Noticias

AveLina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid Freire obteñen os premios de literatura dramática da Xunta

AveLina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid Freire veñen de alzarse coas diferentes modalidades dos tres premios de literatura dramática que convoca bienalmente a Xunta de Galicia co obxectivo de servir de estímulo á creación literaria en galego no eido teatral. No caso de AveLina Pérez, obtivo o XXVII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais coa obra Incidencia muller pedra, mentres que Carlos Labraña resultou dobremente galardoado ao conseguir o XIII Manuel María de literatura dramática infantil por O carteiro de Ximaraos e o XVI Barriga Verde para teatro de monicreques na modalidade de adultos por O Faro. O Barriga Verde na categoría de textos para público infantil é para Andrea Cid Freire por Manchea.

A convocatoria conxunta destes galardóns suma unha dotación de 26.000 euros, dos que 8000 euros corresponden ao Álvaro Cunqueiro, o premio máis lonxevo no seu ámbito en Galicia. O resto de galardóns e modalidades contan con 6000 euros en cada caso. Ademais, as bases recollen a posibilidade de que estes catro textos sexan publicados dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén con Edicións Xerais e Baía Edicións.

O xurado deste ano estivo integrado por Mariana Fernández como presidenta e por Fernando Castro Paredes, Iván Fernández, Dani Salgado, Eva Mejuto e María Torres como vogais. Para o seu ditame, valorou 107 orixinais, dos que 62 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 18 ao Manuel María, 19 á modalidade infantil do Barriga Verde e oito á categoría de teatro para adultos deste mesmo premio.

Canto á liberdade individual

AveLina Pérez repite como gañadora do Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, co que xa fora recoñecida en 2018 por Ás oito da tarde, cando morren as nais, obra que foi levada a escena en 2022 polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Marta Pazos e traducida tamén ao portugués e ao francés. Desta volta, a súa autora resultou premiada por Incidencia muller pedra, obra que o xurado define como un canto á liberdade individual cunha “enorme carga poética”, a partir da que se constrúe “un retrato moi íntimo da protagonista, ao tempo que se poñen na mesa grandes temas de transcendencia filosófica e social: a alienación, a moralidade social e o papel do individuo fronte a sociedade”. A acta destaca, así mesmo, a posta en valor “dunha voz de muller non normativa, sen apelar a lugares comúns, a perspectivas ortodoxas” a través dunha historia “singular e lúcida”, que foxe do convencional para se presentar como unha peza “emocionante, delicada e profundamente intelixente”.

Formada en interpretación na Escola Santart e en dirección de escena e dramaturxia na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, AveLina Pérez conta cunha destacada traxectoria como dramaturga, directora e actriz teatral en pezas como Desde ese silencio, Segunda man. Estado aceptable, Eco, Por favor, ténteo novamente máis tarde, Deixa de tocala, Sam, Os cans non comprenden a Kandinsky, A que non podes dicir cocacola? (I e II) ou Gañaremos o pan coa suor da túa fronte. Como escritora, ademais dos seus dous premios Álvaro Cunqueiro, obtivo o Abrente de textos teatrais por O día no que bicar a terra e a súa última obra publicada é Ese silencio (Edicións Positivas).

Dobre recoñecemento

Tamén Carlos Labraña recibira anteriormente o Manuel María para textos teatrais, que levou en 2016 por O valo, sobre o drama dos refuxiados. Agora faise coa 13ª edición deste galardón con O carteiro de Ximaraos, ademais de coa 16ª do Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, na modalidade de adultos, con O Faro.

Ao respecto de O carteiro de Ximaraos, valorouse especialmente a súa temática, que aborda “dun xeito sensible, coidado e con profundidade” a situación das crianzas que conviven cun familiar doente e o conflito interxeracional que os separa. A importancia da memoria, a tradición e a transmisión do legado familiar están tamén presentes na obra, da que o xurado subliña igualmente a súa calidade dramática, a detallada construción das personaxes e o emprego dunha linguaxe simbólica e metafórica, incluíndo elementos de realismo máxico.

En canto a O Faro, a acta defínea como “unha peza teatral profundamente evocadora, unha mostra da potencialidade da linguaxe dos monicreques para tratar temáticas duras e de alcance universal”. “O Faro –continúa o xurado– reafirma, deste xeito, o poder do teatro como ferramenta de resistencia e de lembranza, facéndonos ver que, en ocasións, a única solución para combater as sombras é apagando a luz”. Foi así no caso do protagonista da historia que recupera Labraña: Anselmo Vilar, o fareiro galego de Torre del Mar (Málaga), quen tivo a valentía de manter as luces apagadas para axudar as miles de persoas que fuxían durante A Desbandá, un dos episodios máis terribles e esquecidos da guerra civil.

Dramaturgo especializado en teatro para a infancia, Carlos Labraña foi premiado tamén co Xeración Nós, o Estornela ou O Facho por obras que se representan de maneira habitual nos colexios. As súas últimas pezas amosan un xiro cara a temas máis sociais e reivindicativos, como no caso da devandita O Valo, así como de Moito Morro Corporation Sociedade Ilimitada (Premio Gala do Libro 2017), Estrelecer ou Mambrú volveu da guerra (Premio SGAE 2022). Participa activamente en diferentes asociacións para a promoción e difusión do teatro infantil galego e dirixe a compañía teatral Os Furabolos, que representa moitas das as súas pezas.

Desmontar tópicos

A terceira galardoada nesta convocatoria dos premios de literatura dramática da Xunta de Galicia é Andrea Cid Freire, recoñecida co Barriga Verde na modalidade de textos para a rapazada por Manchea. O xurado fai fincapé na súa capacidade de “xogar a desmontar os tópicos sexistas dos contos tradicionais” para lles dar a volta e reformular os papeis tradicionais a través da crítica social e “cunha linguaxe rica e áxil que mestura humor e elementos fantásticos, cun destacado uso da rima e a eufonía”.

Mestra de pedagoxía terapéutica, contacontos e actriz, en 2022 Andrea Cid Freire descóbrese tamén como escritora de literatura infantil ao publicar o álbum ilustrado Luuume! O seu vínculo co teatro comeza nos primeiros anos de instituto co grupo Tarumba, co que recibe o Premio Buero de Teatro Joven á mellor interpretación. Posteriormente forma parte de compañías como La Imagina Machina, Teatro Muxicas da ONCE, Aula Maricastaña e Teatro do Pichel.

R., 2024-11-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (camino-neboa.jpg) O Comité Internacional de Expertos no Camiño reuniuse estes días no Pazo de Amarante, en Santiago. Unha xuntanza na que abordaron diversos asuntos que lles van permitir avanzar na programación relativa ao Xacobeo 2027 e que contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. En concreto, a reunión serviu para debater sobre varias propostas de cara ao Ano Santo 2027, como a realización de varias exposicións ou o Congreso Internacional do Comité de Expertos que se prevé que se desenvolva nese ano. Tamén para o 2027, no mes de outubro, propúxose a participación do Comité nunha xornada en Núremberg sobre a peregrinación a Santiago.
Foto de la tercera plana (nenos-clase-estudo.jpg) A Xunta de Galicia adaptará o mapa escolar á evolución demográfica para o vindeiro curso escolar, o que implica que deixarán de funcionar sete unitarias por falta de alumnos, mentres que tres permanecerán abertas a pesares de teren unicamente cinco matriculados. Pola contra, para atender á crecente demanda de matrícula, construiranse tres novos centros e realizaranse obras de ampliación noutros 18 en concellos de toda Galicia. Así pois, debido á matrícula insuficiente e sen previsión de incremento, este próximo curso non prestarán servizo educativo as escolas de Educación Infantil da Lagoa (Arteixo, 4 nenos), de Muros (3 nenos), Queiruga (Porto do Son, 1 neno) e Romariz (Soutomaior, 3 nenos) e os colexios de Seráns (Porto do Son, 3 nenos), de Castromil (Vimianzo, 3 nenos) e de Negueira de Muñiz (4 nenos).

Notas

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo, atlanTTic, está a participar no proxecto europeo 3DBigDataSpace, liderado pola empresa australiana Time Machine Organisation, a principal organización internacional de cooperación en tecnoloxía, ciencia e patrimonio cultural, e que busca potenciar o acceso, visualización e contextualización de contidos 3D e 4D sobre o patrimonio cultural europeo.
Galicia conta xa co primeiro laboratorio dixital de innovación costeira atlántica, que reúne boas prácticas, ferramentas técnicas, exemplos de proxectos sostibles e recursos orientados á acción local. Trátase do proxecto SEALabHaus, liderado pola UDC, aprobado en concorrencia competitiva e financiado no marco da primeira convocatoria do Programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027, que impulsa o turismo e a economía azul, ademais do patrimonio natural e cultural dun mar inclusivo e sostible.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES