
Ata o momento, arredor de 779.000 persoas xa recibiron a vacina da gripe. A Consellería de Sanidade aspira a aumentar a cobertura na poboación de maior risco. No caso das persoas de 65 ou máis anos, arredor do 75 % xa se vacinou, sen diferenzas salientables por sexos.
Na franxa de 70 a 79 anos, un 73 % dos homes vacinouse da gripe e un 68 % das mulleres. En maiores de 80, a porcentaxe de cobertura é do 85,6 % entre os homes e do 795 % entre as mulleres.
Tamén poderán vacinarse ata o 31 de xaneiro o resto de grupos de risco. No caso de nenos e nenas de 6 a 59 meses, Galicia xa supera o 61 % de cobertura, rebasando obxectivo marcado para esta campaña.
No caso do persoal sanitario, aproximadamente un 50 % dos profesionais aínda non se vacinaron polo que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, fai un especial chamamento á protección deste colectivo.
En canto ás embarazadas, máis do 36 % vacinouse fronte á gripe. A vacina pode administrarse ata 6 meses despois do parto mentres dure a campaña. A Xunta lembra a súa importancia xa que a vacinación materna reduce as hospitalizacións e visitas a urxencias en bebés menores de 6 meses.
Por último, no que atinxe ás persoas con inmunodepresión ou patoloxías respiratorias, este ano incluíuse ao persoal que traballe con menores de 6 anos como persoas de risco, por estar especialmente exposto aos virus respiratorios.
No que atinxe á campaña de vacinación fronte a covid-19, na actualidade, o número total de persoas vacinadas é de 549.245. Así, a porcentaxe de poboación de 65 ou más anos vacinada supera o 63%.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.