Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O Centro Galego de Arte Contemporánea convida a percorrer a historia da arte recente a través da mostra Cruzamentos na arte galega da Colección CGAC, con obras incorporadas aos fondos do museo nas dúas últimas décadas. Comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e Sara Donoso, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, a iniciativa volve situar a colección do CGAC como un eixe imprescindible e central do seu traballo e misión. A exposición caracterízase pola súa diversidade e riqueza plástica, tanto na traxectoria coma na orixe dos artistas representados.
A Filmoteca de Galicia retoma a programación para ofrecer unha retrospectiva do mestre do cinema xaponés Mikio Naruse, con once títulos que se poderán ver na sede coruñesa da Fundación Barrié debido ás obras de modernización que se están a acometer no centro audiovisual da Xunta. Trátase dunha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Japan Foundation e en paralelo coas filmotecas de Valencia e de Cataluña, así como co Círculo de Belas Artes de Madrid. O ciclo comeza este mércores e prolóngase ata o día 15 con sesións ás 17,00 e ás 19,30 h. A entrada é de balde ata completar a cabida.
Tras a ofrenda floral, desenvolvida nas inmediacións do busto do artista en Vigo, celebrouse a entrega dos galardóns correspondentes aos anos 2021 e 2022. O Premio Laxeiro 2022 foi para o grupo Atlántica, agrupación artística creada en 1980 co propósito de reactivar as artes plásticas en Galicia, que tivo unha curta vida, ata 1983, tempo no que realizaron cinco exposicións comisariadas e recibiron o Premio da Crítica Galicia.
A Cidade da Cultura despide este domingo a primeira exposición retrospectiva que se centra na escultura do artista pontevedrés Jorge Castillo Casalderrey, faceta máis descoñecida que a da súa obra pictórica, pero sobre a que traballou desde os seus inicios como artista, establecendo un intercambio constante entre as dúas disciplinas. Será a derradeira fin de semana para achegarse ao Gaiás e gozar desta escolma en 120 obras, cunha montaxe especialmente pensada para ese espazo, co que establece un diálogo permanente de liñas e formas.
Preto de vinte concellos, dous centros de ensino e o Centro Sociocomunitario de Ferrol sumáronse xa ás viaxes en autobús organizadas polo Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta, para ver a súa produción A peste, que se representará no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A montaxe inspirada na obra homónima de Albert Camus, con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó, retoma este mércores o calendario previsto de funcións e permanecerá en cartel no espazo compostelán ata o 13 de marzo.
As colaboracións con institucións internacionais, as itinerancias e o apoio á creación marcan a acción cultural dun ano no que se conmemora o décimo aniversario da apertura do Museo Centro Gaiás. Unha das propostas máis destacadas, que ademais se poderá ver por vez primeira na Península, será CARNE y ARENA, experiencia de realidade virtual gañadora dun Oscar do cineasta mexicano Alejandro González Iñárritu, director de galardoados filmes como Amores perros, Babel, 21 gramos ou Birdman.
O Centro Galego de Arte Contemporánea retoma o programa expositivo de apoio a artistas de Galicia de media carreira, iniciado en 2016 e que se viu interrompido nos dous últimos anos por mor da pandemia, coa mostra 'Suso Fandiño. Wunderkammer', que presenta obras recentes e tres grandes instalacións producidas especificamente para o espazo arquitectónico do CGAC. Con ela o artista propón unha serie de vías e ligazóns pouco habituais, debuxando un espazo museístico onde as obras conectan entre si creando relacións punzantes.
O ciclo de conferencias enmárcase na programación do centenario de María Casares que ofrecerá durante todo o ano actividades tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. A programación conta coa participación de diferentes entidades e institucións de distintos territorios, como a Xunta de Galicia, a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.
A Cidade da Cultura de Galicia arrinca esta fin de semana na a primeira das propostas da programación de inverno do ciclo Matinais Musicais. Desta volta o cartel inclúe tres concertos para as mañás dos sábados 5 e 12 de febreiro e 5 de marzo que achegarán música de autor da man de Leticia Rey, estilo contemporáneo con Multiplensemble ou tablemusic, a particular maneira coa que o dúo Ual·la! entende as súas cancións con humor intelixente baseándose en elementos da vida cotiá. A cantautora Leticia Rey, natural de Vila de Cruces, foi a gañadora no 2020 do certame que convoca Estudios Mans, da Fundación Paideia, que dá oportunidades a músicos emerxentes.
A Xunta acaba de publicar unha nova edición do seu catálogo Shorts from Galicia, que este ano ofrece unha escolma de sete curtametraxes para dar conta da calidade e variedade da produción galega neste formato audiovisual. A súa difusión internacional está a comezar esta mesma semana no mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, en Francia, referente internacional para os profesionais da produción e distribución de curtas. A selección deste ano, a cargo dunha comisión de especialistas, recolle traballos que abordan tanto o xénero documental como a ficción dramática.
« Anterior | 62  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

Desde este luns e ata o 21 de maio, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a mostra Ocupar un corpo, da artista Deebo Barreiro e o comisario Vítor Nieves. Nela, esta egresada da Universidade de Vigo xoga coa fotografía, os espazos e a tecnoloxía para visibilizar e achegar ao público “as identidades de xénero que están máis fóra da normatividade”, do binarismo home-muller, como as persoas bixénero, axénero ou transxénero sen hormonar.
A iniciativa ‘CamiñoLab. Laboratorio do patrimonio cultural do Camiño de Santiago’, impulsada polo Grupo Compostela de Universidades (GCU) liderado pola USC xunto coas outras dúas universidades públicas galegas, promove a creación dun observatorio de académicos internacionais focalizado no patrimonio deste itinerario cultural.
O centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán permitirá profundar dende novas perspectivas na súa figura e obra. A USC, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega reunirán a finais do mes de outubro na Coruña e Santiago unha representación de voces expertas na autora no congreso internacional 'Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois'.
A Cidade da Cultura programa o sábado 20 o espectáculo Galicia Máxica, unha proposta da contadora Marta Ortiz cun repertorio composto por contos tradicionais galegos e portugueses. Esta sesión de contacontos, especialmente dirixida á cativada de entre 4 e 11 anos, contará con entrada de balde e poderá seguirse en directo por streaming.
Aínda que este ano o Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, o veterano encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, este sábado, 20 de marzo, e grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, unha vintena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia.
'Non te amola!' é o título deste libro da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021. Esta semana chegará a todas as librerías de Galicia a obra inédita de Xela Airas, "Non te amola!", ilustrada por Luz Beloso, e que publicamos na colección “Libros para compartir”. Trátase dun libro que permanecía inédito ata agora e que, a partir desta semana, chegará ás librerías de toda Galicia para que as lectoras e lectores poidan coñecer mellor a sensibilidade da autora como narradora.
En 2020 cumpríronse 100 anos do lanzamento da célebre revista Nós. Nun ano adicado a loar e conmemorar esta importante efeméride, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades quere renderlle tamén a súa homenaxe no marco da colección Cadernos Ramón Piñeiro dedicándolle a súa XLII edición, 'Dentro de Nós mesmo e a rente ou ao redor', que foi presentado na Sede do CRPIH polo secretario xeral de Política Lingüística.
Os Premios Mestre Mateo 2021, aos que se presentaron 146 obras e 424 candidaturas profesionais, entregaranse o 10 de abril no Teatro Colón da Coruña co recoñecemento a 25 categorías, das que nove son de produción e 16, profesionais. A gala, que seguirá estritamente todos os protocolos sanitarios, será dirixida polo actor e director teatral Tito Asorey e presentada pola humorista Lucía Veiga.
'O que máis valoro deste proxecto é o novidoso de facer algo así en Galicia', salienta o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Jorge Lens de Ollar, escolma da fotografía galega contemporánea, un proxecto multimedia centrado na divulgación da fotografía de autor en Galicia a través dunha serie de curtametraxes documentais dedicados a diferentes fotógrafos e fotógrafas.
As Escolas de Música Mancomunadas de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, coa súa vintena de profesores-as especialistas e demais docentes asistentes e colaboradores-as, dende anos atrás, asumen con inquebrantable tesón o reto de contribuir con Cultura á revitalización e harmonización do noso rural, esencialmente arredor da formación e actividades musicais. Caso pioneiro en Galicia, nun ámbito de acción supramunicipal, é a Asociación sen ánimo de lucro Músico Crisanto.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES