
Na inauguración interviñeron o Tenente de Alcalde do Concello de Foz, Xavier Fanego; Faustino Cela Carballo, neto de Ricardo Carballo Calero; e Xulio Xiz, Presidente do Colectivo promotor. Estiveron presentes varios membros da Familia Carballo Calero-Ramos, que subliñaron a relación do escritor homenaxeado con Foz, onde pasou en familia os veráns durante moitos anos.
Asistiron tamén a esta inauguración, entre outras persoas, o cronista oficial de Foz e fillo predilecto do Concello, Jesús Fernández Fernández; o profesor Bernardo Penabade, amigo da familia Carballo; Ramón Reimunde Noreña, escritor, especialista en Carballo; e o escultor e ceramista Daniel Río Rubal (Caxigueiro).
A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as pegadas de Carballo Calero en Lugo, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.
No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e comezou a publicar a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.
A exposición ten carácter itinerante, tendo iniciado o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro. Superados os maiores rigores da pandemia, esta é a segunda localidade onde se ofrece esta exposición, despois das dúas semanas que permaneceu na Casa Habanera de Guitiriz (coa colaboración de Xermolos e o Concello de Guitiriz), como actividade complementaria da especial celebración este ano do Festival de Pardiñas. Nas vindeiras semanas chegará a centros culturais e concellos de toda Galicia.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.