Noticias

A Cidade da Cultura reforza o seu programa de visitas con itinerarios centrados en arte, arquitectura, natureza e o Camiño de Santiago

A Cidade da Cultura de Galicia reforza este verán o programa de visitas comentadas con diferentes opcións para coñecer a arquitectura e funcionamento do complexo, as intervencións artísticas e paisaxísticas nos espazos verdes ou os vencellos entre C o Camiño de Santiago. Estes tres novos xeitos de achegarse ao Gaiás veñen a completar a actual oferta de visitas guiadas ás exposicións Faraón. Rei de Exipto e Os brancos segredos do seu ventre, que a partir de xullo tamén se verá reforzada con novas quendas. Todas as visitas son de balde, con reserva de prazas na web da Cidade da Cultura.

Os itinerarios, de entre 45 e 60 minutos de duración e guiados polo persoal do Museo Centro Gaiás, ofrecen diferentes e novidosos xeitos de achegarse ao complexo arquitectónico. É o caso da proposta Andainas con arte, que co obxectivo de reunir cultura e natureza convida a un breve percorrido polas zonas verdes do Gaiás a través das intervencións artísticas e paisaxísticas que acollen: Espellos, de Manolo Paz; Constelacións II –coñecida como O banco do peregrino–, de Clara Montoya; Deixa aquí os medos, de Alicia Framis; ou as obras do ciclo Reb/veladas na paisaxe, que pon o foco na presenza da muller no eido da creación contemporánea. A visita, que conta co patrocinio de Viaqua, complétase cunha reflexión sobre a auga como materia capaz de evolucionar, purificarse e contaminarse, sobre a que nos chama a atención a instalación O perpetuo tránsito cara ao presente, de Miguel Moreno, que acollen as Torres Hejduk.

Tamén como novidade deste verán, as persoas que se acheguen ao complexo poderán participar nunha descuberta guiada polos vencellos entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago, desde os primeiros planos do proxecto arquitectónico –realizado a semellanza do trazado das rúas da cidade vella compostelᖠaos segredos que agochan os seus edificios, como a copia facsimilar do Códice Calixtino que posúe a Biblioteca de Galicia. O percorrido permitirá contemplar unha vista diferente da Catedral e da cidade de Santiago desde o cumio do Gaiás e, camiñando polo Bosque de Galicia, levará aos visitantes ata a Vía da Prata, que no seu último tramo de entrada en Compostela bordea a aba suroeste do monte Gaiás.

Ademais, a Cidade da Cultura recupera e actualiza a súa tradicional visita arquitectónica que, ademais dunha panorámica polas liñas e volumes proxectados por Peter Eisenman permitirá achegarse aos usos e funcións do complexo e coñecer espazos normalmente restrinxidos ao público, como a galería de servizos subterránea, que comunica o subsolo de todos os edificios.
Exposicións no Museo Centro Gaiás

O abano complétase coas actuais visitas comentadas ás exposicións que acolle o Museo Centro Gaiás: Os brancos segredos do seu ventre e Faraón. Rei de Exipto. Concretamente, esta exposición verá ademais reforzada a oferta de visitas a partir de xullo, con quendas de martes a domingo, en resposta á elevada demanda que está a espertar esta mostra bate marcas de asistencia na Cidade da Cultura.

Todas as visitas guiadas réxense por un estrito protocolo que inclúe a adaptación do límite de prazas ás recomendacións vixentes en cada momento, a necesidade de reserva previa por se fose necesario contactar ás persoas participantes, o mantemento da distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar, ou a obriga de acudir con máscara de protección e manter todas as medidas hixiénicas marcadas polos protocolos de prevención da covid-19.

R., 2021-06-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES