Noticias

Preto de 20.000 espectadores asistiron as máis de 330 sesións programadas nunha edición de Cineuropa na que triunfaron as películas dirixidas por mulleres

A edición número 33 de Cineuropa rexistrou unha asistencia de preto de 20.000 espectadores e espectadoras que, ao longo de tres semanas, participaron nas 336 proxeccións que se realizaron este ano. O público foi de novo o encargado de premiar os mellores filmes de entre os máis de 100 títulos que participaron nas cinco categorías oficiais do festival e escolleu as películas Dronningen na sección oficial europea, Papicha no Panorama Internacional, Un día más con vida en Animaeuropa, La llorona dentro de Latidoamericano e For Sama en Docs Cineuropa. O festival despídese cun balance de 30 presentacións realizadas en torno ao mundo do cinema, 21 protagonizadas por directores e directoras e as proxeccións de 18 películas galegas.

A organización do festival, que estivo dirixido por Laura Seoane, considera que a selección de películas gañadoras, das que tres de cinco está realizadas por directoras, vén a confirmar o plantexamento que tivo nesta edición o festival, no que o feminismo foi o eixo transversal, non só polo número de directoras que tiveron os seus filmes na sección competitiva de Cineuropa e que acadaron o 40% do total, senón tamén polos temas, visións e problemáticas que se abordan en moitos deles, dende un punto de vista feminino e feminista. Unha liña que se seguiu tamén na elección dos tres Premios Cineuropa deste ano, adicados ás actrices María Vázquez e Emma Suárez e á directora Rita Azevedo Gomes.

A dirección salienta tamén a boa acollida por parte do público dalgunhas novidades postas en marcha este ano como foron a selección de cinco películas gañadoras, unha por categoría, e a programación durante os dous últimos días de Cineuropa destes títulos. Así, deuse aos espectadores e espectadoras a posibilidade de volver a ver os filmes que máis gustaron ao público.

O festival despídese ata o vindeiro ano cun balance positivo que tamén axudaron a acadar as 30 presentacións realizadas en torno ao mundo do cinema das que 21 foron protagonizadas por directores e directoras e as proxeccións de 18 películas galegas, entre as que se contaron as estreas de películas como Arima (que participou na sección oficial europea), Longa Noite e Eroski Paraíso.

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago, a través do Auditorio de Galicia, coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Conta tamén co apoio da AGADIC da Xunta de Galicia, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o ICAA do Ministerio de Cultura e Deporte e os Multicines Compostela. Ademais, o festival é apoiado tamén polas seguintes institucións culturais e empresas da cidade: Grupo Nissan Caeiro Rey, Café Candelas, Acopros, Extramundi, O Raio Verde, La Flor, Hotel Costa Vella e Hoteles Avenida.

R., 2019-12-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES