
Así, a primeira quenda de As Nocturnas do xoves 29 de agosto contará para a visita comentada da exposición Pensar coas mans, co especialista en xoiería tradicional Fernando Martínez Vilanova. Este doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo é o autor dunha das publicacións referentes nesta especialidade artesá, A ourivería tradicional en Galicia.
As Nocturnas do día seguinte, 30 de agosto, permitirán afondar na recoñecida tradición cesteira existente Galicia, da man da investigadora Belén Sáenz-Chas, responsable do Departamento de Conservación do Museo do Pobo Galego, institución que colabora na exposición Pensar coas mans coa cesión de pezas de alto valor etnográfico, entre elas, unha representación das diferentes cestas e cestos, característicos segundo as zonas e os usos en Galicia.
Para o primeiro xoves de setembro o ciclo mergullarase na olería galega, da man de María García-Alén, filla do investigador Luciano García-Alén, figura imprescindible na posta en valor e recoñecemento desta disciplina artesá na nosa comunidade e quen dignificou os oficios artesáns a través de La alfarería de Galicia, publicación de finais dos anos 70 do pasado século e que aínda continúa a ser un referente de estudo.
Porá o alfinete ao ciclo a mesma comisaria da mostra Pensar coas mans, Verónica Santos Farto, historiadora da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Departamento de Exposicións da Cidade da Cultura de Galicia, no que será a derradeira As Nocturnas da programación de Verán no Gaiás 2019 que servirá para ter unha visión global da exposición e das tres artesanías representadas: xoiería, cestería e cerámica.
Música DJ e petiscos
Cada unha das explicacións nas visitas comentadas destes expertos e expertas complementaranse sempre coa boa música DJ que se ofrecerá ao final do percorrido explicativo que se fará dun xeito distendido, próximo e participativo e cunha degustación de petisco co obxecto de propiciar, deste xeito, que sesión remate cunha conversa en grupo agradable e amena, que permita outro xeito de achegarse ás exposicións e tamén ao mesmo Museo Centro Gaiás.
As Nocturnas enmárcanse dentro da programación de verán da Cidade da Cultura para 2019. A través de 100 actividades culturais e de lecer desde o pasado 21 de xuño está a ofrecer propostas que conxugan cultura e lecer e para todas as idades e públicos, tanto con accións que se desenvolven no Museo Centro Gaiás como nos espazos exteriores do complexo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.