
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe na Biblioteca e Arquivo de Galicia á inauguración de Primores do Múltiplo, unha mostra organizada pola Xunta e comisariada por Mª Luisa López-Vidriero Abelló co obxectivo de poñer en valor a encadernación e o coleccionismo.
O director xeral de Políticas Culturais destacou o extraordinario valor das pezas expostas nesta mostra que propón ao visitante unha aproximación á técnica da encadernación, tanto desde o punto de vista do coleccionismo como desde a perspectiva editorial, que escollía determinados estilos de encadernación como forma de identificar as súas coleccións.
Así, co obxectivo de afondar nos detalles materiais que individualizan un libro encadernado e o diferencian de forma inequívoca, a colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia súmase á de organizacións públicas e privadas comprometidas coa cultura de Galicia como a de Abanca, Manuel Chamoso Lamas, Isaac Díaz Pardo e Camilo José Cela. O resultado desta colaboración é un relato de 500 anos no que queda patente a complexidade dunha arte como a da encadernación, a importancia do coleccionismo e o extraordinario valor da creación conxunta entre editor e artista.
A mostra, que se poderá visitar de xeito gratuíto na Cidade da Cultura ate o vindeiro mes de xuño, está estruturada en cinco fíos argumentais. O primeiro deles céntrase na andamiaxe da encadernación, mentres que o segundo está dedicado á encadernación heráldica e o terceiro á encadernación industrial. Os dous últimos bloques correspóndense coa figura do artista no mundo da encadernación e a editorial contemporánea e coa relación entre os artistas e os encadernadores.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.