Noticias

Máis de 100.000 persoas gozaron da música galega no Festival Intercéltico de Lorient

Máis de 100.000 espectadores asistiron desde o pasado 2 de agosto aos 66 concertos protagonizados por grupos e artistas galegos durante 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, na que este histórico encontro da cultura celta celebrou o Année de la Galice (Ano da Galicia). A actuación de Mercedes Peón pechou esta participación galega, que tivo un gran protagonismo tanto dentro da programación oficial do evento como na promovida no pavillón de Galicia en Lorient, que recibiu máis de 50.000 visitantes durante os últimos nove días. Uns 300 músicos e bailaríns dunha vintena de formacións integraron a que é unha das nosas delegacións artísticas máis numerosas dos últimos anos.

Dela formaron parte algúns dos nomes máis internacionais da nosa música, como Carlos Núñez ou Milladoiro, xunto con artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Xosé Lois Romero e Aliboria, Talabarte ou Tiruleque, e agrupacións que, como Xacarandaina, traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.

Galicia foi, por exemplo, a protagonista do concerto inaugural do festival, Os camiños de Breogán, un espectáculo sinfónico de música e danza tradicional coa participación de 130 artistas, que recibiu unha gran ovación do público que encheu o pasado día 2 o Théâtre de Lorient. A el asistiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, quen tamén participou en diferentes accións de promoción de Galicia como destino cultural e turístico, coa ollada posta na celebración do próximo Xacobeo 21.

75.000 persoas no Gran Desfile

Así mesmo, a presenza galega deixouse sentir con forza polas rúas de Lorient da man da Banda de Música Municipal de Silleda, a Banda de Gaitas de Forcarei, Xacarandaina e Invernía durante o Gran desfile das nacións celtas, que congregou máis de 3500 artistas de Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Illa de Man, Irlanda, Gales e Galicia, e foi seguido en directo por unhas 75.000 persoas. Igualmente, os artistas galegos tiveron un papel principal tanto nas Noites Intercélticas, onde Abraham Cupeiro, Xacarandaina, a Banda de Gaitas de Forcarei e Invernía se presentaron no estadio de Moustoir con capacidade para 15.000 espectadores, e especialmente, na Gran Noite de Galicia do día 5 con Xosé Lois Romero e Aliboria, Tiruleque e os artistas do espectáculo Os camiños de Breogán.

Ademais dos concertos e espectáculos incluídos no programa oficial do 49º Festival Intercéltico de Lorient, desde o pavillón de Galicia reforzouse a promoción da nosa cultura con outras 56 actuacións, que supuxeron máis de 120 horas de música en directo, e con diversas actividades lúdicas, formativas e de difusión. Así, a grandiosidade da Ruta Xacobea amosouse desde este espazo a través da exposición O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación, na que o fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel ofrece un percorrido polo patrimonio natural e cultural, os pobos, as cidades e as paisaxes cos que se atopa o camiñante rumbo a Compostela.

Como complemento ao programa artístico, Galicia fixo gala da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, ademais de promocionar a súa calidade como destino turístico, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.

R., 2019-08-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES