Noticias

'Atardecer no Gaiás' volve o xoves co punk rock de Agoraphobia nunha semana con tres bandas integramente femininas

Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Cidade da Cultura, encara a súa penúltima semana con ritmos contundentes de tres bandas enteiramente femininas, con estilos moi distintos, que veñen pisando forte. O xoves subirán ao Escenario Alhambra as galegas Agoraphobia, coa súa efectiva mestura de garage, indie e punk rock. O venres será o turno das composicións rebeldes e tropicais das Kumbia Queers, mentres que o sábado volvemos cambiar de rexistro coas catalás Las Migas e o seu flamenco fresco e desenfadado. No caso de que, por motivos meteorolóxicos, as actuacións non poidan celebrarse ao aire libre na Praza Central, os concertos trasladaranse a un espazo interior no complexo da Cidade da Cultura.

A forza escénica, as ricas melodías e as letras cargadas de ironía de Agoraphobia chegan ao Gaiás avaladas por un sólido directo que non para de soar en diversos festivais e de recibir eloxios da crítica polas súas cancións redondas, nas que este cuarteto de Boiro saca o mellor ruído que leva dentro. Desde as súas orixes nas que unhas amigas do instituto compartían o seu gusto polo punk e as ganas de facer música ata a actualidade, Agoraphobia leva unha longa traxectoria que inclúe recoñecementos como os Premios Martín Códax da Música, o VodafoneYu Music Talent, o Son Rías Baixas ou o Música Xove. O seu rock escuro e contundente, tinguido de sons do garage, do punk e do indie, soará o xoves 8 de agosto a partir das 21,00 horas no Atardecer no Gaiás, confirmando así a aposta do ciclo unha edición máis polas voces femininas, que continúa ao longo desta semana.

Así, o venres 9 serán as raíñas do tropipunk as encargadas de pórlle banda sonora ao caer do sol na Cidade da Cultura co seu show explosivo e salvaxe. Chegadas desde a Arxentina, as rebeldes Kumbia Queers nacían hai xa 12 anos versionando e adaptando letras de grupos como The Cure, Black Sabbath ou Ramones para contar historias de mulleres e criticar, con humor e en versión cumbia, temas tan serios como a violencia machista. Son todo un referente para a comunidade LGTBI polas súas composicións que nos falan de aceptar o diferente e as súas letras cargadas de humor e de mensaxe acompañadas dos ritmos cálidos e apegadizos da cumbia e música tropical.

O sábado 10 de agosto pecharán esta penúltima semana de Atardecer no Gaiás as catalás Las Migas. Tras unha xira internacional con Vente Conmigo, seleccionado nos Latin Grammy, esta banda da que formou parte Silvia Pérez Cruz volve cun novo traballo –Cuatro– no que retoma as cancións máis coñecidas dos seus inicios, tinguindo de sons electrónicos o seu flamenco característico. E é que quince anos despois da súa fundación, este cuarteto que se autodefine como “catro mulleres músicas, guerreiras e viaxeiras” é xa un pequeno clásico do flamenco valente e alegre, sempre reinterpretado á súa maneira fresca e descarada.

Pese a que esta semana se prevé un tempo algo revolto, a choiva non será motivo de suspensión de ningún concerto de Atardecer no Gaiás. No caso de que, por motivos meteorolóxicos, as actuacións non poidan celebrarse ao aire libre na Praza Central, os concertos trasladaranse a un espazo interior no complexo da Cidade da Cultura.

Recta final dos concertos ao solpor no Gaiás

Estes tres concertos forman parte das 20 actuacións que, con entrada de balde, compoñen Atardecer no Gaiás, que se está a celebrar na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 17 de agosto. Esta edición continúa a darlle visibilidade aos ritmos que triunfan na actualidade entre a xente máis nova, e tamén as formacións galegas, como é o caso non só de Agoraphobia, senón tamén de Laura Lamontagne, Soulmacklein, Berta Franklin e Malraio -que actuaron nas pasadas semanas- e De Vacas ou Best Boy, que tocarán na vindeira semana, a derradeira este 2019 de solpores musicados no Gaiás.

R., 2019-08-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES