
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación do programa Os trazos de Risco, unha iniciativa que contará con cinco pezas audiovisuais para homenaxear a Vicente Risco coincidindo co 140ª aniversario do seu nacemento. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración do Goberno galego e que afonda nas distintas facetas do autor.
Durante a presentación, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o compromiso da Xunta de Galicia con iniciativas que recollan e poñan en valor o legado de autores sobranceiros da literatura galega. Deste xeito, fixo fincapé na importancia de estudar e preservar as obras e o pensamento das figuras que conforman a nosa historia.
Así, o secretario xeral da Lingua destacou a importancia deste programa que afondará na vida e obra do ourensán Vicente Risco, un home que desenvolveu as súas inquedanzas en diversos eidos, como o literario ou o político, que pertenceu á Xeración Nós e que deixou unha herdanza cultural que perdura ata os nosos días.
O programa, no que o propio Valentín García participou, está composto por cinco conversas que se gravaron no Teatro Principal de Ourense. A súa estrea está prevista que sexa o vindeiro sábado 23 de novembro, ás 12,00 horas, en diferentes plataformas.a
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.