Noticias

Afundación presenta a súa programación de exposicións para outono

Afundación, a Obra Social de ABANCA, dará comezo no outono a un novo ciclo expositivo nas súas salas galegas. As propostas abranguen desde novas miradas en torno á Colección de Arte Afundación ata a primicia da mostra baseada na aplaudida serie de Netflix «O noso planeta». A Colección de Arte Afundación, o medio ambiente, o indixenismo pictórico en América Latina ou as matemáticas e a papiroflexia son algunhas das temáticas en torno ás cales xiran as mostras que se inaugurarán a partir de setembro.

«Con D de arte»

A partir dunha escolma dos fondos da Colección de Arte Afundación consonte unha mirada infantil, preséntase unha mostra cuxo público principal é o familiar, ofrecendo unha exposición pensada especificamente para a xente máis nova. O obxectivo esencial persegue proporcionar ás familias unha experiencia cognitiva e emocional completa que as interne no mundo da arte a través de conceptos como a cor, a forma, o volume ou a perspectiva. Terá lugar no Café Moderno Afundación Pontevedra a partir do mes de outubro.

«Oswaldo Guayasamín, 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios»

Oswaldo Guayasamín é un dos creadores latinoamericanos máis destacados do século XX. Como artista conseguiu fusionar a forza da cultura das súas orixes coa estética das vangardas de comezo do século XX. A exposición, organizada no marco da celebración este 2019 do Ano Internacional das Linguas Indíxenas, ten como obxectivo achegarse á cultura dos pobos nativos americanos. Ademais, é o modo de Afundación de celebrar o centenario do nacemento do artista Oswaldo Guayasamín en Quito no ano 1919 e, á súa vez, conmemora o vixésimo aniversario do seu falecemento en 1999 en Baltimore. Desenvolverase na Sede Afundación Lugo a partir de setembro.

«Fotografía contemporánea en la Colección Telefónica»

En colaboración coa Fundación Telefónica, a Sede Afundación Santiago de Compostela acollerá desde o mes de outubro as obras dalgúns dos principais nomes da fotografía contemporánea internacional: Marina Abramovic, Helena Almeida, Pierre Gonord, Vik Muñiz, Cindy Sherman, Zhang Huan ou Thomas Ruff, entre outros.

«O universo musical de Andrés Gaos (1874-1959)»

Organizada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e comisariada polos profesores desta institución Montserrat Capelán e Javier Garbayo, esta mostra está formada por numerosos obxectos e materiais conservados no Fondo Gaos, doado recentemente á USC pola familia do compositor. A exposición abrangue a completa personalidade de Gaos, desde a súa vertente como intérprete, compositor e director. Terá lugar na Sede Afundación A Coruña a partir de outubro.

«Papiro-mates. Matemáticas + creatividade = papiroflexia»

Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ) presentarán na Sede Afundación Ferrol, a partir de setembro, a exposición «Papiromates. Matemáticas + creatividade = papiroflexia», unha mostra que reúne pezas de papel realizadas mediante a técnica do origami para poñer de manifesto a relación entre as matemáticas e a papiroflexia. Mediante estas pezas, de valor case escultórico e para cuxa elaboración non se utilizaron pegamento nin tesoiras, só o encartado de papel, os asistentes poderán achegarse ás matemáticas desde unha nova perspectiva máis artística.

«O noso planeta»

En colaboración coa plataforma audiovisual Netflix, a Sede Afundación A Coruña acollerá a partir de outubro a mostra «O noso planeta». Esta completa exposición fotográfica está baseada na serie homónima producida por Netflix e que é o contido máis visto de todos cantos ofrece a plataforma. Trátase dunha mostra que se estreará na Sede Afundación A Coruña en primicia, e que é froito do traballo entre Afundación, a Obra Social de ABANCA, e Netflix para afondar na importancia de valorar e respectar a nosa inmensa riqueza ambiental.

«Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación»

A través de pezas asinadas por artistas como Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, José Manuel Broto, Óscar Domínguez, Rafael Úbeda, Urbano Lugrís, Luis Seoane, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Elena Gago ou Susana Solano entre outros, este proxecto expositivo ilustra a relación e os puntos en común que comparten a música e as artes plásticas. Mediante obras pertencentes ás coleccións de arte de ABANCA e Afundación, asume o ambicioso reto de amosar este vínculo, un tema recorrente ao longo da historia da arte que foi obxecto de numerosas teorizacións e reflexións e deu pé a novas formas creativas. A mostra terá lugar na Sede Afundación Vigo a partir do mes de outubro.

R., 2019-08-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES