
Precisamente, unha das cuestións que cada vez está máis presente nestas accións formativas é a importancia de poñer en valor a materia orgánica, tanto a nivel particular como industrial. De feito, parte das charlas divulgativas estiveron dirixidas á veciñanza das distintas localidades co fin de recordar a transcendencia de apostar por esa posta en valor recorrendo á compostaxe doméstica, ao depósito dos residuos orgánicos no contedor marrón ou a unha combinación dos dous sistemas.
Con ese fin, os formadores de Sogama expuxeron as bondades do aproveitamento deses restos tanto desde o punto de vista medioambiental como desde o económico e o social e detallaron cales son os procedementos e a operativa a seguir en cada modalidade.
Neste sentido, a compostaxe doméstica céntrase na xestión dos restos orgánicos na propia vivenda, para o que é preciso que os participantes conten cun terreo no que colocar o composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para que funcione axeitadamente. De feito, é importante controlar cuestións como o osíxeno, a temperatura, a humidade e que a mestura do material garde un equilibrio entre seco e húmido. Deste xeito obtense un compost de alta calidade co que fertilizar plantas e cultivos nas hortas e xardíns.
No caso da compostaxe mediante o depósito dos residuos no contedor marrón, os usuarios deben levar a fracción orgánica a eses puntos de recollida fixados polos concellos para o seu posterior transporte a unha das catro plantas de compostaxe que ten Sogama ou, se o municipio está moi afastado delas, a unha das 13 de transferencia como paso previo ao envío a unha desas catro instalacións.
Recollida selectiva
A maiores dos aspectos relacionados cos residuos orgánicos, as accións desenvolvidas polos formadores da empresa pública insisten na importancia de mellorar as competencias da cidadanía na recollida selectiva e aclaran as dúbidas existentes sobre os contedores habilitados para cada tipo de refugallo. Neste sentido, lembran que o contedor amarelo é o destino dos envases de plástico, as latas e os briks; o azul é para o papel e o cartón; o iglú verde para o vidro; o marrón para a materia orgánica; e o xenérico, para a fracción resto.
Precisamente co obxectivo de axudar á sociedade a resolver inmediatamente calquera dúbida neste sentido, Sogama conta cun buscador que, máis aló de indicar o contedor de destino de cada residuo, proporciona explicacións adicionais e complementarias de interese para os usuarios.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.