Noticias

A Xunta reforza as medidas preventivas fronte a varíola do mono e proporá ao Ministerio de Sanidade novas actuacións de control

A Xunta reforza as medidas preventivas fronte ao mpox, máis coñecida como varíola do mono, e proporá ao Ministerio de Sanidade, nas reunións desta semana entre o Goberno central e as comunidades autónomas, no marco da Ponencia de Alertas Epidemiolóxicas e da Comisión de Saúde Pública, que se intensifique a información sobre esta enfermidade (características, síntomas, países con brotes, etc.) nos lugares que reciben viaxeiros das zonas afectadas pola nova variante desta enfermidade. O obxectivo do Executivo galego é que o viaxeiro dispoña de toda a información para que, en caso de aparición de síntomas característicos como poden ser as lesións na pel, saiban que facer e onde acudir.

Nas reunións, os representantes de Saúde Pública de Galicia tamén solicitarán información sobre as doses de vacinas contra a varíola do mono das que dispón o Ministerio de Sanidade, así como se a súa subministración é inmediata.

Medidas da Xunta

Pola súa parte, no seu ámbito de actuación, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade está a tomar unha serie de medidas entre as que destaca a intensificación da campaña informativa que xa se estaba a levar a cabo para os profesionais e a cidadanía.

Así mesmo, o departamento sanitario galego recaptará aos pacientes que se vacinaron só cunha dose de vacina para que completen a pauta de inmunización, ademais de proceder á identificación das variantes dos casos de varíola do mono a través da secuenciación.

Xunto ao anterior, a Dirección Xeral de Saúde Pública intensificará a vixilancia epidemiolóxica desta enfermidade, así como o seu control e a prevención primaria, a través da vacinación dos contactos estreitos e grupos de risco.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade quere mandar unha mensaxe de tranquilidade á poboación galega, posto que na nosa comunidade só se detectaron seis casos no que levamos do presente ano.

Así mesmo, Galicia conta cun sistema de vixilancia epidemiolóxica e control de enfermidades activo (detección precoz de casos e os seus contactos, PCR e secuenciación, que posibilita coñecer as variantes), ademais da prevención primaria a través de vacinación e medidas preventivas.

Por último, sinalar que, no que atinxe aos datos de vacinación, en Galicia vacináronse 1.420 persoas, 549 cunha dose e 871 con dúas dose. Ás 549 persoas con só unha dose tentaráselles recaptar para proceder á administración da segunda delas.

R., 2024-08-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES