Noticias

O Centro Dramático Galego avanza nos proxectos en común coa escena portuguesa na estrea do clásico de Gil Vicente 'Frágua de amor'

O Centro Dramático Galego participa na estrea en Coímbra de Frágua de amor, a última das novas coproducións previstas para este outono e impulsadas durante este 2024, coincidindo coa celebración 40º aniversario da compañía pública. Na liña de internacionalización que leva desenvolvendo a unidade teatral da Xunta nos últimos anos, a montaxe da peza deste clásico da literatura portuguesa verá a luz no Teatro Académico de Gil Vicente (TAGV), onde permanecerá en cartel ata o sábado día 16. Frágua de amor, de Gil Vicente, está coproducida polo Centro Dramático Galego xunto a seis estruturas culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coímbra, O Bando de Surunyo, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João.

A peza está dirixida por António Augusto Barros e conta coa música en directo de O Bando de Surunyo, especializado na interpretación de obras dos séculos XVI e XVII, con seis voces, laúde, viola de gamba, frauta e percusión baixo a dirección musical de Hugo Sanches e co galego Xurxo Varela á viola. Sobre o escenario actuará un elenco de nove actores e actrices: Ana Teresa Santos, Carlos Meireles, Igor Lebreaud, Maria Quintelas, Miguel Magalhães, Nuno Meireles, Sérgio Ramos e a galega Mónica Camaño.

Festa e reivindicación

A posta en escena do texto, escrito en 1524 para celebrar o casamento de João III con Catarina de Habsburgo, consegue, a través da escenografía e da música, o ambiente de festa imaxinado por Gil Vicente. Non obstante, tamén lanza miradas críticas aos temas habituais do autor: a igrexa, a xustiza corrupta e a fidalguía improdutiva que aspira a beneficios.

Tras a estrea en Coímbra, o espectáculo Frágua de amor comezará unha xira que o levará os días 29 e 30 de novembro ao Teatro García de Resende en Évora e, xa en 2025, ao Salón Teatro de Santiago de Compostela o 10 de xaneiro e ao Teatro Nacional São João de Porto do 15 ao 18 de xaneiro.

Unión do teatro galego e portugués

Nos últimos anos a unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa ten colaborado con estruturas públicas e compañías portuguesas dentro do seu obxectivo de servir de ponte entre profesionais das dúas beiras do Miño. Así, en novembro de 2023 produciu xunto co Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa e o Teatro Nacional São João de Porto Manuela Rey Is In Da House. A comezos do outono viron a luz as coproducións Territórios de liberdade, coa compañía galega Tanxarina Títeres e a portuguesa Varazim Teatro, e Entrepalav-bras, da galega ButacaZero en alianza coa lusa TEatroensaio.

Dentro desta cooperación enmárcanse tamén os traballos desenvolvidos ao abeiro do proxecto europeo Nós/Nous, que impulsa a promoción profesional e a internacionalización do alumnado de arte dramática ao final da súa carreira académica e que posibilitou as recentes montaxes de Na hora dos cans e Ifixenia.

R., 2024-11-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES