Notas de prensa

O Museo Casa de la Troya poderá visitarse durante todo o verán, con percorridos pola pensión que recrea a vida universitaria de finais do XIX

O Museo Casa de la Troya manterá abertas as súas portas durante todo o verán -ata mediados de outubro- para que composteláns e visitantes poidan percorrer a vella pensión de estudantes, inmortalizada por Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. O horario de apertura é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, de martes a sábado, pechando os domingos e os luns.

Benigno Amor é o director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Indica que “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos”. Anima a todos os veciños de Compostela e aos turistas a que se acheguen a coñecer todos os tesouros que agocha este recuncho romántico, que recrea a vida universitaria do Santiago de finais do século XIX e principios do XX, a pensión na que se aloxaba o personaxe principal da novela de Lugín e os seus compañeiros de estudos e aventuras.

O director do museo salienta que no que levamos de verán produciuse un lixeiro incremento no número de visitantes con respecto ás cifras do ano pasado. “No mes de agosto agardamos recibir, como xa é habitual nesta época, turistas procedentes de diferentes puntos de Galicia, do resto de España e tamén do estranxeiro, sobre todo de Europa e América” -apunta-.

O edificio funcionou como hospedaría de estudantes entre 1886 e 1906. A principios dos anos noventa do pasado século rehabilítase, acondiciónase e comeza a súa andaina como museo no ano 1993.

A Casa de la Troya está ambientada con mobles e útiles da época: a cociña coa súa lareira, o salón-comedor e o seu magnífico aparador, os dormitorios que aínda gardan traxes impolutos… A antiga corte dos cabalos está dedicada ás Tunas Universitarias, unha estancia na que se poden admirar diversos instrumentos musicais, becas, capas, trofeos, fotografías… da estudantina; ademais, mantéñense as peculiares escaleiras que facilitaban o paso dos cabalos, un dos poucos exemplos que aínda se conservan na cidade compostelá.

O museo custodia vellas fotografías, cadros e obxectos variados que pertenceron a algunhas das persoas reais que inspiraron os personaxes do libro; ademais dunha biblioteca histórica, que se compón de exemplares de distintas edicións da novela, de autores relacionados coa obra de Lugín e outros de temática compostelá.

Museo Casa de la Troya, 2024-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES