Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Como cada ano desde o 2013, a Fundación Artesanía de Galicia presenta na capital sueca unha nova colección de pezas de Artesanía de Galicia, unha proposta para crear ambientes baseados no produto artesán e nos que a artesanía tradicional se combina con produtos máis contemporáneos. Nesta edición, cóntase coa participación de 51 profesionais do sector artesán galego, dos cales un total de 18 son novas incorporacións a esta feira. A porcelana, o papel, o vidro, as pezas de coiro ou os xoguetes de madeira combinan coa olería, coa cestería tradicional, co téxtil, coa ilustración, co vidro, coas figuras tradicionais feitas con miga de pan ou coas pezas de madeira orientadas á gastronomía, formando todo isto parte da escolma que representa o produto artesán galego este ano en Formex.
Este mércores, no Colexio Fingoi de Lugo, vaise presentar a exposición itinerante 'Don Ricardo de Fingoi - Carballo Calero en Lugo', do Colectivo Egeria, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración deste colexio lucense e a Real Academia Galega. O traballo concrétase nunha exposición itinerante de trece paneis de 2x1 m, un folleto que recolle os contidos dos paneis da mostra, sinaladores de lectura, a web desta celebración (que ese día se pon en marcha) e un libro que será editado con posterioridade. A razón de centrarse inicialmente en Fingoi esta homenaxe é o ter sido Ricardo Carballo Calero, durante quince anos (1950 a 1965) profesor e conselleiro delegado deste Colexio, tendo efectuado en Lugo parte esencial do seu excepcional traballo creador e investigador.
'21 Días co galego e +' é un programa baseado nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, unha experiencia que se desenvolveu hai uns anos no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso pasado, se fixo extensivo a outros catro centros, un por provincia. Participaron na primeira edición un total de 95 docentes e de 1316 alumnas e alumnos de 12 a 18 anos. A iniciativa recibiu o Premio da Cultura Galega 2019 na modalidade de Lingua. En 2020, o programa continúa a súa expansión coa participación de 10 centros e 3877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da ESO, de bacharelato e de FP.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) reinicia a súa actividade coa posta en marcha da súa primeira carteleira semestral de 2020, que ata o mes de xuño lle ofrecerá ao público galego 328 actuacións escénicas e musicais en 45 escenarios de 40 localidades. A primeira delas será a que protagonizarán a coreógrafa e bailarina Janet Novás e a música Mercedes Peón o venres en Lugo co espectáculo de danza Merecedes máis eu, inserido á súa vez no ciclo Lugo en Danza. Con máis de vinte anos de traxectoria ininterrompida, a Rede Galega de Teatros e Auditorios é un dos principais circuítos para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional.
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso adiantou hoxe o cartel da súa décimo terceira edición, que terá lugar do 6 ao 15 de marzo. O festival, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, esténdese por vez primeira fóra da provincia de Ourense, para ofrecer na Ribeira Sacra lucense dous dos cinco concertos programados este ano. O concerto inaugural correrá a cargo da Escolanía de Segovia o 6 de marzo no Templo da Vera Cruz do Carballiño. O festival inclúe, así mesmo, as actuacións do arpista británico Andrew Lawrence King, do violinista galego José Manuel Álvarez ou do Kosmos Emsemble do Reino Unido.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI- Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura e Turismo dedicará boa parte da súa programación de 2020 a celebrar o 10º aniversario do xurdimento do Novo Cinema Galego, etiqueta acuñada en 2010 baixo a que se agruparían moitos dos realizadores do país con maior proxección nesta última década. A primeira carteleira bimestral, que arrancará na Coruña o vindeiro martes 7 de xaneiro coa película chinesa Hasta siempre, hijo mío, alternará títulos galegos con cinema español, filmes de Kubrick, de Hitchcock e outras propostas ata completar 39 días de apertura ao público da sala de proxeccións.
O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por cuarto ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese os días 28 e 29 de decembro e 3 e 4 de xaneiro, arredor de dous espectáculos das compañías galegas Aporía Escénica e Talía Teatro precedidos de cadanseu taller. O ciclo arrancará esta fin de semana con Animal Sagrado, unha proposta dirixida por Diana Mera para público a partir de tres anos, na que se establece unha relación cos animais como seres vivos sabios e inocentes dos que temos moito que aprender.
A Cidade da Cultura de Galicia celebrará a fin de semana do 18 e 19 de xaneiro de 2020 o festival infantil de curtametraxes Pequefilmes. O Museo Centro Gaiás proxectará unha escolma de ao redor dun cento de traballos, moitos deles premiados nalgúns dos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo, como Annecy, Chicago ICFF, Animamundi, Animafest, Dresdner Kinderfilfest, etc. A programación desta cuarta edición de Pequefilmes recolle, deste xeito, o máis destacado da produción internacional actual dedicada a esta audiencia pequena en tamaño pero grande en esixencias, converténdose nunha oportunidade para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais de gran calidade que, en moitas ocasións, quedan fóra do seu alcance polos circuítos convencionais.
Os centros bibliotecarios públicos municipais dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Dumbría, Lousame, A Pastoriza, Portas, Entrimo, Guitiriz, Muras, Muros e San Cristovo de Cea son os que se incorporan ao Rexistro de bibliotecas de Galicia. A inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia é o paso previo á integración na Rede de Bibliotecas, que lles permitirá ter obter acceso a axudas e subvencións e ao Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria KOHA xa nos primeiros días de 2020. O persoal bibliotecario poderá participar nos programas de formación que convoca anualmente a Consellería de Cultura e Turismo para incrementar a calidade dos servizos que prestan aos usuarios.
O Xacobeo 2021 ofrecerá 10 actividades ao día e 313 escenarios ao longo de 2020 e 2021. Galicia vivirá así os primeiros 700 días dos 5.000 que temos por diante da década xacobea”. Baixo a previsión dunha asistencia a todos os eventos de máis de 7 millóns de persoas, se ben o escenario principal será Santiago, haberá outros 312 por toda a Comunidade, coa posta en marcha de máis de 180 proxectos nos que se inclúen máis de 7.000 actividades. Entre elas, tres grandes exposicións que debuxarán o Ano Santo desde unha perspectiva nunca vista, diversas publicacións, música, artes escécnicas, e un longo etcétera.
« Anterior | 87  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

O venres 9 de agosto, o MARCO súmase, un ano máis, á celebración da Noite Branca, unha iniciativa do Concello de Vigo que ten como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio da nosa cidade, desenvolvendo unha programación específica de actividades nos centros da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo, dirixidas á cidadanía e aos visitantes doutros lugares durante estes meses de verán. Nesta noite especial, o MARCO amplía o seu horario de apertura ata as 2.00 da madrugada.
A Mesa pola Normalización Lingüística presentará este sábado, no 'Viñetas desde o Atlántico', 'O tempo cronolóxico', o libro ilustrado por Xulia Vicente co que quere axudar a cativada galega a coñecer o nome das principais unidades de medida temporal na nosa lingua. Este título forma parte xunto con O abecedario, As aves e Os peixes e outra fauna mariña do proxecto didáctico que A Mesa adica á educación infantil.
A Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), formada por profesionais da comunicación, escritores, historiadores e estudosos do Camiño de Santiago, convoca a sétima edición do `Premio Internacional APECSA”, de divulgación dos valores do Camiño de Santiago, ao que, nesta edición, poderán presentarse obras de divulgación e promoción xacobea.
A feira de artesanía MOSTRART, que se celebra na Coruña dende 1985, abrirá a súa edición número 35 o xóves 1 de agosto (inauguración prevista as 12 h.), e poderá visitarse ata o día 15 nos Xardíns de Ménez Núñez, frente o Cantón Pequeno. Este ano Mostrart acolle a 56 artesáns profesionais de diferentes lugares de Galicia, prácticamente todos acollidos o sistema da marca oficial da Artesanía de Galicia, e un obradoiro invitado que procede de Madrid.
“Qué noite a daquel verán” e “Port d’en Perris” son a parella de novas cancións con que volta Jei Noguerol. En formato single, pódense atopar en todas as tendas dixitais a partir do vindeiro venres 12 de xullo. Ambas as dúas cancións fan parte do libro “Folgos”, que o trobeiro, compositor e cantante galego vai publicar co gallo do 50 aniversario da publicación do seu primeiro disco “Denantes dos vinte anos”.
O Consello da Xunta declarou Ben de Interese Cultural 9 esculturas atribuídas ao Mestre Mateo e ao seu taller procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela. Estas pezas e figuras románicas son ben coñecidas, especialmente tras a exposición monográfica dedicada ao Mestre Mateo no Museo do Prado, e que teñen unha cronoloxía comprendida entre o 1188 e o 1211.
O vindeiro mércores 24 de xullo terá lugar a primeira das actuacións artísticas do ciclo Experimenta, en colaboración co grupo Tele-Clube de Lugo. A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acollerá, ás 20:30 horas, a perfomance Púlsar, que ofrecerán o coreógrafo e bailarín coruñés Javier Martín e o percusionista lucense Luis Casanova. Trátase dun espectáculo de improvisación a nivel de música e movemento que combina batería e danza.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, participou hoxe na presentación en Santiago de Compostela da IV Romaxe Viquinga do Vicedo (Lugo), que se celebrará na praia de San Román deste concello mariñao os días 26 e 27 de xullo e que contará no seu cartel coa actuación Terras de Queimada, do Bruxo Queiman.
A sostibilidade agro-territorial centrará a temática do XII Congreso de Economía Agraria que se desenvolverá do 4 ao 6 de setembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC, un foro científico de carácter estatal para o que xa confirmaron a súa inscrición uns 130 investigadores de universidade españolas e iberoamericanas nas que se imparten estudos de agronomía e enxeñaría forestal, ademais de profesionais destes sectores, e no marco do que se presentarán 159 comunicacións e máis dunha decena de pósteres.
O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas chega a súa décima edición cun completo programa cultural a celebrar os días 27 e 28 de xullo, nos municipios de Manzaneda e da Pobra de Trives. A presentación deste evento cultural tivo lugar en Ourense, e participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo; os alcaldes de Manzaneda e Pobra de Trives, Amable Fernández e Patricia Domínguez; e o director de Oca Manzaneda, Gustavo Sanmartín.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES