Notas de prensa

O proxecto EMBRedES+ continúa impulsando a sostibilidade das infraestruturas de investigación europeas

O proxecto EMBRedES+ botou a andar en 2023, coordinado polo Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, co obxectivo de consolidar e fortalecer o funcionamento do nodo español de European Marin Biological Resource Centre (EMBRC-ES), ao que pertencen a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla do CIM; a Estación Mariña de Plentzia (PiE), dependente da Universidade do País Vasco; e o Banco Español de Algas (BEA- ULPGC).

No marco das actividades deste proxecto, hoxe xoves celebrouse na sede do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en Madrid unha xornada que reuniu máis de 60 representantes nacionais de infraestruturas de países como Francia, Bélxica, Italia, Países Baixos, Finlandia ou Portugal.

O obxectivo desta xuntanza, impulsada polo CIM-UVigo, é fortalecer sinerxías e garantir a sostibilidade das infraestruturas de investigación europeas nos ámbitos da alimentación, medio ambiente e saúde. Neste encontro tamén participaron representantes da Administración Pública, entre eles persoal da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), o Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) e o propio Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Desafíos na saúde, o cambio climático ou as novas tecnoloxías

A xornada abordou desafíos importantes para o futuro da sociedade relativos a áreas como One Health, One Climate que supón un enfoque integral que vincula a saúde humana, animal e ambiental, destacando o impacto do cambio climático nestes ámbitos. Outro dos desafíos que se trataron na xornada é a aplicación das novas tecnoloxías nos campos da imaxe e a ómica, que combinan técnicas avanzadas de visualización e análise molecular para estudar organismos, enfermidades e ecosistemas con maior precisión. Tamén se abordou o Data FAIRification, centrado en estratexias para a xestión e estandarización de datos científicos para que sexan localizables, accesibles, interoperables e reutilizables.

Este evento constitúe unha oportunidade única para consolidar a presenza das infraestruturas de investigación españolas no panorama europeo, impulsando a colaboración en proxectos que aborden os grandes retos científicos e tecnolóxicos actuais e promovendo un modelo de colaboración conxunta entre institucións científicas e administracións públicas que garanta a súa sustentabilidade e maximice o seu impacto na sociedade.

Entre os organizadores e relatores da xornada estivo a directora científica do proxecto EMBRC-España e investigadora do CIM, Estefanía Paredes, que foi a encargada de dar benvida aos asistentes e liderar unha das sesións do evento. Así mesmo, María Huete, xestora de proxectos europeos do CIM, moderou o bloque sobre xestión e estandarización de datos científicos.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-03-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES