
O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este venres a inauguración da exposición final deste proxecto, realizado coincidindo coa celebración da Década dos Océanos para un desenvolvemento sostible das Nacións Unidas e que que contou coa colaboración e cofinanciamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, FECYT. O público poderá gozar da mostra na sede institucional da UVigo no Berbés ata o vindeiro 15 de setembro. A partir desta data, as institucións interesadas poderán solicitar o préstamo para a súa exhibición temporal.
Como sinalou o director do Campus do Mar, Daniel Rey, esta iniciativa propón unha viaxe emocionante cunha serie de investigadoras e artistas que demostran como podemos transmitir a fraxilidade dos océano e como a través da ciencia e a arte podemos conseguir un nivel máis alto de sensibilización e entendemento.
Pola súa banda, Ana Bernabeu, directora da Área de Investigación da Universidade de Vigo, explicou como ciencia e arte son complementarias á hora de comprender e explicar o mundo. A ciencia permitiunos desentrañar a orixe da natureza e mellorar a calidade de vida humana e a arte ábrenos unha fiestra cara á creatividade e danos unha visión do mundo que transcende as palabras e os datos. Ambas poden fusionarse para establecer novas solucións aos desafíos dos océanos, dialogando, colaborando, derrubando barreiras e abrindo portas a todas as formas de pensar.
Cinco colaboracións para un proxecto único e innovador
Mar Emerxente nace da colaboración de cinco binomios multidisciplinares formados por Paula Diz e Noemí Palacios, Fran Ramil e Nando Álvarez, Moncho Gesteira e Amancio González, Estefanía Paredes e Lyliya Pobornikova e Elena Ojea e Itahisa Pérez. Persoal científicos e artistas mergulláronse de cheo nun proxecto único e innovador no que investigación e creatividade camiñan da man. Tras visitar ás e aos investigadores para descubrir os seus traballos e intercambiar experiencias e visións, as e os artistas pecháronse nos seus talleres a dar forma a todo o percibido. O resultado son cinco obras que representan unha perfecta simbiose entre os mundos científicos e artístico.
Da unión entre a investigadora Paula Diz, especializada en microfósiles mariños, e a escultora Noemí Palacios xurde Rastros de Silencio, tres pezas en alabastro que abordan as etapas de deterioro dos océanos debido á acidificación e que actúan como declaración visual sobre a importancia de preservar o medio mariño.
Do tándem entre Fran Ramil, especialista en invertebrados bentónicos mariños, e o artista Nando Álvarez nace Fauna, unha escultura de mármore portugués rosa e gris inspirada na fauna submarina cun deseño fluído que evoca corais, anemones e moluscos e formas en punta e curvilíneas que reflicten a complexidade dos ecosistemas profundos. O contraste entre o mármore rosa e as vetas grises achegan dinamismo, mentres que a superficie pulida realza as texturas do mármore.
Tras o encontro con Moncho Gesteira, catedrático de Física Aplicada e responsable do grupo EPhysLab, o artista Amancio González creou Home á deriva, unha estrutura ortoédrica regular sobre a que se desenvolve unha escena en aparente equilibrio. Algúns dos elementos racharon provocando un movemento na parte superior en forma de onda sobre que flota un cubo e un ser humano. A escultura capta o momento desa ruptura previa ao desmoronamento: o equilibrio pronto desaparecerá e o ser humano está en estado de incerteza.
Da colaboración entre a especialista en criobioloxía e bioloxía de equinodermos Estefanía Paredes e a escultora Lyliya Pobornikova emerxe Interior, unha obra que nace da fascinación polas formas orgánicas e sobre como estas resoan coas emocións. A peza é unha invitación á reflexión, á busca do interior e ao contacto co natural.
Finalmente, da unión entre a responsable do grupo Future Oceans Lab Elena Ojea e a artista Itahisa Pérez xurde Último resquicio, unha serie de esculturas que explora a intersección entre a pesca e o cambio climático, destacando a alarmante diminución dos recursos acuáticos. Unhas pezas que transmiten a pegada devastadora da intervención humana e resaltan a urxencia e fraxilidade da situación ambiental, invitando a reflexionar sobre a responsabilidade do ser humano na preservación do ecosistema.
A exposición complétase con guías didácticas de cada unha das esculturas, así como audioguías para mellorar a accesibilidade e dunha reportaxe audiovisual que documenta todo o proceso e a experiencia.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.