Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Afundación, a Obra Social de ABANCA, dará comezo no outono a un novo ciclo expositivo nas súas salas galegas. As propostas abranguen desde novas miradas en torno á Colección de Arte Afundación ata a primicia da mostra baseada na aplaudida serie de Netflix «O noso planeta». A Colección de Arte Afundación, o medio ambiente, o indixenismo pictórico en América Latina ou as matemáticas e a papiroflexia son algunhas das temáticas en torno ás cales xiran as mostras que se inaugurarán a partir de setembro.
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán e de balde da Cidade da Cultura, di esta semana deica logo ata o ano que vén con tres concertos este xoves, venres e sábado de Marinah, De Vacas e Best Boy, respectivamente. Unhas actuacións —de balde e ás 21 horas— que resumen o espírito da edición de 2019, na que se apostou por darlle visibilidade ás voces femininas; ofrecer unha cocteleira de estilos variados; e servir de escaparate das tendencias musicais actuais, nacionais e galegas, como é o caso dos dous grupos cos que se pecha. Atardecer no Gaiás 2019 comeza a despedirse estes xoves, día 15, coa que foi compositora e cantante durante 13 anos do mítico grupo catalán Ojos de Brujo, Marina Abad.
O proxecto multidisciplinar 'Sonoro empeño' arranca o seu último mes de apertura en Santiago de Compostela e por el pasaron case 5500 visitantes. Como propostas vinculadas á mostra, ABANCA e Afundación organizaron unha extensa programación de actividades complementarias. O chef Pepe Solla ofrecerá unha demostración gastronómica na que cociñará e explicará os procedementos da súa cociña. Os asistentes degustarán os pratos elaborados e terán ocasión de conversar con el. Por outra parte, desenvolverase unha visita guiada de clausura de asistencia libre. Esta proposta responde o propósito da entidade de potenciar as experiencias interactivas dentro das súas actividades para estender a programación máis aló da propia exposición.
Máis de 100.000 espectadores asistiron desde o pasado 2 de agosto aos 66 concertos protagonizados por grupos e artistas galegos durante 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, na que este histórico encontro da cultura celta celebrou o Année de la Galice (Ano da Galicia). A actuación de Mercedes Peón pechou esta participación galega, que tivo un gran protagonismo tanto dentro da programación oficial do evento como na promovida no pavillón de Galicia en Lorient, que recibiu máis de 50.000 visitantes durante os últimos nove días. Uns 300 músicos e bailaríns dunha vintena de formacións integraron a que é unha das nosas delegacións artísticas máis numerosas dos últimos anos.
Galicia continua coa súa participación na 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, o histórico encontro da cultura celta que este ano celebra o Année de la Galice. A programación do evento conta cunha ampla representación galega na que estarán entre outros Ariel Ninas, Tiruleque Milladoiro, Do Fondo da Barra e Habelas Hainas. Nos vindeiros días será a quenda do gaiteiro galego Carlos Núñez, Xosé Lois Romero ou Mercedes Péon. Ao longo destes días tamén actuarán novamente Os da porfía, Talabarte, Xacarandaina, Habelas Hainas, Os Sin Son e Tiruleque. O pavillón de Galicia en Lorient ten como misión fomentar a difusión e o coñecemento da música e a danza galega, ao tempo que favorece a promoción de Galicia como destino cultural, gastronómico e turístico de cara ao vindeiro Ano Santo.
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Cidade da Cultura, encara a súa penúltima semana con ritmos contundentes de tres bandas enteiramente femininas, con estilos moi distintos, que veñen pisando forte. O xoves subirán ao Escenario Alhambra as galegas Agoraphobia, coa súa efectiva mestura de garage, indie e punk rock. O venres será o turno das composicións rebeldes e tropicais das Kumbia Queers, mentres que o sábado volvemos cambiar de rexistro coas catalás Las Migas e o seu flamenco fresco e desenfadado. No caso de que, por motivos meteorolóxicos, as actuacións non poidan celebrarse ao aire libre na Praza Central, os concertos trasladaranse a un espazo interior no complexo da Cidade da Cultura.
A cidade da Coruña transformarase nun grande escenario cos mellores sons do panorama galego, estatal e internacional. Este martes, 6 de agosto, arranca o 33 Festival Noroeste Estrella Galicia, unha cita urbana única no noroeste peninsular, que achega durante seis xornadas unha programación musical ecléctica e de calidade para todos os públicos. Até o vindeiro domingo, 11 de agosto, máis de 75 artistas e bandas imprescindibles, como Patti Smith, The Sounds, Nathy Peluso, Belako, Paco Ibáñez, Júlio Resende, Soleá Morente ou Anni B Sweet ofrecerán máis de 150 horas de música de calidade ao vivo en espazos singulares do municipio coruñés.
Budiño é o encargado de abrir en Burela o segundo período da programación anual da Rede Galega de Teatros Auditorios. O concerto que ofrece dentro da xira de presentación de Fulgor, o seu novo traballo, será a primeira das 205 citas culturais que terán lugar entre os meses de agosto e decembro no marco deste circuíto, que durante 2019 terá promovido 554 funcións en 39 localidades das catro provincias. Con máis de 20 anos de traxectoria, trátase dunha das máis amplas e estables canles de encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega. En 2019 inclúe 152 compañías profesionais de teatro, música, danza, novo circo e maxia, a meirande parte delas galegas.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura abrirá ao público á noitiña coas visitas especializadas 'As Nocturnas'. O obxecto é ofrecer fóra do seu horario habitual, a partir das 21 horas, un xeito de achegarse diferente e orixinal —con música e petiscos— e exclusivo —non máis de 30 persoas— á exposición 'Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia'. A nova edición de As Nocturnas celebrarase os xoves e os venres do 29 e 30 de agosto e o 5 e 6 de setembro. Este ciclo permitiralles aos e ás asistentes ter a oportunidade de coñecer de primeira man a través de expertos os oficios e as creacións artísticas da xoiería, cestería e cerámica galega. Cada unha das visitas complementarase con música DJ e cunha degustación de petisco.
A 12ª edición da feira Culturgal terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. As novidades que ofrecerá este ano o evento foron detalladas no transcurso dun acto no que tamén se anunciou a apertura das convocatorias para a reserva de expositores e para a proposta de actividades cara ao deseño da programación artística e profesional. Entre as novidades de Culturgal 2019 destaca a redistribución espacial do recinto feiral e unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da Feira baixo os nomes Familiar (cos eixos Falar, Moverse e Descubrir), Foro e Carpa, ademais do espazo dedicado á Arte Contemporánea e a incorporación dun específico para a cultura interactiva (videoxogos, apps, etc.)
| 82,2  de  277 | Siguiente »

Notas cultura

Historia, literatura e audiovisual conflúen na exposición Recreando personaxes, que pode verse desde hoxe e ata o 28 de maio no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. 'Recreando personaxes' amosa pegada que as actrices e actores galegos deixaron no noso imaxinario poñéndose na pel de relevantes figuras históricas e literarias.
Comisariada por Íñigo Rodríguez, a exposición recolle o máis importante traballo da autora desde os seus anos de formación no Instituto de Belas Artes de Tetuán ata os proxectos máis recentes. As pezas escollidas para Máis alá do Estereotipo mostran a súa versatilidade técnica, con fotografía, vídeo instalación, cerámica, instalación sonora ou neon. Pais é unha creadora Valente e controvertida que aposta nas súas obras por unha arte abertamente política.
O Festival Atlántica vén de clausurar oficialmente a súa sétima edición o pasado sábado, 23 de marzo, logo de 12 xornadas que se desenvolveron en 16 concellos diferentes. A cifras deste ano converten ao festival no encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica: 8080 espectadores, 30 artistas e 87 funcións. O festival segue a apostar por funcións para todos, desde bebés ata encontros con maiores e incluíndo pases en lingua de signos.
A décimo sétima edición do Encontro Universitario de Danza (EUD) presentará os días 1 e 2 de abril no Teatro Principal as producións propias de cinco compañías de danza. Ás catro da USC -DanzaUSCompostela, DanzaUSC-Lugo, ‘Sen Vergoña’ e Schattenidentitäten- que naceron ao abeiro do Espazo de Danza da USC baixo a dirección de Juan Carlos Zahera únese a Aula de Danza da Universidade de A Coruña. A entrada ás funcións é libre e gratuíta ata completar aforo.
A 24ª edición do Ourense Film Festival celebrarase do 27 de setembro ao 5 de outubro e a súa sede oficial será o centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense. En canto á convocatoria da sección oficial de longametraxes, as bases recollen que poderán concursar as persoas físicas ou xurídicas (produtoras, distribuidoras...) que posúan o debido control legal sobre as obras que presenten á competición.
O colectivo de mulleres artistas 85C ultima a segunda edición do festival punk e feminista: Nas Verzas, máis duras cós cañotos das verduras, que este ano ofrecerá un mercadiño, actuacións na rúa, varios concertos e pinchadas, obradoiros e un faladoiro. Unha grande cita cultural que terá como pano de fondo a relación entre o rural galego e a escena máis underground do garaxe e do punk. "O noso lema fai lembranza ás nosas avoas, esas bravas que loitan cada día na súa casa, no campo, coa súa familia…"
Valle-Inclán, Bernardo Atxaga, Marta Pessarodona, Kerstin Hensel e Zéno Bianu acaban de incorporar a súa obra ao Xardín das pedras que falan, localizada a carón do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela. Por cada un dos novos autores/as descubriuse unha pedra cun breve fragmento da súa autoría que pasarán agora a conformar unha espiral de palabras iniciada a mediados do pasado ano con Rosalía de Castro.
Alguén que respira! II Festival de Poesía para o Corpo Principal, promovido polo Concello compostelán e pola Xunta de Galicia e posicionado desde a súa primeira edición como un dos máis importantes encontros arredor da poesía de toda a Península, congrega en Santiago durante a semana que vén a máis de cincuenta poetas, performers, músicos e actores para celebrar a poesía como forza aglutinadora da cultura.
Presentouse hoxe a nova colección permanente do Museo de Belas Artes da Coruña que acaba de ampliar o seu catálogo con novas pezas procedentes do Museo Nacional del Prado, do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e doutras institucións como o Círculo de las Artes de Madrid ou de préstamos de particulares. En total incorpóranse á exposición do museo coruñés 39 obras de distintos autores.
O concurso para músicos e bandas emerxentes SonidosMans acaba de abrir a convocatoria da súa terceira edición, organizada de novo pola Fundación Paideia Galiza coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O obxectivo é facilitarlles aos grupos e solistas que están a comezar a súa carreira unha plataforma de difusión do seu traballo.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES