//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
Os centros de Infantil e Primaria comezarán o curso o vindeiro 11 de setembro cun total de 174.998 alumnos, o que supón un descenso de 4.030 estudantes respecto ao curso 2023/24. A pesar deste descenso de matrícula, estes centros contarán co mesmo número de aulas. En concreto, no caso dos colexios públicos, haberá en funcionamento 7.336 aulas, dúas máis ca no ano académico que vén de rematar. Ademais, o número de mestres incrementarase nestes niveis respecto do ano anterior, con novas incorporacións ata o mes de setembro. A aplicación do acordo sindical permite manter abertas 204 aulas que, coas rateos anteriores, pecharían. Estímase que o acordo vai permitir manter arredor de 900 aulas abertas nos tres próximos cursos.
A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), formou durante o primeiro semestre do ano a máis de 5.000 persoas no eido da xestión sostible dos residuos municipais. Estas accións divulgativas, impartidas en sesións presenciais polos educadores da empresa pública, repartíronse por distintos municipios das catro provincias da comunidade. A celebración destas xornadas dá resposta ás necesidades trasladadas por concellos, centros educativos e outros colectivos sociais para que, mediante charlas, cursos ou talleres, o público participante aprenda como é a óptima xestión tanto dos residuos que se xeran nos fogares como nas empresas.
A artista Bewis de la Rosa, impulsora do rap rural, e o dúo galego ALARIDO subirán esta semana ao escenario de Atardecer no Gaiás. O ciclo de concertos ao aire libre, impulsado pola Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude a través da Cidade da Cultura, continúa este xoves e venres con dúas propostas multifacéticas, innovadoras e descaradas para bailar coa posta do sol. Os concertos serán ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con entrada libre e gratuíta.
A Xunta reforza as medidas preventivas fronte ao mpox, máis coñecida como varíola do mono, e proporá ao Ministerio de Sanidade, nas reunións desta semana entre o Goberno central e as comunidades autónomas, no marco da Ponencia de Alertas Epidemiolóxicas e da Comisión de Saúde Pública, que se intensifique a información sobre esta enfermidade (características, síntomas, países con brotes, etc.) nos lugares que reciben viaxeiros das zonas afectadas pola nova variante desta enfermidade. O obxectivo do Executivo galego é que o viaxeiro dispoña de toda a información para que, en caso de aparición de síntomas característicos como poden ser as lesións na pel, saiban que facer e onde acudir.
Os centros de FP galegos van contar este ano cun total de 100 aulas de emprendemento, 15 máis que no 2023. Con este programa, a Xunta de Galicia busca canalizar as iniciativas emprendedoras do alumnado para así mellorar as perspectivas laborais dos mesmos, fomentando o emprendemento e facilitándolles entrar en contacto con elementos e ferramentas do mundo laboral. Cun investimento de 500.000 euros este ano e un total de 1.380.000 euros desde o 2021, a iniciativa entronca cos obxectivos da Estratexia FP Galicia 2030 e do Plan Innova FP Galicia, as follas de ruta do Goberno galego para continuar consolidando estas ensinanzas ao longo da década.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Secretaría Xeral da Emigración, vén de publicar a listaxe dos 250 mozos galegos do exterior que, grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cursarán un mestrado nalgunha das tres universidades galegas durante o próximo curso. Estes 250 seleccionados proceden de 22 países distintos, destacando especialmente nesta oitava edición do programa A Arxentina, O Brasil, O Uruguai, Venezuela ou países europeos como o Reino Unido, Francia, Alemaña e Países Baixos. Entre os admitidos, 113 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 98 na Universidade de Vigo (UVigo) e 39 na Universidade da Coruña (UDC).
O Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, amplíase a máis centros e alumnos no próximo curso 2024-2025. A Xunta de Galicia publicou hoxe no Portal Educativo a resolución cos oito centros que se incorporan e os 45 que continúan neste programa. Trátase dos institutos IES Punta Candieira (Cedeira), IES A Sardiñeira (A Coruña), IES de Cacheiras (Teo), IES de Rodeira (Cangas) e IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa); así como dos colexios CPR Plurilingüe Alca (Ames), CPR Plurilingüe Cristo Rey (A Coruña) e CPR Plurilingüe Las Acacias (Vigo).
A principios deste ano, o sector forestal-madeira foi declarado como sector estratéxico, o que supuxo un forte pulo para a súa actividade económica e industrial por parte da Xunta de Galicia. Máis recentemente, o Consello ampliou a estrutura, as competencias e os recursos da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), integrada na Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de mellorar aínda máis a súa competitividade e a calidade e o valor engadido do produto autóctono.
