Noticias

Galicia, primeira comunidade en acadar a autocertificación na optimización do uso de antibióticos en atención primaria

Galicia vén de converterse na primeira comunidade autónoma en acadar no seu servizo público de saúde a autocertificación do Programa de optimización do uso de antibióticos en todas as áreas sanitarias no ámbito da atención primaria. O Servizo Galego de Saúde conseguiu acadar o obxectivo marcado para este ano, que era autocertificar no ámbito da atención primaria, dun xeito sincronizado, as sete áreas sanitarias. Para acadar a autocertificación é preciso cumprir 18 estándares.

Así, a autocertificación leva aparellados os obxectivos e as actividades que se van realizar o vindeiro ano, ademais dunha planificación das actividades formativas que se van desenvolver nas áreas sanitarias e os métodos de divulgación dos informes de vixilancia de consumo de antibióticos e de resistencias.

O Servizo Galego de Saúde conta nas súas sete áreas de atención primaria con equipos de profesionais formados por farmacéuticos, pediatras, microbiólogos, médicos de urxencias, infectólogos, médicos de atención primaria, persoal de enfermería e membros das direccións de atención primaria, que están a impulsar programas de optimización do uso de antibióticos a través de actividades informativas, formativas, así como de definición, deseño e implantación de protocolos específicos de uso e consumo de antibióticos no seu ámbito territorial.

Entre os membros destes equipos e os referentes dos centros de saúde de cada área sanitaria, acadan un número de máis de 160 profesionais implicados neste operativo de mellora da optimización do uso dos antibióticos.

Todas as áreas sanitarias están a traballar, a través destes equipos, na elaboración de mapas epidemiolóxicos de resistencia a antibióticos, que teñen por obxectivo elaborar guías locais de tratamento antimicrobiano a través dun mellor coñecemento da epidemioloxía local, para facilitar a toma de decisións do persoal clínico en situacións concretas.

Ademais, tamén traballarán no seguimento das resistencias aos antibióticos en relación cos consumos locais comunitarios.

Normas de calidade

O desenvolvemento de bacterias resistentes aos antibióticos representa unha grave ameaza para a saúde pública, causando en Europa aproximadamente 33.000 mortes ao ano e xerando un gasto sanitario adicional de 1.500 millóns de euros anuais. Se esta situación non se controla, para o ano 2025 prevese que as mortes anuais por infeccións, que antes eran curables, alcancen as 40.000.

O Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antimicrobianos, coordinado pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, ten como un dos seus principais obxectivos a implantación de Programas de Optimización do Uso dos Antibióticos (PROA) tanto a nivel hospitalario como comunitario. Estes programas buscan optimizar a prescrición de antibióticos para mellorar o prognóstico dos pacientes, reducir os efectos adversos asociados ao seu uso, controlar a aparición de resistencias e garantir que os tratamentos sexan custo-eficaces.

A Axencia Española do Medicamento establece a norma para a certificación dos equipos PROA comunitarios e, así mesmo, dispón dunha ferramenta informática que recoñece as boas prácticas, asegurando que estas sexan metodoloxicamente homoxéneas o que permite comparar e identificar áreas de referencia no bo uso dos antimicrobianos. Existen unhas normas para o ámbito comunitario e outras para o ámbito hospitalario, que describen os estándares de calidade.

Dentro dos indicadores de consumo de antibióticos do Plan Nacional, ademais do descenso do consumo global, priorízase o uso de antibióticos de espectro reducido fronte a outros de maios espectro de acción.

A implantación destes programas de optimización nos centros sanitarios require o cumprimento de normas de calidade na prescrición, elaboradas no marco do Plan Nacional, que serven como guía.

R., 2024-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES