//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Presentouse o Calendario do Libro e da Lectura de Galicia para o vindeiro ano, que inclúe datas de homenaxe a Alfonso Rodríguez Castelao con motivo do 75 aniversario do seu falecemento e a Isaac Díaz Pardo, a quen se lle dedica no 2025 o Día das artes galegas. O programa do Calendario do Libro e da Lectura comezará o 7 de xaneiro, o día no que faleceu o intelectual galego, que será protagonista tamén o día 30 dese mes, xa que o artista Xosé Vizoso terá un recordo para el polo Día da ilustración. O 1 de abril será cando a actividade se centre en Isaac Díaz Pardo, coincidindo co propio Día das artes galegas, aínda que contará todo o ano cunha ampla oferta de accións como tamén sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor do cancioneiro popular galego.
O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, volve ser un dos escenarios do ciclo de teatro en lingua portuguesa Quintas do Camões, promovido polo Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. Un ano máis, a unidade teatral da Xunta de Galicia colabora con esta iniciativa co obxectivo de poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, así como de estreitar lazos entre o teatro e a cultura de ambos os países. Salgueiro Maia, figura emblemática da Revolución dos Caraveis, comparte co público as súas memorias sobre os antecedentes dese suceso histórico, a guerra colonial e o proceso persoal que levou este militar de carreira excepcional a se rebelar contra o réxime do Estado Novo.
A revista de divulgación científica cultura Ad Limina resultou galardoada co XII Premio Internacional da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño (APECSA). O director de Administración e de Relacións coas Asociacións Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa, recolleu este xoves este recoñecemento no decurso dun acto no que agradeceu este premio a unha publicación que suma rigor científico, análises rigorosas e novos campos de estudo ao fenómeno Xacobeo. Ad limina é unha revista científica editada por Turismo de Galicia, a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, dirixida a un amplo espectro de investigadores sobre Santiago e a civilización da peregrinación en xeral e que, da man do Comité de Expertos do Camiño de Santiago, se publica anualmente desde 2010.
A Cidade da Cultura presentou o resultado das últimas Residencias Artísticas do Gaiás de 2024, correspondentes aos catro proxectos beneficiarios da liña de axudas promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Catro iniciativas contemporáneas que abordan temáticas como a situación do acceso á vivenda, as representacións do colectivo LGBTI+ no rural galego e na cultura portuguesa, a aplicación de técnicas de alta costura á creación de esculturas téxtiles e a creación de música a partir de cartas náuticas.
A mostra Convidadas: dúas miradas de Zuloaga estará aberta ao público ata o vindeiro 23 de febreiro de 2025 na sala cinco do Museo de Belas Artes da Coruña. As obras seleccionadas son dous retratos do artista Ignacio Zuloaga (1870-1945), pintados ambos en París en 1912, que exemplifican o seu amplo labor como retratista. Son dúas figuras femeninas, o Retrato da señora Mlinowska, a Rusa, e A bailaora Antonia, a galega, que ofrecen dúas visións diferentes da maneira de concibir a imaxe da muller por parte de Zuloaga.
Presentouse hoxe o programa 'Os trazos de Risco', unha iniciativa que contará con cinco pezas audiovisuais para homenaxear a Vicente Risco coincidindo co 140ª aniversario do seu nacemento. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración do Goberno galego e que afonda nas distintas facetas do autor. Este programa afondará na vida e obra do ourensán Vicente Risco, un home que desenvolveu as súas inquedanzas en diversos eidos, como o literario ou o político, que pertenceu á Xeración Nós e que deixou unha herdanza cultural que perdura ata os nosos días. O programa está composto por cinco conversas que se gravaron no Teatro Principal de Ourense.
aRi(T)mar Galiza e Portugal é un proxecto didáctico-cultural desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais para achegar mutuamente a cultura e a lingua de ambas rexións, no marco do fortalecemento dos vínculos coa lusofonía e na promoción do ensino do portugués. A gala, que estará conducida por Chévere, contará ademais coas actuacións dos premiados na categoría musical. A entrada será de balde e sen necesidade de reserva previa.
O Centro Dramático Galego participa na estrea en Coímbra de Frágua de amor, a última das novas coproducións previstas para este outono e impulsadas durante este 2024, coincidindo coa celebración 40º aniversario da compañía pública. Na liña de internacionalización que leva desenvolvendo a unidade teatral da Xunta nos últimos anos, a montaxe da peza deste clásico da literatura portuguesa verá a luz no Teatro Académico de Gil Vicente (TAGV), onde permanecerá en cartel ata o sábado día 16. Frágua de amor, de Gil Vicente, está coproducida polo Centro Dramático Galego xunto a seis estruturas culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coímbra, O Bando de Surunyo, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João.
AveLina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid Freire veñen de alzarse coas diferentes modalidades dos tres premios de literatura dramática que convoca bienalmente a Xunta de Galicia co obxectivo de servir de estímulo á creación literaria en galego no eido teatral. No caso de AveLina Pérez, obtivo o XXVII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais coa obra Incidencia muller pedra, mentres que Carlos Labraña resultou dobremente galardoado ao conseguir o XIII Manuel María de literatura dramática infantil por O carteiro de Ximaraos e o XVI Barriga Verde para teatro de monicreques na modalidade de adultos por O Faro. O Barriga Verde na categoría de textos para público infantil é para Andrea Cid Freire por Manchea.
Presentáronse en Pontevedra os principais eixos arredor dos que xirará a 17ª feira Culturgal, que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro. O Pazo da Cultura da capital do Lérez volverá acoller tres intensos días de actividade, cunhas 200 citas programadas entre espectáculos, presentacións, obradoiros, exposicións ou mesas redondas. Entre as actividades programadas, os contacontos de A Vendedora de Fume e de Vero Rilo, os espectáculos do Mago Teto, Pedro Volta e Teatro Ghazafelhos, un achegamento ao proceso creativo da proposta escénica Ca-co-flex, ou as performances de Kirenia Danza e de Daniel Rodríguez arredor das súas respectivas coproducións co Centro Coreográfico Galego.
O catro de setembro ás 19,00 h., inaugúrase na Casa da Galería da Praza Maior de Castro de Rei, a exposición OS NOTABEIS, Serigrafía medio salvaxe, de Jorge Carla, Antonio Asensi e Israel Dawood, que reflicte a volta de personaxes dun Castro de Rei do século pasado.
Dirixida por Bernardo Tejeda, está organizada pola Fundación Margarita Ledo Andión, coa colaboración da Rede Museística Lucense da Deputación Provincial de Lugo.
A serie galego-portuguesa Lume atópase xa na recta final da súa rodaxe, que se vén levando a cabo en diferentes localizacións das dúas beiras do Miño. O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o equipo durante a gravación no concello pontevedrés de Cuntis dalgunhas das últimas escenas deste thriller, para o que a produtora galega Setemedia dispón dunha subvención de máis de 240.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
A plataforma Neofalantes.gal continuará entre 2024 e 2026 o programa de actuacións para poñer en valor a lingua galega entre as persoas que comezan a falala a través deste proxecto da USC. O portal conta con seccións sobre o mundo neofalante, actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas en redes relacionadas co galego ou vídeos.
O Museo Casa de la Troya manterá abertas as súas portas durante todo o verán -ata mediados de outubro- para que composteláns e visitantes poidan percorrer a vella pensión de estudantes, inmortalizada por Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. O horario de apertura é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, de martes a sábado, pechando os domingos e os luns.
Videoarte en Movemento (VEM) chega a Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña. A furgoneta do VEM, que viaxará por España e Portugal ofrecendo unha programación de videoarte internacional ao aire libre e de carácter gratuíto, ten parada este 31 de xullo na UDC, en Normal. VEM é unha experiencia itinerante da creación visual en ambientes de transición e de paso, exhibindo un programa composto por obras de videoartistas internacionais.
'A pegada da pesca: cultura e memoria mariñeira en Foz' é un proxecto impulsado polo Concello de Foz para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña Ortegal na convocatoria 2023. Este proxecto ten como principal obxectivo dar visibilidade á actividade mariñeira focense ao longo da súa historia, mediante a recuperación da memoria local dalgúns dos seus protagonistas.
Os actos, organizados polo Concello de Foz coa colaboración de Egeria, consistiron nunha sesión de homenaxe e unha exposición que, nunha ducia de paneis, percorre a vida e obra desta muller que cantou a Foz e ás súas xentes e, ao dicir do escritor Cesar Michelena, 'sorbió de Foz la inspiración más pura', viaxou por todo o mundo, e como funcionaria municipal tivo ao seu cargo os temas de turismo do pobo que leva décadas nos primeiros postos de atracción turística do país.
-A Xunta de Galicia expón unha escolma de fotografías de José Luis Vega que percorren a década dos anos 70 do pasado século, ofrecendo unha panorámica das xentes, o urbanismo ou a situación económica e social de Lugo naquela época.
A mostra A cidade e as xentes prolongarase ata o mes de outubro e consta de dúas partes diferenciadas. A Biblioteca Pública Provincial rescata as imaxes relativas ao período 1970-1975, que hai un ano expuxera o Arquivo Histórico Provincial, mentres este acolle desde marzo as correspondentes á etapa entre 1975-1979.
O CORGA chegou á súa versión 4.1 acadando un total de 45.665.649 palabras ortográficas (54.737.277 elementos gramaticais), o que supón dous millóns e medio máis de vocábulos que os que incorporaba a versión 4.0, presentada a comezos de 2022. Trátase dun 'corpus pequeno pero cunha rica codificación, o cal contrasta con corpus noutras linguas de miles de millóns de palabras construídos a partir de Internet, pero cunha escasa codificación', explica a profesora da USC María Sol López Martínez, codirectora do proxecto xunto a Guillermo Rojo, profesor emérito da USC.
Ciencia e arte fusiónanse en Mar Emerxente, un proxecto que celebra a beleza e a complexidade dos océanos. Posto en marcha polo Campus do Mar dentro da súa iniciativa Scientists meet Artists, e liderado polo Centro de Investigación Mariña da UVigo, a proposta combina a creatividade de cinco artistas de prestixio internacional co coñecemento de cinco científicos e científicas do CIM-UVigo para crear esculturas inspiradas en diversos ámbitos das ciencias mariñas.