Noticias

A Filmoteca de Galicia abre este mes a súa programación estendida con 18 películas en Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo

Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acollen ao longo de maio unha escolma de 18 filmes incluídos na programación estendida da Filmoteca de Galicia, dos que se realizarán 26 proxeccións nos cineclubs destas cidades. A iniciativa desenvólvese ao abeiro da colaboración entre a Xunta e os cineclubs Valle-Inclán, Padre Feijoo, Pontevedra e Lumière a prol da descentralización e dunha maior difusión entre o público das películas que conforman a carteleira da sala José Sellier da sede da cinemateca na Coruña. Así, nos vindeiros días, o cineclub Valle-Inclán, de Lugo, proxectará o mércores 19 Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, e o día 24, Mi noche con Maud, filme integrado no ciclo Esenciais: Éric Rohmer.

O 26 de maio exhibirase Linda, de Dorothy Davenport, e o 31, Chungking Express, de Wong Kar-wai. Pola súa banda, o cineclub Padre Feijoo de Ourense acolle o día 19 dous pases de In The Mood For Love, de Wong Kar-wai, e o 24, Pauline en la playa, de Eric Rohmer. O 26 de maio volve Wong Kar-wai a este espazo, con dous pases de 2046, e o 31, Eric Rohmer, con El rayo verde. Pontevedra proxectará In The Mood For Love o 24 de maio.

Estes títulos súmanse aos xa exhibidos na primeira quincena do mes nestes catro espazos, como Pauline en la playa, Una niña, de Sébastien Lifshitz, La rodilla de Clara, de Eric Rohmer, e A media voz, de Patricia Pérez e Heidi Hassan, no cineclub Valle-Inclán, ou El año del descubrimiento, de Luis López Carrasco, Chungking Express, Arina, de Jaione Camborda, e Fallen Angels, de Wong Kara-wai, no Padre Feijoo.

O Lumiére de Vigo proxectou xa Anunciaron tormenta, de Javier Fernández Vázquez, Gran Hotel, de Xurxo Chirro, O cazador, de Ángel Santos, e Xan e a Historia, de Lucía Estévez, e o Pontevedra, Chungking Express.

A programación de películas en espazos alleos á Filmoteca de Galicia insírese na liña de apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao labor de difusión cinematográfica de e creación de novos públicos que desenvolven diferentes entidades no ámbito local e autonómico. A iniciativa súmase, ademais, ao convenio xeral de colaboración asinado o pasado día 6 coa Federación Galega de Cineclubs, un acordo que garante a programación cinematográfica anual en 13 localidades.

A información cos títulos e os horarios das exhibicións previstas nestes espazos durante este mes poden consultarse na web da Filmoteca de Galicia.

R., 2021-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES