
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na rolda de prensa na que se anunciaron os detalles da Gala aRi(T)mar de música e poesía galego-portuguesas que, coa colaboración da Xunta, reunirá o vindeiro venres 22 de novembro no Auditorio de Galicia aos galardoados e galardoadas nesta novena edición.
No marco desta presentación, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a importancia de fomentar os vínculos coa lusofonía e destacou as relacións entre Galicia e Portugal, co cal nos mantemos preto tanto pola cultura como polas nosas linguas. Neste senso, valorou o traballo conxunto a prol de manter esta colaboración mediante a promoción de festivais ou outras actividades que potencien estas conexións.
Valentín García sinalou tamén a importancia de contar con músicas de todos os xéneros e estilos en galego e portugués, en especial con propostas que chegan e que gustan a un público mozo. Así, fixo fincapé no apoio do Goberno galego a esta industria que non deixa de medrar e, ademais, gabou ao grupo gañador De Ninghures, pola súa participación activa no proceso de normalización lingüística a través das súas propostas musicais que están chegando a milleiros de oíntes.
Na novena edición desta cerimonia o grupo De Ninghures, composto por Manuel Fernández, Manuel Lucas Tomé, Adrián Méndez, Marta Álvarez, Aldara Palmeiro e Hadrián García, recollerá o Premio á Mellor música do ano 2023 en Galicia por Morena. No caso do grupo de Coimbra, Os Quatro e Meia, dos artistas João Cristóvão, Mário Ferreira, Pedro Figueiredo, Ricardo Almeida, Rui Marques e Tiago Nogueira, recibirán o galardón á Mellor música do ano en Portugal polo seu tema Na escola.
Na categoría de poesía, recibirán os seus respectivos galardóns polas mellores creacións do 2023 á poeta e docente viguesa Silvia Penas, polo poema Canto segundo para un fillo non nado, e a poeta, pintora e ilustradora nada en Braga, Silvia Mota pola composición Há mulheres que trazem...
A gala, que estará conducida por Chévere, contará ademais coas actuacións dos premiados na categoría musical. A entrada será de balde e sen necesidade de reserva previa para todas as persoas interesadas en asistir a esta cita cultural o vindeiro 22 de novembro ás 20,30 horas no Auditorio de Galicia.
Para fortalecer os vínculos lusófonos
aRi(T)mar Galiza e Portugal é un proxecto didáctico-cultural desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais para achegar mutuamente a cultura e a lingua de ambas rexións, no marco do fortalecemento dos vínculos coa lusofonía e na promoción do ensino do portugués.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.