
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación do festival MindoMúsica que se celebrará do 28 de xuño ao 4 de xullo en distintos emprazamentos de Mondoñedo. Na programación inclúese desde a Catedral ata varias parroquias, con concertos en pequeno e medio formato que incluirán encontros de músicos coa veciñanza nos locais sociais coa intención de achegar a música clásica a todos os públicos.
Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, trátase dunha iniciativa que demostra a importancia de facer extensiva a cultura en todas as súas vertentes a todos os públicos, na liña na que a Xunta está a traballar. Neste sentido, recordou que este ano se realiza unha importante aposta por promover e divulgar de xeito especial este xénero musical a través de apoios a diferentes entidades de música clásica galega para promover concertos, xiras e incentivar a composición deste xénero musical.
Felicitou, ademais, aos impulsores do Festival Mindomúsica por poñer en marcha esta iniciativa que encherá de oferta cultural o verán galego, que se sumará ás máis de 3.000 actividades que a Xunta de Galicia impulsa durante estes meses para continuar reactivando o sector cultural. O Festival incluirá concertos na Catedral, no Auditorio Municipal Pascual Veiga e no Centro Cultural da Alcántara de Mondoñedo e percorrerá tamén as parroquias do concello con concertos en pequeno formato. Ademais, están previstos encontros dos músicos coa veciñanza nos locais sociais a cargo dunha pequena formación. A intención é conectar a música coa xente do rural, achegando a cultura a todos os públicos coa idea de involucralos e crear novos amantes deste xénero musical.
MindoMúsica aposta tamén pola revalorización dos músicos mindonienses e pola promoción da riqueza histórico-cultural. Por iso, completarase coa organización dunhas xornadas en torno á figura de Pacheco e a súa obra coa participación de importantes musicólogos da Universidade de Santiago, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidad de La Rioja, entre outras. Haberá tamén xornadas gastronómicas e enolóxicas coa colaboración dos hosteleiros de Mondoñedo para a promoción de produtos locais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.