
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentaron hoxe o cartel dos concertos de O Son do Camiño-Perseidas, un novo formato do coñecido festival adaptado ás circunstancias da pandemia e que congregará do 14 de xullo ao 8 de agosto a 18 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo.
Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán, coincidindo ademais co Xacobeo 21-22. O Son do Camiño-Perseidas contará coas actuacións de Rozalén, Camilo, Andrés Suárez, Loquillo, Vetusta Morla, Ara Malikian, Beret, Estopa, Izal, Raphael, Melendi ou Xoel López. O cartel complétase con Guadi Galego, Pablo Lesuit, Sabela, Furious Monkey House, David Rees e Maren.
Así o deron a coñecer hoxe Alfonso Rueda e Román Rodríguez xunto con representantes das empresas organizadoras deste ciclo de concertos, Esmerarte Industrias Creativas e Bring The Noise. Ademais, en tódolos concertos aplicaranse tódalas medidas de prevención ante a covid-19 para garantir a seguridade dos asistentes.
O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que os concertos son a esencia da celebración de cada Ano Santo, polo que este evento será importante para recuperar a confianza do público na asistencia aos espectáculos públicos con tódalas garantías. Así, incidiu en que o Xacobeo serve de elemento transversal para impulsar o crecemento das industrias culturais e musicais e posicionar a Galicia como sinónimo de calidade.
Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asegurou que O Son do Camiño-Perseidas representa un puntal da recuperación do sector cultural a nivel nacional, ao tempo que sitúa a Galicia como exemplo de xestión, de administración e de apoio á industria. Así mesmo, salientou a variedade e a excelencia da escena galega representada nun cartel que exhibe o músculo musical e a promoción dos artistas autóctonos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.