//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O festival MindoMúsica que celebrarase do 28 de xuño ao 4 de xullo en distintos emprazamentos de Mondoñedo. Na programación inclúese desde a Catedral ata varias parroquias, con concertos en pequeno e medio formato que incluirán encontros de músicos coa veciñanza nos locais sociais coa intención de achegar a música clásica a todos os públicos. MindoMúsica aposta tamén pola revalorización dos músicos mindonienses e pola promoción da riqueza histórico-cultural. Por iso, completarase coa organización dunhas xornadas en torno á figura de Pacheco e a súa obra.
A Cidade da Cultura de Galicia reforza este verán o programa de visitas comentadas con diferentes opcións para coñecer a arquitectura e funcionamento do complexo, as intervencións artísticas e paisaxísticas nos espazos verdes ou os vencellos entre C o Camiño de Santiago. Estes tres novos xeitos de achegarse ao Gaiás veñen a completar a actual oferta de visitas guiadas ás exposicións Faraón. Rei de Exipto e Os brancos segredos do seu ventre, que a partir de xullo tamén se verá reforzada con novas quendas. Todas as visitas son de balde, con reserva de prazas na web da Cidade da Cultura.
As miradas de Isaac foi a primeira grande exposición da Xunta de Galicia en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012. Inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920) e co obxecto de pór en valor o legado e as aportacións á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes.
Presentouse hoxe o cartel dos concertos de O Son do Camiño-Perseidas, un novo formato do coñecido festival adaptado ás circunstancias da pandemia e que congregará do 14 de xullo ao 8 de agosto a 18 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo. Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán, coincidindo ademais co Xacobeo 21-22. O Son do Camiño-Perseidas contará coas actuacións de Rozalén, Camilo, Andrés Suárez, Loquillo, Vetusta Morla, Ara Malikian, Beret, Estopa, Izal, Raphael, Melendi ou Xoel López. O cartel complétase con Guadi Galego, Pablo Lesuit, Sabela, Furious Monkey House, David Rees e Maren.
Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York Amarga, comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e polo catedrático de Historia da Literatura Española da Universidad de Barcelona, Adolfo Sotelo, busca reconstruír a historia do libro inconcluso Nueva York Amarga, que Cela iniciou co obxectivo de retratar a cidade norteamericana en base ás fotografías realizadas por Carles Fontserè (Barcelona, 1916 - Girona, 2007) e ás cartas que ambos intercambiaron, así como os documentos, informacións e reflexións do catalán sobre a cidade.
O Centro Dramático Galego (CDG) pecha esta fin de semana a temporada de exhibición no Salón Teatro de Santiago de Compostela cos espectáculos O mozo da última fila, de Redrum Teatro, e As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste. As representacións terán lugar o sábado 29 e o domingo 30 respectivamente. As entradas xa se poden adquirir a través de ataquilla.com e estarán tamén á venda nos despacho de billetes o mesmo día de cada sesión, desde dúas horas antes do seu comezo. Dirixida por Alex Sampaio a partir dunha dramaturxia de Juan Mayorga, O mozo da última fila é unha reflexión cargada de ironía sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Museo das Peregrinacións e de Santiago serán algunhas das sedes do Festival Performativo Plataforma 2021 que arrinca este mércores en Santiago de Compostela e que ofrecerá preto dunha trintena de propostas culturais ata o 5 de xuño. Trátase dunha iniciativa que conta co apoio da Xunta de Galicia, en cuxa presentación participou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Ao longo de dúas semanas, daranse cita preto dunha trintena de propostas culturais, que comezarán mañá no Museo das Peregrinacións e de Santiago coas conversas organizadas cos creadores Verónica Moar e Álvaro Valiño sobre deseño performativo.
A Filmoteca de Galicia acollerá catro exhibicións da (S8) XII Mostra Internacional de Cinema Periférico, presentada hoxe na Coruña nun acto no que participou o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) da Xunta, Jacobo Sutil. As sesións previstas na sala José Sellier achéganse ao traballo da cineasta alemá Déborah S. Philips e dos españois José Val del Omar e Juan Sebastián Bollaín, e inclúen unha conferencia ilustrada co director franés Jean Rousseau. O evento, organizado pola ESE8 Asociación Cultural e que vén contando nos últimos anos co apoio da Xunta de Galicia para a súa celebración, desenvólvese do 28 de maio ao 6 de xuño en distintas sedes da cidade da Coruña.
Esta obra forma parte do proxecto do mesmo nome, promovido polo Colectivo Egeria, co patrocinio da Xunta de Galicia, e a colaboración da Real Academia Galega e o Concello de Sarria. Este proxecto está composto por unha web, unha exposición itinerante que a finais deste mes terá visitado 42 cidades e poboacións de Galicia, e un catálogo que recolle os contidos da exposición.
Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acollen ao longo de maio unha escolma de 18 filmes incluídos na programación estendida da Filmoteca de Galicia, dos que se realizarán 26 proxeccións nos cineclubs destas cidades. A iniciativa desenvólvese ao abeiro da colaboración entre a Xunta e os cineclubs Valle-Inclán, Padre Feijoo, Pontevedra e Lumière a prol da descentralización e dunha maior difusión entre o público das películas que conforman a carteleira da sala José Sellier da sede da cinemateca na Coruña. Así, nos vindeiros días, o cineclub Valle-Inclán, de Lugo, proxectará o mércores 19 Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, e o día 24, Mi noche con Maud, filme integrado no ciclo Esenciais: Éric Rohmer.
A Xunta de Galicia converterá a Cidade da Cultura nun efémero cinema de outono para proxectar as tardes dos domingos 18 e 25 de outubro e 1 e 8 de novembro un pequeno ciclo familiar cos filmes Inside out, Le Havre, Ma vie de courgette e Persépolis, fitas que forman parte do amplo percorrido cinematógrafico da exposición 'Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia do Museo Centro Gaiás'.
Un amor moi grande á natureza constitúe, como explica a artista Loreto Blanco, o punto de partida de Te miro y me veo, a exposición que ata o 22 de novembro protagoniza na Fundación Eugenio Granell, en Santiago de Compostela. A través de 36 obras, nas que Blanco busca retratar a consciencia e sabedoría que xorde da natureza, esta exposición tenta, como sinala a artista, provocar no espectador unha mirada introspectiva cara un maior coñecemento. 'Te miro y me veo' reúne unha serie de lenzos que parten á súa vez de fotografías tomadas nunha contorna natural.
A exposición Don Ricardo de Fingoi, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, chegou ao Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz (Lugo), onde foi inaugurada coa colaboración do concello focense. O proxecto Don Ricardo de Fingoi inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro que recollen opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.
A última campaña de escavacións desenvolvidas na Cova de Eirós por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC e do Institut de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona permiten afondar no coñecemento dos modos de vida dos neandertais e constatan a hipótese de que este enclave foi durante un longo período de tempo un campamento no que se desenvolvían actividades como a caza ou elaboración de utensilios.
O luns 19 de outubro celebrarase a terceira edición das Xornadas: Olladas á Antigüidade, organizadas cada curso académico pola profesora e decana da Facultade de Historia do campus de Ourense Susana Reboreda. Nesta edición, a cita leva por título Mulleres con nome propio co obxectivo de pór o foco en personaxes femininos destacados do pasado e por primeira vez, atendendo á situación sanitaria provocada pola covid-19, desenvolverase de xeito virtual, non presencial.
A cidade da Coruña celebra a Semana da Arquitectura cunha especial homenaxe ao arquitecto e profesor da Universidade da Coruña recentemente falecido Andrés Fernández-Albalat. A alcaldesa da Coruña presentou onte o programa de actividades nun acto que contou coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura, Plácido Lizancos, entre outras persoas.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou hoxe ao coñecido actor e humorista Xosé Luís Bernal Farruco, no acto de presentación do libro Eles e mais eu, no que o persoeiro compostelán fai memoria da súa cidade a través de semblanzas de santiagueses singulares. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade colabora na edición deste libro que dá ao prelo a Editorial Galaxia.
O Festival Internacional de Cine Curtocircuíto deu a coñecer hoxe a programación completa coa que celebrará o seu décimo sétimo aniversario do 3 ao 11 de outubro en Santiago, nunha edición que por vez primeira combinará as actividades presenciais coas que desenvolverá en liña. Filmin será a nova sede do festival na rede, na que se poderán ver as seccións competitivas Radar, Explora e Penínsulas, así como a estrea de 'Lúa Vermella', o último traballo de Lois Patiño, que chegará a Santiago 9 de outubro.
O III Congreso Internacional 'O Camiño do Medievalista' botou a andar este mércores de xeito telemático debido á pandemia por mor da COVID-19. O encontro celébrase os días 23, 24 e 26 de setembro baixo o lema 'E fazian fondamentos', palabras inspiradas no verso alfonsino 'e tragian muitas pedras para fazer fundamentos', que forma parte da segunda cobra da Cantiga de Santa María 358.
Cada ano por estas datas a OV430 presenta a súa tempada de concertos. Nesta ocasión, coa intención de adaptarse á situación de incertidume provocada pola Covid-19, a orquestra presentou o seu Ciclo de Outono. Co patrocinio do Concello de Vigo, a tempada 2020-21 dividirase así en dous ciclos. Xa se coñece o primeiro deles, que se vai desenvolver durante os meses de setembro a decembro.