Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Presentouse no Pazo de San Roque a nova versión do Corpus Documental do Galego Actual, unha ferramenta lingüística en liña desenvolvida polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades representativa do uso lingüístico do galego actual. O Centro ten entre as súas finalidades fundacionais o deseño e o desenvolvemento de recursos informáticos que axuden á incorporación da lingua galega ao mundo das tecnoloxías da información e da comunicación, e o do CORGA é un dos proxectos de investigación que se centran en darlle cumprimento a este obxectivo. O CORGA é un corpus documental desenvolvido por medio dun convenio de colaboración coa USC, e integrado por distintos tipos de textos: xornais, semanarios, revistas, ensaios e textos de ficción.
O Centro Dramático Galego participa na coprodución internacional 'Se fosen turistas, levarían gafas de sol', que poderá verse en Santiago do 11 ao 21 de decembro. A reflexión arredor da emigración, pasada e presente, é o eixo temático desta proposta das compañías galegas Limiar Teatro e Crémilo, que conta tamén coa implicación das entidades portuguesas Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa e Comedias do Minho, a arxentina Cía. Nacional de Fósforos de Bos Aires e a uruguaia El Mura de Montevideo. Baixo a dirección escénica de Fran Núñez, responsable tamén da dramaturxia, e a musical de Brais Iriarte, esta comedia sobre a memoria e a desmemoria foi tomando forma ao longo de varias residencias artísticas nos devanditos países.
O Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas presentou hoxe a súa cuarta edición, que do 10 ao 15 deste mes desenvolverá un programa con presenza destacada do audiovisual galego nas sesións de apertura e clausura, varias vías para o encontro entre os profesionais do sector e o primeiro foco que se lle dedica en España ao cineasta belga Bas Devos. O Festival Internacional de Cine de Pontevedra pretende asumir o papel de altofalante de olladas e realidades cinematográficas diferentes, tanto respecto dos seus monográficos como da principal característica que definen as dúas seccións competitivas: Oficial, centrada en primeiras e segundas obras de cineastas escollidos, e Latexos, con cinco filmes inéditos en Galicia.
Dúas artesás galegas resultaron premiadas hoxe na XII edición dos Premios Nacionais de Artesanía, cuxa cerimonia de entrega se celebrou esta mañá no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Elena Ferro, do obradoiro Eferro (Vila de Cruces-Pontevedra), recolleu o trofeo que a acredita como gañadora do Premio Nacional de Artesanía pola súa obra consolidada. Así mesmo, a ceramista e enxeñeira Paula Ojea, do obradoiro Ojea Studio (Vigo), resultou gañadora na categoría Premio Produto pola colección Cut&Fold, en recoñecemento ao mellor produto ou colección dos últimos dous anos. Ambas as dúas forman parte da marca Artesanía de Galicia.
A edición número 33 de Cineuropa rexistrou unha asistencia de preto de 20.000 espectadores e espectadoras que, ao longo de tres semanas, participaron nas 336 proxeccións que se realizaron este ano. O público foi de novo o encargado de premiar os mellores filmes de entre os máis de 100 títulos que participaron nas cinco categorías oficiais do festival e escolleu as películas Dronningen na sección oficial europea, Papicha no Panorama Internacional, Un día más con vida en Animaeuropa, La llorona dentro de Latidoamericano e For Sama en Docs Cineuropa. O festival despídese cun balance de 30 presentacións realizadas en torno ao mundo do cinema, 21 protagonizadas por directores e directoras e as proxeccións de 18 películas galegas.
A programación do Nadal begontino inclúe a exposición Imaxes e Palabras, que recolle anacos de poemas de 40 autores que corresponden a traballos premiados nalgún dos 43 certames de Poesía sobre o Nadal convocados polo Centro Cultural José Domínguez Guizán. Entre os poetas figuran Xosé Otero Canto, Marica Campo, Carlos López e Martiño Maseda, presentes hoxe na inauguración. As fotografías amosan distintas escenas do Belén e pertencen aos membros do Grupo Fonmiñá Miguel Calvo, Miguel Fraga, Fernando Gago, José Manuel Guisasola, Gerardo Méndez e Eduardo Ochoa. A mostra permanecerá na sede da Xunta en Lugo ata o martes día 10 de decembro para viaxar despois ata Mondoñedo.
O espectáculo Fang, da compañía circense Animal Religion, poderá verse este domingo no Salón Teatro de Santiago, que retomará así a súa actividade escénica tras un mes maioritariamente dedicado ás proxeccións do festival Cineuropa. A función insírese na programación da cuarta edición do Encontro de Formación e Innovación no circo D10!. A compañía, fundada e dirixida polo artista catalán Quim Girón, chega a Galicia cun espectáculo polo que en 2017 obtivo o premio especial da revista de circo e artes circenses Zirkolika, recoñecemento que se suma a destacados galardóns obtidos polas anteriores montaxes.
Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2019. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente.
Os sábados 7 e 14 de decembro, ás 17,30 horas, o público de todas as idades poderá gozar da música da Unión de Guláns e da Unión Musical de Meaño, que lle dan unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do grupo de teatro Todos Xuntos e o da compañía galega de novo circo Pistacatro. Crean así dúas propostas escénicas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos máis pequenos da casa. Ambos concertos son de balde, pero con prazas limitadas, polo que para poder asistir cómpre recoller con antelación o convite no Museo Centro Gaiás. Os espectáculos foron galardoados na convocatoria dos premios Innova 2019.
Inaugurouse na Biblioteca e Arquivo de Galicia 'Primores do Múltiplo', unha mostra comisariada por Mª Luisa López-Vidriero Abelló co obxectivo de poñer en valor a encadernación e o coleccionismo. Co obxectivo de afondar nos detalles materiais que individualizan un libro encadernado e o diferencian de forma inequívoca, a colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia súmase á de organizacións públicas e privadas comprometidas coa cultura de Galicia como a de Abanca, Manuel Chamoso Lamas, Isaac Díaz Pardo e Camilo José Cela. O resultado desta colaboración é un relato de 500 anos no que queda patente a complexidade dunha arte como a da encadernación, a importancia do coleccionismo e o extraordinario valor da creación conxunta entre editor e artista.
« Anterior | 88  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

O Galician Freaky Film Fest volverá cunha terceira edición (se contamos a primeira edición denominada 0) a cidade de Vigo coa intención de ateigala de zombies, vampiros, lobishomes e montar unha auténtica festa da cultura freak tan incorporada no ADN de toda a xeración Xabarín. As obras deberán pertencer ó mundo freak, entendendo isto como a serie B, o terror, a ciencia ficción, o cine fantástico ou a parodia dos mesmos, pero tamén a calquera outro xénero.
Coma no ano anterior, o obxecto de organizar estes concertos é o de amosa-lo dinamismo desta Serra, cun tipo de música alonxada de estridencias e de masificacións e que soará nos mellores escenarios do mundo, as airas dos pobos do Courel, todos e cada un dos venres do mes de agosto entre lusco e fusco. Tódolos concertos serán de balde, a partires das 20:00h.
Os concertos do primeiro ano no que se programa da “Noite de Galicia” pecharon o domingo 14 unha edición cualificada por hostaleiros, veciños e visitantes como a mellor dos últimos anos e que se desenvolveu sen incidencias nin altercados de orde público. Unha completa programación cultural e musical de 4 intensos días nos que 80.000 visitantes gozaron das diferentes propostas da música Celta. Os concertos de Gwendal, Moving Hearts, Shooglenifty e Leilía, os máis multitudinarios.
O gaiteiro lugués (con orixes ulloanas) Bruno Villamor impartirá obradoiros de música tradicional galega (especialidades de gaita galega, percusión tradicional, requinta e zanfona) no prestixioso Lark Camp 2019 no estado de California (USA). O Lark Camp botou a andar no ano 1980 co nome de Lark in the morning Music Celebration sempre tendo como sede o parque estatal Mendocino Woodlands, preto da vila costeira de Mendocino (California).
O Corazón da Artesanía, VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, pechou onte as súas portas en Agolada despois dunha fin de semana na que converteu o recinto histórico-artístico dos Pendellos no epicentro dos oficios artesanais, da gastronomía e da música. Un total de 9.000 persoas acudiron ata Agolada para ver o traballo de 66 profesionais da artesanía, que representaban 27 oficios diferentes, así como visitar os 47 expositores de produtos gourmet.
​O Teatro Colón acollerá o mércores 3 de xullo ás 21.00 horas o primeiro concerto do ciclo que se desenvolverá ao longo do mes de xullo na cidade. O gañador dun Grammy Bill Evans actuará xunto á súa banda The Spy Killers, composta por algúns dos músicos máis valorados na escena jazzística internacional. Saxofonista, cantante e produtor, Evans conta con máis de 25 álbums ás súas costas e é, sen dúbida, un dos grandes nomes do xénero.
O ciclo está composto por oito andainas nos concellos de Ares, Moaña, Sober, Oia, Cervo, Padrón, Castro Caldelas e Parada de Sil que se desenvolverán do 3 ao 31 de agosto, cun programa que comprenderá actuacións musicais e actividades gastronómicas
Os galardóns apoian a excelencia creativa nos campos das Letras, as Artes Plásticas, as Artes Escénicas, a Música, o Audiovisual, a Lingua, o Patrimonio Cultural e a Proxección Exterior, podendo ser presentadas candidaturas durante os próximos dous meses por parte das institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada modalidade.
A escritora recibirá o vindeiro sábado 29 de xuño, no Concello da Coruña, a vixésimo quinta edición da Homenaxe O/a Escritor/a na súa Terra - Letra E, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) Esta homenaxe comporta a entrega da Letra E (de escritora) e converte a Pilar Pallarés en Socia de Honra da AELG
Do 3 ao 6 de xullo vaise celebrar en Viveiro o XIV Resurrection Fest, o festival de música metal e rock máis importante de España e un dos máis relevantes de Europa. Para esta celebración a Deputación de Lugo aporta 150.000, e calcúlase que o Resu é capaz de xerar un volume de negocio na provincia de Lugo de máis de 6,6 millóns de euros e de 8,5 en toda Galicia.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES