Notas de prensa

Prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez, en Pontevedra

A Xunta activa a prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez, na provincia de Pontevedra. Así o acordou a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e que contou coa participación tanto de técnicos do organismo hidráulico autonómico como de representantes de Protección Civil, MeteoGalicia e as Consellerías de Sanidade e Medio Rural.

Deste xeito, malia non advertirse unha situación de seca prolongada en ningunha das bacías da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, a Oficina Técnica da Seca decidiu adoptar esta medida precautoria na bacía do Lérez, dado o descenso do caudal circulante neste río desde mediados de xullo, ao que se engade o aumento da poboación estacional nos concellos que se abastecen del.

Mentres, o resto de unidades territoriais atópanse en situación de normalidade. De feito, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa é de preto do 86%, máis de tres puntos por enriba da media rexistrada nos últimos anos (82,7%).

No encontro avaliouse tamén a situación meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa e constatouse que na primeira quincena de agosto predominou a situación anticiclónica, malia choivas puntuais, e que a segunda quincena está a ser máis anticiclónica que a primeira. O prognóstico meteorolóxico a curto prazo apunta a algunha precipitación de carácter tormentoso na zona de Pontevedra durante a vindeira fin de semana.

No medio prazo, agárdase un mes de setembro normal, sen moitas precipitacións, que poderían darse con maior probabilidade a finais de mes. Polo tanto, recoméndase cautela ante o escenario de certa incerteza en relación coas posibles choivas, o que reforza a decisión adoptada pola Oficina Técnica da Seca.

A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais prevense medidas de concienciación da cidadanía.

Nesta situación, Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento e do propio río. Os concellos afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas e Sanxenxo.

Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou regar con auga potable así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar auga pechan a billa cando non se estea utilizando.

A Oficina Técnica da Seca tamén recomenda aos concellos afectados minimizar os consumos de auga municipais non esenciais, como o baldeo de rúas, o regado de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias.
Aviso aos concellos

Nesta liña, e tal e como establece o Plan da Seca da Demarcación Galicia-Costa, Augas de Galicia informará por escrito desta declaración de prealerta aos alcaldes dos municipios incluídos na unidade territorial do Lérez.

O organismo hidráulico autonómico tamén traslada na comunicación aos concellos as medidas que propón adoptar neste estado de prealerta entre as que que se inclúe o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais.

Tamén se incide nas medidas de concienciación cidadá sobre a escaseza de auga e da necesidade de aforro, a través de campañas e bandos municipais. A maiores, dentro do espírito de colaboración, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, no marco das súas competencias, e levar a cabo un labor de sensibilización da veciñanza e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu ámbito de influencia.

No escrito tamén se lles solicita aos concellos que anticipen as medidas que as medidas que consideren oportunas en caso de que a situación se vexa agravada e que comuniquen a Augas de Galicia calquera incidencia que se produza no seu municipio.

A Xunta, mediante este seguimento da Oficina Técnica da Seca, traballa para anticiparse e adoptar medidas ante un posible episodio futuro de escaseza de auga así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.

Nesta liña, é importante que a cidadanía realice un consumo responsable da auga, evitando malgastala a través da restrición de regas, a limitación do enchido de piscinas ou a reutilización da auga sempre que sexa posible.

Xunta de Galicia, 2024-08-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES