIC Transition está deseñado para pechar a fenda entre a investigación en etapa temperá e as innovacións listas para o mercado. O seu obxectivo é avanzar e madurar tecnoloxías prometedoras proporcionando financiamento e asesoramento para demostrar a viabilidade en aplicacións do mundo real e preparar o camiño cara a súa comercialización. A concesión do proxecto MEDiCS é froito do esforzo continuado do seu persoal investigador, resultado de anos de investigación básica e da confianza na súa capacidade para transformar o coñecemento en avances con impacto real.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaje.jpg) O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
Foto de la tercera plana (20261006-xunta.jpg) O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento de Galicia para dar conta das preto de 700 medidas recollidas no novo Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo despois de que a maioría das formacións políticas con representación na Cámara galega chegasen a un acordo para enriquecer este texto froito do traballo de preto de dous anos feito por expertos con achegas de entidades, institucións e particulares. Neste senso, o responsable autonómico de Lingua agradeceu a colaboración e implicación de todos os profesionais que participaron, baixo a coordinación do académico Manuel González, na elaboración deste documento.

Notas

O físico Francis Halzen (Tienen–Bélxica, 1944) galardoado este martes co premio Nobel de Física 2026 mantén dende hai case 40 anos unha estreita colaboración co persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta, e cuxo comité asesor actualmente preside. Halzen conseguiu o galardón polas contribucións decisivas ao observatorio de neutrinos IceCube e polo descubrimento de neutrinos de alta enerxía de orixe astrofísica
A pesca artesanal galega está a responder de forma máis activa aos impactos do cambio climático, mentres o marisqueo a pé presenta unha situación especialmente vulnerable e unha menor capacidade de resposta. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Atac, Adaptación e Transformación da Pesca Artesanal ao Cambio Climático, liderado polo grupo de investigación Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES