//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
O Servizo Galego de Saúde realizou 424 transplantes durante o pasado ano, o que supón a maior cifra desde que en 1981 se comezaron a practicar este tipo de intervencións na comunidade e un 28% máis que no 2023, cando se rexistraron 331. Produciuse un incremento en todos os programas de transplante salvo no de páncreas onde se mantiveron os datos (catro). En concreto, realizáronse 208 transplantes renais (un 24% máis que no 2023 e cifra récord), 118 de fígado (+34%), 64 de pulmón (+31%, tamén máximo histórico) e 30 de corazón (+36%). Galicia rexistrou no 2024 a maior taxa de doantes de órganos por millón de habitantes (50,7) desde a creación da Organización Nacional de Transplantes no 1989.
O Servizo Galego de Saúde presentou ás organizacións sindicais a proposta para a regular a cobertura voluntaria por parte do persoal médico da asistencia sanitaria dos sábados pola mañá nos centros de atención primaria. No día de hoxe tivo lugar unha reunión do grupo de traballo acordado crear na Mesa Sectorial celebrada o pasado 11 de decembro, na que participan representantes da Administración e dos sindicatos, co fin de avanzar na elaboración dun proceso regrado e homoxéneo para a cobertura dos sábados en todas as áreas sanitarias. No encontro estiveron presentes representantes da Xerencia do Sergas, da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e da de Recursos Humanos.
A Xunta estenderá a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid ata o 31 de xaneiro. O obxectivo é permitir que a poboación diana que aínda non se vacinou teña a oportunidade de facelo antes da chegada do pico de contaxios. Tomando como base o labor de vixilancia epidemiolóxica realizado pola Consellería de Sanidade, o pico da gripe está previsto na semana do 20 ao 26 de xaneiro. Nestes momentos, o nivel da onda é baixo, con tendencia crecente, e a previsión é que continúe así durante a segunda e a terceira semana deste mes. As persoas pertencentes aos grupos de risco poden solicitar autocita a través da aplicación Sergas Móbil, no apartado de campañas de promoción da saúde. Os horarios de vacinación nos 14 hospitais públicos están dispoñibles na web do Sergas.
A Consellería de Sanidade publica o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á primeira semana do ano e conclúe que a intensidade da gripe continúa en nivel baixo aínda que con tendencia crecente. Segundo os datos de atención primaria, a taxa de consultas por gripe aumentou un 29 % con respecto da semana previa e fica en 35,5 consultas por 100.000 habitantes. O incremento obsérvase en todos os grupos de idade, agás no de 5 a 19 anos, no que diminúe. O grupo coa maior taxa de consultas foi o de 20 a 59 anos e, por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi superior á da semana anterior en todas salvo na de Pontevedra e O Salnés.
As 70 farmacias das catro provincias que se suman a este convenio achegarán semanalmente á Consellería de Sanidade datos sobre a venda de test de antíxenos e dos cinco medicamentos antigripais máis consumidos, o que será de gran valor para mellorar o control da enfermidade, integrando información adicional que axudará a dar unha resposta máis áxil e eficaz. Destas 70 farmacias, 30 son da provincia da Coruña, 10 da de Lugo, outras 10 da de Ourense e 20 da de Pontevedra. Os rexistros das farmacias, combinados cos datos de asistencia sanitaria en atención primaria e nas urxencias hospitalarias permiten, a través dun modelo matemático, anticipar con 15 días a evolución da gripe e as infeccións respiratorias agudas.
Portos de Galicia constatou a recollida de máis de 10.000 quilos de lixo dos fondos mariños do litoral galego no pasado ano 2023, no marco dos proxectos Upcycling the Oceans e Mares Circulares. Así pois, ambas iniciativas, centradas na recollida non intencionada de lixo durante as tarefas extractivas dos profesionais do mar, fundamentalmente da pesca, permitiron extraer 10.700 quilos de residuos, cun volume total de 108 metros cúbicos.
Galicia vén de converterse na primeira comunidade autónoma en acadar no seu servizo público de saúde a autocertificación do Programa de optimización do uso de antibióticos en todas as áreas sanitarias no ámbito da atención primaria. O Servizo Galego de Saúde conseguiu acadar o obxectivo marcado para este ano, que era autocertificar no ámbito da atención primaria, dun xeito sincronizado, as sete áreas sanitarias. Para acadar a autocertificación é preciso cumprir 18 estándares.
A Coruña Sounds na súa edición 2025 contará co concerto, o 19 de xullo no Porto da Coruña, da banda Arde Bogotá. Coruña Sounds repite a fórmula de música en directo con grandes nomes e bandas tras o éxito acadado nas dúas edicións anteriores. Arde Bogotá presentará na Coruña un dos seus concertos exclusivos en España, cun concepto de show a partir dun road trip e unha viaxe persoal que ten lugar durante o inicio e o final dunha eclipse. Con este espectáculo dáse continuidade ao ciclo de concertos Coruña Sounds que levou á cidade nos últimos meses, co apoio de Turismo de Galicia, a artistas como Emilia, Camilo, Robe e Luis Miguel. Tamén co respaldo da Xunta se van celebrar en 2025, o concerto de Lenny Kravitz o 10 de abril; Chayanne o 18 de maio e Leiva o 12 de xullo.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor que a proposta da UE para reducir a contaminación por microplásticos mediante a prevención das perdas de pellets contribuirá a rebaixar nun 6% os vertidos non intencionados deste material ao medio ambiente. Durante a súa intervención na reunión do Consello de ministros europeos de Medio Ambiente, a conselleira cualificou como 'moi positiva' a proposta de regulamento aprobada hoxe para reducir a contaminación por microplásticos provocada por vertidos non intencionados. Esta norma pretende reducir as perdas de granza no medio entre un 54% e un 74% con respecto ao valor inicial de referencia.
Os recentes datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) evidencian un ano excepcional en termos de migración e retorno a Galicia. Así, segundo a Estatística de Migracións e Cambios de residencia de 2023, Galicia experimentou un saldo migratorio positivo de 25.738 persoas, unha das mellores cifras de toda a serie histórica, continuando coa tendencia dos últimos anos, nos que Galicia gaña poboación grazas a todas esas persoas que deciden residir na nosa Comunidade. Este saldo favorable inclúe tanto o movemento migratorio con países estranxeiros, que sumou 23.337 persoas, como co resto das comunidades autónomas de España, con 2.401 persoas. Ademais, 2023 marcou un fito importante para a comunidade galega, xa que por terceiro ano consecutivo se acadou unha cifra histórica de retorno.
Este sábado Expourense abrirá as súas portas para unha xornada repleta do mellor pop rock alternativo. Un festival que en tan só tres anos, logrou posicionarse como un referente da escena musical nacional, e este 2024 non será diferente, cun cartel que promete emocións fortes grazas á presenza de artistas como Jake Bugg, Miles Kane e Yard Act, que actuarán por primeira vez en Galicia, xunto a grandes nomes como Teenage Fanclub, Los Enemigos e Caballo Prieto Azabache.
Ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados coa auga, dedicando especial atención á xestión empresarial e turística de recursos hídricos e termais. Con este obxectivo a UVigo celebrará do 25 ao 27 de setembro o V Congreso Internacional da Auga, que nesta ocasión leva por título A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar.
Aproveitando a tempada estival, o pasado 22 de agosto o Observatorio Astronómico de Forcarei (OAF) foi o escenario da primeira xuntanza de astrofísic@s galeg@s, tanto residentes en Galicia como na diáspora. O evento foi acollido pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (FC3), representada polo seu presidente Enrique Alonso Blanco, e promovido polos astrofísicos galegos Ana Ulla Miguel, da UVigo, e Carlos Viscasillas Vázquez, da Universidade de Vilnius e do Observatorio Astrofísico de Arcetri.
A Xunta activa a prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez, na provincia de Pontevedra. Así o acordou a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e que contou coa participación tanto de técnicos do organismo hidráulico autonómico como de representantes de Protección Civil, MeteoGalicia e as Consellerías de Sanidade e Medio Rural.
O D.O.G. ven de publicar a relación definitiva coa orde de prelación e a puntuación obtidas polas persoas aspirantes admitidas no proceso de elaboración das listas de selección temporal de diversas categorías: dietista-nutricionista, facultativo especialista de área de medicina do traballo, facultativo especialista de área de psicoloxía clínica, farmacéutico de atención primaria, fisioterapeuta, logopeda, odontólogo de atención primaria, terapeuta ocupacional e traballador social.
.
Vanse celebrar en Lugo as Xornadas anuais da Asociación Española de Profesores de Liturgia, que este ano se celebran no Seminario Diocesano da cidade.
Do 27 ao 29 de agosto, uns 50 liturxistas de toda España se reúnen no Seminario de Lugo para celebrar as súas xornadas anuais, que este ano teñen como tema principal a exhortación apostólica Desiderio desideravi, que trata sobre a formación litúrxica.
A Fundación ADCOR, unha organización sen ánimo de lucro dedicada a mellorar a vida das persoas adultas en situación de dependencia, empezou unha colaboración de aprendizaxe e servizo a través do novo proxecto tuTIC: Tecnoloxía, Inclusión e Creatividade, que conta co apoio do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC).
A clasificación elaborada en 2024 polo Ránking de Shanghai, coloca a USC no intervalo 501-600 das mellores universidades a nivel mundial. A posición acadada nesta edición supón un ascenso con respecto ao ano pasado, cando a institución se situaba no chanzo 601-700. En 2024, a USC conseguem o seu máximo histórico nun dos parámetros que analizan os resultados da investigación, o número de artigos publicados en Nature e Science.
The Wild Fest chega á súa sexta edición afianzándose como un dos festivais máis singulares de Galicia. Ademais da actuación dunha ducia de bandas nacionais, o festival chama a atención por celebrar The Wild Cinema, un festival de cinema medioambiental que proxectará máis dunha vintena de curtas internacionais. O certame, que terá lugar do 30 de agosto ao 1 de setembro, celébrase no parque forestal de San Miguel de Oia (Vigo).
Os xardíns tamén poden ser verticais: muros vexetais interiores e exteriores que reverdecen paredes maximizando o uso do ben máis escaso na cidade, o espazo. Boa proba é o proxecto 'Xardín vertical con planta viva, montable e monitorizado mediante app móbil polo usuario', desenvolvido na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, por Adolfo López Fabal, Mª Isabel Iglesias Díaz e Santiago Lamosa Quinteiro.