Notas de prensa

O Corpus de Referencia do Galego Actual supera os 45 millóns de palabras e xa recoñece a gheada e o seseo

O CORGA chegou á súa versión 4.1 acadando un total de 45.665.649 palabras ortográficas (54.737.277 elementos gramaticais), o que supón dous millóns e medio máis de vocábulos que os que incorporaba a versión 4.0, presentada a comezos de 2022. Trátase dun 'corpus pequeno pero cunha rica codificación, o cal contrasta con corpus noutras linguas de miles de millóns de palabras construídos a partir de Internet, pero cunha escasa codificación', explica a profesora da USC María Sol López Martínez, codirectora do proxecto xunto a Guillermo Rojo, profesor emérito da USC.

CORGA está coordinado, na súa parte lingüística, por Eva María Domínguez Noya e, na súa parte informática, por NLPgo Technologies S.L.

O CORGA é un corpus documental aberto que abrangue cronoloxicamente dende 1975 ata a actualidade, cuxo obxectivo é fornecer datos para o estudo da lingua galega actual dende múltiples perspectivas: léxica, morfolóxica, sintáctica, fraseolóxica, terminolóxica, discursiva, etc, e a súa mellora realízase de xeito continuo no marco do convenio entre o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a través da Secretaría Xeral da Lingua e a Universidade de Santiago de Compostela. Con este corpus é posible, por exemplo, identificar a partir de que ano se empeza a utilizar unha determinada palabra ou cando deixa de empregarse de forma cotián por cambios tecnolóxicos ou sociais, entre outros, ou localizar bibliografía que trate dun determinado tema.

Esta nova versión presenta utilidades innovadoras coma a recuperación de información pola modalidade inventario ou un dicionario de frecuencias que ten en conta o índice de dispersión, co que achega resultados moito máis relevantes sobre a frecuencia do léxico. Así mesmo, facilita o recoñecemento de formas con gheada e seseo e a fai posible realizar estudos variados dende a perspectiva de xénero: tendo en conta o emprego da linguaxe inclusiva non binaria directa, atendendo á discriminación dos resultados en función do sexo da persoa autora ou interlocutora ou habililitando cruzamentos entre o sexo dunha persoa autora e o dos personaxes.

Ademais póñense á disposición da comunidade dúas novas ferramentas no Etiquetador/Lematizador do Galego Actual XIADA: na sección Demostración, calquera persoa pode etiquetar morfosintacticamente arquivos de texto sen necesidade de instalar programas, sen ter que se rexistrar e sen precisar coñecementos técnicos e na pestana Flexionador accédese a un flexionador verbal e nominal que proporciona os elementos do paradigma, asociados sempre a unha etiqueta morfosintáctica e con indicacións sobre a súa normatividade. A maiores, o flexionador conéctase co CORGA, de xeito que se poden observar os elementos do paradigma en múltiples contextos reais de uso.

En síntese, indica María Sol López, o sistema CORGA-XIADA “é unha ferramenta potente, flexible, amigable e tamén innovadora, de suma utilidade para extraer datos da lingua galega actual”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-06-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES