Noticias

O Sergas presenta unha proposta para regular a cobertura voluntaria por parte do persoal médico dos sábados pola mañá en atención primaria

O Servizo Galego de Saúde presentou ás organizacións sindicais a proposta para a regular a cobertura voluntaria por parte do persoal médico da asistencia sanitaria dos sábados pola mañá nos centros de atención primaria. No día de hoxe tivo lugar unha reunión do grupo de traballo acordado crear na Mesa Sectorial celebrada o pasado 11 de decembro, na que participan representantes da Administración e dos sindicatos, co fin de avanzar na elaboración dun proceso regrado e homoxéneo para a cobertura dos sábados en todas as áreas sanitarias. No encontro estiveron presentes representantes da Xerencia do Sergas, da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e da de Recursos Humanos.

Tal e como se establece na instrución traslada hoxe ao grupo de traballo, a asignación obrigatoria de quendas en sábado realizarase só cando o número de voluntarios sexa insuficiente para garantir a asistencia sanitaria, xa que o déficit de médicos de atención primaria no Sistema Nacional de Saúde impide aumentar o cadro de persoal.

Ofertarase a voluntariedade a todo o persoal que teña prevista a súa incorporación ou reincorporación á prestación de servizos ao longo do ano, co fin de reducir o número dos sábados asignados obrigatoriamente ao resto do persoal para garantir a asistencia sanitaria.

Deste modo, nos centros de atención primaria que cada área sanitaria determine que prestarán asistencia á cidadanía nas mañás dos sábados, a organización do calendario para o persoal realizarase coa súa participación.

Tanto médicos de familia con destino en centros de saúde, como facultativos especialistas de atención primaria, pediatras de atención primaria e médicos de familia con destino en puntos de atención continuada poderán manifestar a súa voluntariedade para traballar os sábados pola mañá.

Para iso, as xerencias das áreas sanitarias habilitarán un prazo non inferior a 10 días naturais para que o persoal manifeste por escrito a súa voluntariedade para traballar os sábados pola mañá, indicando a súa dispoñibilidade en número de sábados.

O calendario de quendas realizarase sobre a base das propostas dos profesionais e só no caso de non haber suficiente persoal voluntario recorrerase á asignación obrigatoria na medida necesaria e sempre cun reparto equitativo.

Polo tanto, o Servizo Galego de Saúde dá prioridade á voluntariedade, sen prexuízo da debida garantía da cobertura asistencial á poboación.

Participación da representación do persoal

As xuntas de persoal e comisións de centro, ademais do propio persoal implicado, participarán na execución do procedemento de voluntariedade.

A prestación de servizos na mañá dun sábado implicará unha compensación económica, establecida en 196 euros por sete horas, máis o incremento xeral retributivo que finalmente se aplique no ano 2025.

Na mesa sectorial da sanidade pública realizarase o seguimento deste procedemento e, no último trimestre de 2025 negociarase a aplicación das instrucións para o ano 2026 coas súas posibles modificacións.

R., 2025-01-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES