
Este reforzo da XERA ten varios obxectivos fundamentais, como son aumentar o coñecemento e a información no sector, mellorar a profesionalización do capital humano para as tecnoloxías máis avanzadas, ou desenvolver novos procesos, produtos e usos da madeira. Para acadalos, resultará fundamental a coordinación dos centros de investigación forestal, de xeito que colaboren coma un polo único de investigación e innovación.
Desde xa hai case 30 anos, o CIS-Madeira de San Cibrao das Viñas vén prestando servizos de apoio a toda a cadea forestal-madeira, e agora incorpórase á estrutura da XERA o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, desde o que se pretende coordinar a investigación e innovación que o sector desenvolve en Galicia.
Ademais, tamén se incorporan á nova estrutura da XERA a Comisión de coordinación da industria e dos recursos forestais (na que colaborarán as consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural) e a Área de Información Forestal (encargada de labores estatísticos e de información para adoptar as políticas públicas e empresariais correctas).
Neste marco da investigación, Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo veñen de publicar o novo Inventario Forestal Continuo de Galicia. Este Inventario reflicte que a superficie de piñeiros e frondosas duplica á de eucaliptos, que abarca arredor de 420.000 hectáreas (suficiente para os proxectos industriais), nunha superficie forestal total de 2 millóns de hectáreas que, desde o 2016, vén creando 1 de cada 50 postos de traballo en Galicia, arredor do 2% do emprego total, que ascende ata o 12% no caso do industrial.

Máis madeira e menos carbón
Todas estas accións pretenden ter un impacto positivo no proceso de transición enerxética e descarbonización. En palabras do director de XERA, Jacobo Aboal, pouco sentido ten falar de descarbonización cando estás traendo barcos cheos de madeira doutro lugar e, en cambio, tes parte do teu territorio con pouca xestión forestal, onde non hai un tecido de aproveitamento do recurso. Pola súa banda, na súa visita ao CIS-Madeira, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reafirmou a intención do Goberno galego de seguir intensificando a investigación e mellorando, polo tanto, a calidade do noso produto e pechando o ciclo produtivo.
A Axenda de Impulso da Industria Forestal-Madeira prevé mobilizar arredor de 140 millóns de euros, e dentro deste importe total, a XERA ofrece diferentes axudas económicas, como as destinadas á segunda transformación da industria forestal da madeira. Nos próximos días está prevista a convocatoria dunha axuda de 5 millóns de euros para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e produtos forestais.
Cabe destacar que na nosa comunidade a cadea forestal-madeira achega o 1,9% do PIB, mentres que Europa esta cifra baixa ata o 1,4%, e en España ata o 0,9%. Son boas cifras, que reflicten o estado actual dun sector que crea emprego, contribúe ao crecemento económico e permite seguir avanzando cara á descarbonización na loita contra o cambio climático, e que se verá reforzado nos vindeiros anos a través de todas as actuacións anteriores.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.