O OUR Fest vén de presentar o seu cartel para o vindeiro 14 de setembro. Esta nova edición incluirá, entre outros ao cantautor británico Jake Bugg, a icónica banda escocesa Teenage Fanclub, a banda británica de post-punk Yard Act ou a emblemática banda española Los Enemigos, entre outros. O festival que marca o peche do verán celebrarase no recinto de Expourense e centrarase no rock alternativo, o indie e a diversidade de estilos. Tamén está confirmada a presenza de Miles Kane, recoñecido polo seu traballo en The Last Shadow Puppets e a súa carreira en solitario e a banda galego-madrileña Caballo Prieto Azabache.
O ciclo Atardecer no Gaiás, impulsado pola Fundación Cidade da Cultura, segue en agosto con dez novas citas musicais para os xoves e venres do mes. Esta semana o público poderá gozar do directo do influínte DJ e produtor portugués Branko e do grupo galego Amoebo. Branko presentará o xoves 1 de agosto Soma, un disco que convocou a algúns dos mellores artistas de Portugal, como Dino D'Santiago, Carla Prata, Jéssica Pina ou Teresa Salgueiro vocalista de Madredeus, entre outros. Sumando todos eles, o que fora un dos fundadores de Buraka Som Sistema deu forma a doce temas de electrónica cálida, diversa e tremendamente bailable.
O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
Identidade e multidisciplinariedade. Estes dous conceptos definen o camiño do Laboratorio de Formas, unha revolucionaria idea xestada por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane que marcaría unha nova tendencia para a cultura galega a mediados dos anos sesenta do pasado século. Froito daquel Laboratorio chegaría a recuperación de Sargadelos, así como unha serie de iniciativas para desposuír do imaxinario popular esa crenza dunha Galicia rural detida no tempo e onde o movemento diario do mar e a terra leva ao abandono do belo.
O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA inaugura unha dobre cita feiral, coa cuarta edición do salón de enerxía Enerxétika e a primeira da feira de servizos municipais ExpoMunicipal. Ambos certames reunirán ata o sábado 520 firmas expositoras de 24 países dos sectores enerxético e municipal, as cales estarán representadas por 181 expositores de España, Portugal, Andorra, Francia, Italia, México, Israel e República Checa.
O próximo 16 de abril, martes, ás 18,00 h.,no centro multiusos de Paradela vai ter lugar o funeral por Santiago Rodríguez López, falecido o 19 de marzo en Bristol (Reino Unido). A continuación da ceremonia relixiosa, a familia vai recibir o título de Fillo Adoptivo de Paradela, concedido por unanimidade do pleno do Concello o 21 do pasado mes. Santiago Rodríguez era fillo do escritor Manuel Rodríguez López, que da nome ao Centro Cultural e ao Certame Literario do Concello de Paradela.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra promoven a quinta edición do 'Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos', froito dun convenio de colaboración entre as dúas entidades. A través desta iniciativa búscase conectar ao gran público con temas de actualidade científica que teñen unha notable repercusión social e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o importante labor de investigación que se leva a cabo na nosa comunidade en diferentes eidos.
O ROMPETIÑO JUMP, o evento referente de música urbana en Galicia e gran parte da península ibérica, anuncia o cartel completo para a súa próxima edición, que terá lugar do 5 ao 7 de Xullo de 2024 en Porto do Son, A Coruña. Con un impresionante Line-Up de artistas nacionais, o festival promete ofrecer unha experiencia inesquecible para os amantes do trap, o hip hop e a música urbana en xeral.
As mexicanas THE WARNING abrirán a programación este sábado 6 Abril na sala Capitol de Santiago de Compostela, coas entradas esgotadas. Tras xirar con Muse, Guns N Roses ou Foo Fighters, as 3 irmás convertéronse nunha das grandes sensacións do momento na escena rock, e estréanse nos escenarios galegos dispostas a poñer a Capitol patas para arriba co seu poderoso directo.
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
A prestixiosa revista Agriculture, Ecosystems & Environment acaba de publicar un artigo científico sobre o traballo realizado por investigadoras da UDC sobre o impacto da avespa asiática nos viñedos de Betanzos. O traballo, realizado pola investigadora Yaiza Rodríguez Lueje baixo a dirección das doutoras María Amalia Jácome e María José Servia, abordou por vez primeira a cuantificación real dos danos causados por esta especie invasora en viñedos, así como ensaios de viabilidade do uso de mallas para protexer as uvas.