Notas de prensa

O Campus Terra reverdece as paredes urbanas a través dun proxecto piloto de xardín vertical

Os xardíns tamén poden ser verticais: muros vexetais interiores e exteriores que reverdecen paredes maximizando o uso do ben máis escaso na cidade, o espazo. Boa proba é o proxecto 'Xardín vertical con planta viva, montable e monitorizado mediante app móbil polo usuario', desenvolvido na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, por Adolfo López Fabal, Mª Isabel Iglesias Díaz e Santiago Lamosa Quinteiro.

O traballo céntrase na creación de módulos de xardín vertical sostible, facilmente montable polo usuario/a final, e que ademais poida ser controlado dende unha aplicación móbil.

“En xeral, a construción de edificios nas cidades ten efectos nocivos no medio ambiente porque os procedementos empregados para a construción e o mantemento non se adaptan a unha perspectiva ecolóxica”, explica o profesor do Campus de Lugo, Adolfo López Fabal. A construción de xardíns verticais nunha contorna urbana achega numerosas vantaxes ambientais como a redución de ruído; o aumento da calidade do aire ao captarse po, verse reducidos os niveis de CO2 e aumentar os de osíxeno; o amortecemento das temperaturas; aumento da biodiversidade; ou mellora en xestión de augas pluviais, entre outros aspectos. Por outra banda, continúa o profesor López Fabal, a instalación de xardíns verticais achega tamén vantaxes sociais e económicas como a mellora do valor estético do ambiente tanto exterior como interior dos edificios, o aumento do valor da propiedade e o incremento do benestar psicolóxico a través da presenza de vexetación, que nos ambientes de traballo redunda na mellora da produtividade.

Con todo, a tarefa de elaborar un xardín vertical tamén entraña unha serie de retos como, por exemplo, elixir as plantas máis acaídas para vivir nun ecosistema deste tipo xa que a variabilidade na dispoñibilidade de auga no muro implica interrogantes sobre a adecuada selección das especies vexetais e os sistemas de cultivo, “sendo este o punto máis crítico no correcto funcionamento dun xardín vertical”. Tamén hai unha serie de aspectos de sustentabilidade a ter en conta no deseño, entre os que se inclúen as esixencias ambientais das plantas, os materiais de fabricación usados e a xestión da auga de rega. Así, unha parte do traballo desenvolvido dende a EPSE do Campus Terra consistiu en seleccionar especies de baixos requirimentos que polas súas esixencias ambientais puidesen adaptarse tanto ao interior como ao exterior. En condicións de fitotrom (cámara de cultivo) comparáronse dez especies a nivel de velocidade de crecemento, o seu valor ornamental e a súa adaptación a unha baixa intensidade de luz, “que é o aspecto que máis limita nas condicións de interior”. Finalmente, seleccionáronse cinco especies para a etapa de creación de módulos.

Módulos e sensores

A seguinte fase do proxecto consistiu na montaxe de módulos de xardíns verticais de 2 metros de alto e 1,5 metros de ancho con sistema hidropónico recirculante. En concreto, comparáronse dous sistemas de soporte: un de tea con petos fabricados in situ por grampado a partir de tecido reciclado; e outro de la de rocha. En tres paneis de cada sistema comparouse o crecemento e a adaptación ás distintas posicións no xardín das cinco especies anteriormente seleccionadas, para o que cada unha instalouse verticalmente en dúas columnas dentro de cada panel. O crecemento e a cubrición do panel por cada especie séguese mediante análise de imaxe.

A instalación de sensores permite rexistrar datos de parámetros importantes sobre o funcionamento do xardín. A aplicación para dispositivos móbiles coa que conectan os devanditos sensores serve para consultar os datos en calquera momento e tamén enviar alarmas para a realización de tarefas de mantemento. De feito, dende a EPSE, no marco deste proxecto piloto, estase a comprobar o sistema de sensorización comparando distintos sensores para cada parámetro e a programación de alarmas para o usuario. Os parámetros de control son: nivel de auga no depósito (con alarma de nivel baixo e necesidade de recheo), a comprobación das regas (mediante un caudalímetro compróbase que realmente se realizan as regas programadas); calidade da solución nutritiva (mediante un sensor de condutividade eléctrica compróbase que se mantén en límites aceptables e en caso contrario envíase unha alarma para a substitución da mesma), iluminación en distintas zonas do panel (pode activar a iluminación artificial de apoio cando a luz natural é insuficiente) e humidade do panel a distintas alturas (para comprobar que a programación da rega é adecuada e que entre dúas regas ningunha parte do panel se seque demasiado como para comprometer a viabilidade das plantas).

O proxecto desenvólvese ao abeiro das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A entidade beneficiaria é a empresa A Man de Prado SLU (Sober, Lugo), mentres que a USC participa no proxecto como institución subcontratada. O Campus Terra céntrase no estudo, selección e avaliación de plantas de baixas esixencias ambientais, na mellora da sostibilidade do sistema construtivo coma co emprego de materiais reciclado da actividade téxtil; así como na selección de sensores e o establecemento de límites e rangos de medición para a monitorización integral do xardín vertical.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-07-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES