
O obxectivo desta experiencia formativa pioneira é permitir que mozos e mozas con discapacidade intelectual ou no desenvolvemento coñezan as ferramentas tecnolóxicas de última xeración, favorecendo así a súa autonomía persoal, a súa empregabilidade e a súa participación plena nunha sociedade dixital.
Este 'bootcamp' xurde do compromiso compartido polas catro entidades impulsoras coa innovación social e a inclusión e tivo como punto de partida unha necesidade detectada por Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo a raíz da súa experiencia como coordinadora académica do título propio Emprego e Vida Autónoma que imparte a UVigo. A docente identificou unha importante fenda no acceso á formación tecnolóxica por parte do alumnado con discapacidade intelectual deste curso que seguro que é extensible a outras persoas novas con discapacidade intelectual. Segundo Álvarez, estas persoas están moi interesadas no uso da tecnoloxía, pero no reciben oportunidades formativas arredor dela.
Unha experiencia piloto con vocación de continuidade
O 'bootcamp' será unha experiencia piloto con vocación de continuidade que aspira a converterse nunha microcredencial no futuro, adaptada ás necesidades do mercado laboral e en liña coa crecente demanda de competencias dixitais en todos os sectores profesionais. A formación terá un enfoque práctico, accesible e inclusivo, e combinará contidos como programación, robótica, impresión 3D e intelixencia artificial, con metodoloxías activas e acompañamento personalizado.
Esta actividade, que é de balde e está aberta a persoas entre os 18 e os 30 anos, conta coa participación de Kidcode, unha empresa galega especializada no ensino tecnolóxico responsable para públicos diversos. A súa fundadora, Leticia Costas, destaca que a tecnoloxía non só pode ser unha ferramenta de inclusión, senón tamén de empoderamento persoal se se ensina de forma adaptada e consciente.
A formación levarase a cabo nas instalacións da Zona Franca de Vigo, que cede as instalación do Autolab da High Tech Auto, ofrecendo unha contorna de innovación e un laboratorio de fabricación equipado con tecnoloxía punteira, ideal para a realización deste tipo de formación. Pola súa banda, a Fundación Adecco colabora economicamente na posta en marcha do proxecto, no marco da súa alianza coa UVigo para o desenvolvemento do título propio e noutras iniciativas dirixidas a mellorar a empregabilidade de persoas con discapacidade.
Esta alianza entre universidade, empresa, administración e iniciativa social representa, segundo Maruxa Álvarez, un exemplo de innovación inclusiva ao servizo do ben común. Con este bootcamp búscase non só ofrecer unha formación transformadora aos seus participantes, senón tamén demostrar que o acceso á tecnoloxía pode e debe ser universal, eliminando barreiras e xerando oportunidades reais.
Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.