Noticias

O encontro de circo D10! trae ao á compañía catalá Animal Religion co espectáculo 'Fang'

O espectáculo Fang, da compañía circense Animal Religion, poderá verse este domingo no Salón Teatro de Santiago, que retomará así a súa actividade escénica tras un mes maioritariamente dedicado ás proxeccións do festival Cineuropa. A función insírese na programación da cuarta edición do Encontro de Formación e Innovación no circo D10!. A compañía, fundada e dirixida polo artista catalán Quim Girón, chega a Galicia cun espectáculo polo que en 2017 obtivo o premio especial da revista de circo e artes circenses Zirkolika, recoñecemento que se suma a destacados galardóns obtidos polas anteriores montaxes.

O espectáculo Fang, da compañía circense Animal Religion, poderá verse este domingo día 1 no Salón Teatro de Santiago, que retomará así a súa actividade escénica tras un mes maioritariamente dedicado ás proxeccións do festival Cineuropa. A función, que terá lugar ás 18,00 h., insírese na programación da cuarta edición do Encontro de Formación e Innovación no circo D10!, que organiza Pistacatro en colaboración co Centro Dramático Galego (CDG), entre outras entidades.

A compañía, fundada e dirixida polo artista catalán Quim Girón, chega a Galicia cun espectáculo polo que en 2017 obtivo o premio especial da revista de circo e artes circenses Zirkolika, recoñecemento que se suma a outros destacados galardóns obtidos polas súas anteriores montaxes, coas que ten actuado por toda Europa e por Asia.

Neste caso, Fang reflexiona arredor da unión da terra e o corpo humano a través da manipulación do barro en escena, articulando unha proposta chea de formas e esculturas únicas durante a que corpo e barro acabarán sendo un todo e transformando por completo a expresión do artista. O propio Quim Girón é o creador e intérprete desta peza, con múisca de Joan Cot e iluminación de Joana Serra.

Ademais desta función na sede do CDG, o foro D10! ofrécelles aos profesionais do circo tres obradoiros no Centro Sociocultural do Romaño, tamén en Santiago. O primeiro deles é o que está a impartir desde o pasado martes Pepa Gil baixo o título O traballo de mesa nos procesos creativos, ao que seguirán a semana que vén Malabar creativo. O movemento orgánico nos malabares con Stephan Sing e Experimentación acrobática e experimentación persoal con Xavi Sánchez.

As entradas para asistir a este espectáculo poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro o propio domingo desde dúas horas antes do inicio da función a un prezo único de 6 euros. Ademais, xa están á venda na web entradas.abanca.com as localidades para Se fosen turistas levarían gafas de sol, coprodución de Limiar Teatro, Crémilo e o Centro Dramático Galego que se estrea o 12 de decembro na sede da compañía pública, onde poderá verse ata o día 21.

R., 2019-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES