Noticias

Presentado o Festival Novos Cinemas de Pontevedra como altofalante do audiovisual galego e punto de encontro do sector

O Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas presentou hoxe a súa cuarta edición, que do 10 ao 15 deste mes desenvolverá un programa con presenza destacada do audiovisual galego nas sesións de apertura e clausura, varias vías para o encontro entre os profesionais do sector e o primeiro foco que se lle dedica en España ao cineasta belga Bas Devos. O Festival Internacional de Cine de Pontevedra pretende asumir o papel de altofalante de olladas e realidades cinematográficas diferentes, tanto respecto dos seus monográficos como da principal característica que definen as dúas seccións competitivas: Oficial, centrada en primeiras e segundas obras de cineastas escollidos, e Latexos, con cinco filmes inéditos en Galicia.

A Casa da Luz pontevedresa acolleu este acto, no que interveu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto; a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso; a concelleira de Animación Sociocultural e Festas do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, e Ángel Santos e Suso Novás, codirectores xunto con Daniel Froiz deste festival, organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e pola produtora audiovisual Matriuska.

Dez certames subvencionados

Sutil sinalou que a inclusión desta iniciativa na listaxe de eventos audiovisuais subvencionados pola Xunta en 2019, convocatoria a través da que recibiu máis de 12.000 euros para a súa anterior edición, responde á decisión dunha comisión independente que valorou a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese. Ademais, aproveitou para anunciar que a convocatoria para festivais de 2020, próxima á súa publicación, manterá a progresión ascendente dos últimos anos en canto á súa dotación.

O director da Agadic subliñou o papel protagonista do cinema galego coas proxeccións de Arima, de Jaione Camborda, na sesión de apertura, e de Longa noite, de Eloy Enciso, no peche do certame. “Ambos son dous magníficos expoñentes do cinema galego actual, que contaron, ademais, con axuda económica da Xunta para a súa produción e veñen de terse presentado noutras importantes citas internacionais”, asegurou. En Novos Cinemas poderán verse, así mesmo, as primeiras imaxes doutro filme realizado con subvención autonómica, Eles transpotan a morte, de Helena Girón e Samuel Delgado, que asinan tamén o vídeo de cabeceira desta cuarta edición.

Sutil remarcou o papel do Festival Internacional de Cine de Pontevedra como altofalante de olladas e realidades cinematográficas diferentes, tanto respecto dos seus monográficos como da principal característica que definen as dúas seccións competitivas: Oficial, centrada en primeiras e segundas obras de cineastas escollidos, e Latexos, con cinco filmes inéditos en Galicia.

Un ano máis, Novos Cinemas volverá ser tamén punto de encontro para o sector profesional a través de varias vías, como a Mesa de Desenvolvemento de Proxectos, Mesa Proxecta, espazo LAB ou a primeira presentación pública da iniciativa Cinegalicia 2019, a través da que un grupo de novos artistas en áreas como a creación, o vídeo, a crítica, a música e o deseño, conmemoran o 30º aniversario das estreas de Continental, Sempre Xonxa e Urxa no certame Cinegalicia de 1989.

R., 2019-12-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES