Noticias

O Salón Teatro despide a temporada cos espectáculos 'O mozo da última fila', de Redrum, e 'As virxes salvaxes', de Teatro do Noroeste

O Centro Dramático Galego (CDG) pecha esta fin de semana a temporada de exhibición no Salón Teatro de Santiago de Compostela cos espectáculos O mozo da última fila, de Redrum Teatro, e As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste. As representacións terán lugar o sábado 29 e o domingo 30 respectivamente. As entradas xa se poden adquirir a través de ataquilla.com e estarán tamén á venda nos despacho de billetes o mesmo día de cada sesión, desde dúas horas antes do seu comezo. Dirixida por Alex Sampaio a partir dunha dramaturxia de Juan Mayorga, O mozo da última fila é unha reflexión cargada de ironía sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística.

Guillermo Carbajo, Belén Constenla, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Machi Salgado conforman o elenco desta peza ao redor de Claudio, un estudante que senta na última fila e que non destaca ata que o seu profesor de Lingua e Literatura manda escribir unha redacción sobre a fin de semana. Entón, Claudio empeza a transformarse en alguén que observa, imaxina e escribe a vida doutros, nun relato compartido entre discípulo e mestre que se converte nun xogo cada vez máis perigoso.

Pola súa banda e como explica a propia compañía, As virxes salvaxes é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír os maiores en institucións que os atendan. Nunha desas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución. Con Eduardo Alonso como autor e director, e interpretada por Luma Gómez, Elina Luaces, Amalia Gómez, Inma António, Ana Santos, Manuela Varela, Miguel Pernas e Fernando González, a obra é unha homenaxe, se cadra algo irreverente, aos nosos maiores máis revoltosos.

Actividade dinamizadora e didáctica

Deste xeito, a unidade teatral da Xunta de Galicia despide a temporada de programación na súa sede, na que, a pesar das restricións nos eventos con público derivadas da covid-19, non cesou a actividade dinamizadora do sector teatral galego. Así, representáronse dúas das tres producións propias previstas para este ano, O charco de Ulises e Terceiro acto. A maiores, o Salón Teatro acolleu o programa Residencias cruzadas nos meses de febreiro e marzo, nos que os espazos teatrais estiveron pechados ao público por mor da pandemia.

Desde a sede do CDG estase a desenvolver tamén o programa de visitas en liña para centros escolares Coñece os segredos do Salón Teatro, entre outras iniciativas, e xa fóra de temporada, acollerá entre o 7 e o 10 de xuño distintas representacións escénicas para axentes culturais acreditados en Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación de compañías Escena Galega.

R., 2021-05-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES