Noticias

Galicia manterá este curso o mesmo número de aulas grazas ao acordo sindical malia ter 4.000 alumnos menos

Os centros de Infantil e Primaria comezarán o curso o vindeiro 11 de setembro cun total de 174.998 alumnos, o que supón un descenso de 4.030 estudantes respecto ao curso 2023/24. A pesar deste descenso de matrícula, estes centros contarán co mesmo número de aulas. En concreto, no caso dos colexios públicos, haberá en funcionamento 7.336 aulas, dúas máis ca no ano académico que vén de rematar. Ademais, o número de mestres incrementarase nestes niveis respecto do ano anterior, con novas incorporacións ata o mes de setembro. A aplicación do acordo sindical permite manter abertas 204 aulas que, coas rateos anteriores, pecharían. Estímase que o acordo vai permitir manter arredor de 900 aulas abertas nos tres próximos cursos.

O Diario Oficial de Galicia publica precisamente hoxe a modificación do catálogo de unidades do sistema público nas etapas de Infantil e Primaria, no que se pode apreciar xa o resultado da aplicación do histórico acordo de mellora estrutural do sistema educativo asinado o pasado ano entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais.

A aplicación do acordo sindical permite manter abertas 204 aulas que, coas rateos anteriores, pecharían. Deste xeito, estímase que o acordo vai permitir manter arredor de 900 aulas abertas nos tres próximos cursos, malia a caída da natalidade, para dar así unha atención máis personalizada ao reducirse a cifra de estudantes por aula.

Prazas libres en 4º de Infantil

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recibiu 14.379 solicitudes de praza para nenos e nenas que entran por primeira vez no sistema en 4º de Infantil. Isto supón que quedaron libres arredor do 32% das 21.137 prazas ofertadas. O 97% das familias acadan praza no centro solicitado como primeira opción.

O acordo asinado coas organizacións sindicais inclúe 16 medidas, todas elas en marcha, entre as que se atopa a redución de rateos de alumnos por aula, que empeza este curso en 4º de Infantil e que se irá implementando ano a ano, blindando así a estrutura do sistema na vindeira década. Ademais, comeza tamén xa a computarse o alumnado con discapacidade, con melloras progresivas e proporcionais para non romper grupos existentes. Trátase dunha medida pioneira que non ten ningunha comunidade en España.

Adaptacións por matrícula insuficiente

De xeito parello, a Administración educativa fai cada ano adaptacións atendendo ás dinámicas poboacionais. Este curso, e malia ter unha matrícula por debaixo dos seis alumnos, a Xunta decide manter en funcionamento catro centros educativos por apreciar previsións de incremento de estudantes para os vindeiros cursos. Trátase das escolas de Educación Infantil EEI de Santa Cruz (San Cibrao das Viñas) e EEI de Taboadela (Taboadela) e dos colexios CEIP de Pazos-Comoxo (Boiro) e CEIP de Vilariño de Conso. Todos eles contan con cinco alumnos matriculados para o curso 2024/25.

Porén, por matrícula insuficiente e sen previsión de incremento, este curso non prestan servizo educativo, como estaba previsto, as escolas de Educación Infantil EEI de Traba (Laxe, 4 matriculados), EEI de Tal de Abaixo (Muros, 3 matriculados), EEI de Agro-Baredo (Baiona, 4 matriculados), EEI de Solobeira (Vilagarcía de Arousa, 2 matriculados), EEI de Guillán (Vilagarcía de Arousa, 2 matriculados) e o Colexio CEIP de Beariz (3 matriculados). Os nenos destes centros teñen xa praza nos colexios de referencia máis próximos.

A maiores, e para facilitar un mellor funcionamento, intégranse no Colexio Rural Agrupado de Dodro, que pasará a denominarse CRA de Dodro-Padrón, as escolas de Educación Infantil EEI de Arretén, EEI A Escravitude, EEI de Extramundi de Arriba e a EEI de Pontecesures, todas elas do concello de Padrón. O obxectivo é que, ao funcionar como un único centro, conten con máis e mellores recursos e desenvolver proxectos en común.

Os últimos informes a nivel nacional indican que en Galicia o 99,7% do alumnado de Infantil e Primaria conta con servizo educativo no concello onde reside. Isto supón que só o 0,3% non dispón del no seu municipio fronte ao 1,2% de media de España.

Concertos educativos

Doutra banda, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se modifican os concertos de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO, Educación Especial e de FP aprobados en 2023 e ata 2029. Esta modificación faise seguindo a legalidade vixente.

Así, este curso haberá un total de 3.994 unidades concertadas para as devanditas etapas, catro máis ca no curso anterior, que dan servizo a arredor de 81.000 estudantes. Case o 90% do orzamento dos concertos está destinado a aboar as retribucións do profesorado e do persoal complementario nas unidades de Educación Especial.

R., 2024-08-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES