Notas de prensa

A Xunta convoca os Premios de Cultura Galega 2019

Os galardóns apoian a excelencia creativa nos campos das Letras, as Artes Plásticas, as Artes Escénicas, a Música, o Audiovisual, a Lingua, o Patrimonio Cultural e a Proxección Exterior, podendo ser presentadas candidaturas durante os próximos dous meses por parte das institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada modalidade.

A Consellería de Cultura e Turismo convoca hoxe unha nova edición dos Premios da Cultura Galega, uns galardóns que teñen por obxecto apoiar o labor creativo en Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos.

As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior e as institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas poden presentar as candidaturas durante os dous vindeiros meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento CT142A) e á mesma engadiráselle os méritos das candidaturas cunha xustificación descritiva.

O xurado que vai valorar as propostas estará presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo e contará con representación do Consello da Cultura Galega, das universidades do SUG, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da secretaría xeral da Igualdade, da dirección xeral de Políticas Culturais e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura, designadas pola Consellería.

En cada unha das modalidades, os Premios da Cultura Galega concederán un único galardón e non poderá recaer máis dun recoñecemento na mesma persoa. O premio consiste nunha escultura ou peza conmemorativa realizada por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo. As bases completas poden consultarse no seguinte enlace.

Recoñecemento á excelencia creativa

Os Premios da Cultura Galega recoñecen a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia. Na edición de 2018, os galardoados foron o Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT, en Artes Escénicas; Luz Darriba, en Artes Plásticas; Festival de Cans, en Audiovisual; Xosé María Álvarez Cáccamo, en Letras; Antón Santamarina, en Lingua; A Roda, en Música; O Sorriso de Daniel, en Patrimonio Cultural, e Ramón Villares, en Proxección Exterior.

Xunta de Galicia, 2019-06-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES