Notas de prensa

Cova Eirós achega luz sobre a forma de vida dos neandertais

A última campaña de escavacións desenvolvidas na Cova de Eirós por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC e do Institut de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona permiten afondar no coñecemento dos modos de vida dos neandertais e constatan a hipótese de que este enclave foi durante un longo período de tempo un campamento no que se desenvolvían actividades como a caza ou elaboración de utensilios.

Os primeiros resultados das análises da gran densidade de materiais líticos e óseos atopados nesta última intervención demostran que a Cova Eirós foi empregada por un grupo de neandertais durante un período prolongado no tempo. Os achados permiten constatar que durante a súa estadía os grupos procesaron a caza, principalmente cervos, neste enclave, no que tamén se tallaron ferramentas líticas en cuarzo e cuarcita. O procesado de peles de animais para a elaboración de vestimentas é outra das evidencias advertidas nas escavacións feitas en Cova Eirós, un enclave declarado hai pouco máis dun ano Ben de Interese Cultural, no que as marcas de uso revelan o control e uso do lume por parte das poboacións para cociñar e tamén para traballar materiais como a madeira para a fabricación de utensilios ou lanzas.

Achados nun período pouco documentado

As escavacións están a afondar nun período pouco documentado en Galicia, o Paleolítico medio. Neste caso actuouse no nivel 4. O diferente tipo de ocupación con respecto ás documentadas noutros niveis da Cova Eirós ou xacementos ao aire libre (como os de Monforte de Lemos), permite coñecer as distintas estratexias de mobilidade e subsistencia e a capacidade de adaptación dos grupos de neandertais aos condicionantes do medio.

Os traballos de escavación realizáronse de xeito parello a outros estudos que permiten acrecentar o coñecemento sobre o paleoambiente das serras orientais. Daquela, as análises sedimentolóxicas desenvolvidas polo investigador da Universidade de Coimbra Pedro Cunha permitirán comprender as dinámicas paleoambientais dos últimos 50.000 anos nas serras relacionando as fluctuacións no poboamento da rexión coas dinámicas paleoambientais e glaciais que definen os momentos finais do Pleistoceno. Doutra banda, a colaboración con investigadores do Max Planck Institute de Alemaña permite tamén buscar restos de ADN antigo na secuencia de Cova Eirós para a identificación de mamíferos e mesmo, se as condicións o permitisen, material xenético humano.

As escavacións efectuadas en 2020 encádranse na colaboración que manteñen Xunta de Galicia e USC dende 2015, data desde que a Administración autonómica destinou 200.000 euros, e dan continuidade ás de campañas anteriores, aínda que nesta ocasión e por mor da pandemia, os traballos, nos que se puideron subir a escavar un máximo de seis persoas, reducíronse a unha superficie de 21 metros cadrados.

A Prehistoria galega

As actuacións que se levan desenvolvendo desde o ano 2008, tanto na entrada da cova onde se encontraron restos de ocupacións paleolíticas que van desde o Paleolítico medio até os momentos finais do superior, como nas paredes do interior da cova, onde se localizaron evidencias de arte rupestre do Paleolítico Superior, teñen permitido descubrir pinturas e gravados dun valor único e excepcional en Galicia.

Os últimos anos de traballos non só lograron perfilar mellor a secuencia de ocupación de Cova Eirós, senón tamén profundar nos estudos sobre o xacemento e a Prehistoria galega. Un labor continuado cuxos resultados están a darse a coñecer e a publicarse en congresos e revistas científicas de gran prestixio, tanto nacionais como internacionais.

Universidade de Santiago de Compostela, 2020-10-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES