Noticias

Os 250 mellores expedientes dos galegos do exterior procedentes de 22 países cursarán cunha bolsa BEME un mestrado en Galicia

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Secretaría Xeral da Emigración, vén de publicar a listaxe dos 250 mozos galegos do exterior que, grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cursarán un mestrado nalgunha das tres universidades galegas durante o próximo curso. Estes 250 seleccionados proceden de 22 países distintos, destacando especialmente nesta oitava edición do programa A Arxentina, O Brasil, O Uruguai, Venezuela ou países europeos como o Reino Unido, Francia, Alemaña e Países Baixos. Entre os admitidos, 113 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 98 na Universidade de Vigo (UVigo) e 39 na Universidade da Coruña (UDC).

Cómpre destacar que a Secretaría Xeral da Emigración pechou este ano o prazo de solicitude das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) con máis de 850 galegos universitarios do exterior interesados por conseguir un mestrado nunha das tres universidades galegas.

As bolsas BEME

Estas bolsas destínanse a galegos universitarios residentes fóra de Galicia dende fai máis de dous anos ou descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen realizar un dos mestrados que ofertan as tres universidades públicas galegas en calquera dos seus campus.

O obxectivo destas bolsas é que estas mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria en Galicia, coa conseguinte posibilidade de quedar a traballar e vivir aquí.

Todos as persoas beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na nosa Comunidade. Así, a oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

A bolsa, cun importe que varía entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos a realizar, cubrirá gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención en Galicia. Con esta convocatoria, a Xunta reafirma o seu compromiso co talento galego no estranxeiro, ofrecendo xa máis de 2.000 oportunidades de retorno ata a data, coa meta de fortalecer a Comunidade galega a través da educación e da integración profesional.

R., 2024-08-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES