Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Unicorn Wars, a agardada nova longametraxe de animación do cineasta e debuxante Alberto Vázquez, ten a súa preestrea nos Cantones Cines da Coruña como antesala da súa chegada ao circuíto comercial o vindeiro 21 de outubro. Ademais, tivo lugar o pase e a presentación aos medios do filme na sede da Filmoteca de Galicia, onde o realizador coruñés será obxecto dunha retrospectiva os días 14 e 18 de outubro. A película está a recibir excelentes críticas tras a estrea da pasada fin de semana no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, onde compite nas seccións oficial e Anima’t. 'A mellor película de animación do ano' ou 'a máis sorprendente' de todas as fitas a concurso en Sitges son algúns dos cualificativos que lle outorga a prensa especializada.
O espectáculo galego-turco Tolo chega a Galicia tras a súa recente estrea no Festival Internacional de Teatro de Maltepe, en Istambul, onde acaba de ser recoñecido co premio especial do xurado. O Centro Dramático Galego e o Teatro Municipal de Maltepe coproducen esta montaxe da compañía galega Cinema Sticado e a turca Tíyatro Eksen, que poderá verse no Teatro Principal de Santiago de Compostela o domingo 16 dentro da programación do Festival Internacional Galicreques. Como parte do seu traballo conxunto no seo da Eurasia Theater Association, integrada por unha vintena de espazos e institucións teatrais de ambos os continentes, o Centro Dramático Galego e o Teatro Municipal de Maltepe promoveron a unión de Cinema Sticado e Tíyatro Eksen para investigar arredor da obra Diario de un loco, de Nicolái Gogol.
As contribucións cruciais de Lise Meitner para descubrir, a principios do século XX, a fisión nuclear foron ignoradas polo comité do Premio Nobel. ‘Proxecto Meitner: Recordando a Lise Meitner’ é unha obra de teatro para todos os públicos promovida polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, que pretende recuperar a memoria desta investigadora e facer xustiza co lugar que ocupa na historia da ciencia. A primeira sesión celebrarase o luns 24 de outubro ás 21.00 horas para o público xeral e o segundo pase desenvolverase o martes 25 ás 10.00 horas, destinado exclusivamente a centros de secundaria e que se complementará cun coloquio posterior con físicas e artistas do espectáculo.
O primeiro Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos destaca tanto polo seu valor cartográfico como pola compilación de 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución da paisaxe pola que discorren as diferentes rutas xacobeas ao longo dos últimos 50 anos. Tamén inclúe 241 fotografías nun volume de 770 páxinas agrupados en 65 capítulos, nun formato único cunha narración a 4 páxinas en tres idiomas que, grazas ao fío condutor do Camiño de Santiago, permite coñecer as diferentes paisaxes galegas.
Ponse de novo en marcha este outono o Bono Cultura, o programa de descontos do 50 % na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, para o que se emitirán 20.000 bonos. A nova edición amplía os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos. A nova edición de Bono Cultura botará a andar este mesmo mes de outubro coa apertura do período de adhesión das empresas. A continuación, a partir do 2 de novembro, os usuarios poderán solicitar os bonos e comezar a gozar dos descontos ata o 31 de decembro.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2022 reuniuse en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas: Letras, Marica Campo; Artes Visuais, María Victoria Carballo-Calero; Artes Escénicas, Melania Cruz; Música, Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela; Audiovisual, Xosé Ramón Gayoso; Lingua, Manuel González; Patrimonio Cultural, Xacarandaina; Proxección Exterior, Programa ConCiencia.
A Biblioteca de Galicia inaugurou a exposición 'Ano Santo: o rexurdimento dun Camiño para todos e todas', que percorre a evolución do fenómeno xacobeo desde 1954 ata a actualidade. A través de máis de 45 pezas dos fondos custodiados no Gaiás, desde libros, folletos e periódicos ata calendarios e vídeos, a mostra bibliográfica permite ao visitante achegarse a un acontecemento determinante nas últimas décadas da historia económica, social e cultural de Galicia, desde a perspectiva da documentación impresa e visual.
O escritor e xornalista Alberto Ramos vén de alzarse coa XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega, pola obra 'Os Corpos de Romanov. Matthias Lentz'. Alberto Ramos exerceu na sección de Cultura do Xornal de Galicia e traballa como sinatura independente en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes, e ten publicado as novelas Dor Pantasma (Biblos, 2006), obra premiada co Biblos-Pazos de Galicia; Con acuse de recibo (Biblos, 2010), premio de novela por entregas de La Voz de Galicia; Todos os días (Sotelo Blanco, 2013), Premio Vicente Risco de creación Literarias; Máscaras Rotas para Sebastián Nell (Galaxia, 2014), Premio García Barros, e A simetría deas bestas (Urco. 2018).
Curtocircuíto inaugura este sábado en Santiago de Compostela a súa 19ª edición, cun programa que inclúe unha mostra das fitas restauradas de Eugenio Granell, unha escolma de realizadores galegos na sección Planeta GZ e un encontro virtual co cineasta Todd Solondz. Un dos pratos fortes desta 19ª edición será a sesión dedicada ás fitas do pintor surrealista Eugenio Granell. O Teatro Principal acollerá ás 19,00 h. deste domingo o pase das pezas rodadas polo pintor no seu exilio en Nova York. Entre estes pequenos filmes, atópanse títulos como Trompos, Middlebury, Película hecha en casa con pelota y muñeca e Casa.
A Filmoteca de Galicia reabre as portas da súa sala de cine José Sellier o vindeiro martes 27, tras concluír as obras de renovación. Situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, a Filmoteca de Galicia mantén xa os seus servizos operativos e retoma agora a súa intensa carteleira de proxeccións, función que sustenta xunto ao labor arquivístico, á conservación do noso patrimonio audiovisual, á difusión da creación cinematográfica e á posta en valor da produción galega a actividade desta institución dende a súa fundación en 1991. A sesión inaugural celebrarase o martes 27 cunha dupla sesión.
| 42,3  de  278 | Siguiente »

Notas cultura

Na fin de semana do 25 e 26 de setembro subirán ao escenario o cantautor ourensán Emilio Rúa co seu concerto íntimo A canción de autor de Ourense, e Teatro Sarabela, coa obra O Secuestro da Bibliotecaria, unha peripecia divertida a refrescante que aposta polos valores da solidariedade e ao amor á literatura para público maior de seis anos. Xa en outubro, o día 1 o actor e director Avelino González narrará a vida e obra do intelectual ourensán Vicente Risco en Risco Contando a todo Risco.
Como un dos actos previos ao comezo da XLIII Semana de Cine de Lugo, que organiza o Grupo Fonmiñá, foi presentada a edición especial de CINEPOEMAS, de Claudio Rodríguez Fer. Cinepoemas publicouse inicialmente no ano 1973 por Edicións Xerais de Galicia, como un paseo poético pola historia do cine dende Charlot a Woody Allen, como unha revisión dos mitos da sétima arte dende Frankenstein a Marilyn Monroe.
Achegar unha “nova mirada ao cinema desde a confluencia de diferentes puntos de mestura con outras artes e linguaxes”, experimentar con “formatos, técnicas e ferramentas máis aló da cámara e o guión” e pór en valor “o erro como crecemento artístico da obra”. Estes son algúns dos obxectivos que o cineasta e videoartista Adrián Canoura propón en Videohipnose.
A lúa vai encuberta, coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa Casa Museo Manuel María e interpretada polas compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, estréase este venres no Teatro Principal de Ourense, segundo se anunciou hoxe na rolda de prensa de presentación do espectáculo, na que participou o director da compañía da Xunta, Fran Núñez.
Nacida como un traballo para unha materia do grao en Comunicación Audiovisual O que queda de nós foi unha das quince curtas incluídas na sección oficial de ficción e animación da 18 edición do Festival de Cans, que a pasada fin de semana celebraba a súa entrega de premios, na que Lidia Veiga obtiña o galardón á mellor actriz polo traballo que realizou nesta curta dirixida por Miguel Gómez Abad.
Profesora asociada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Beli Martínez compaxina o seu labor como docente co seu traballo como produtora, faceta que o pasado mes de xullo levouna por primeira vez ata o Festival de Cannes e que fará que a próxima semana participe noutro dos principais eventos cinematográficos do mundo, o Festival Internacional de Venecia.
Xosé Alfredo Naz Fernández resultou ser o gañador do VI Concurso 'Balbino' de Relatos, coa obra presentada baixo o título O afiador e lema 'Terra da Chispa'. Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo, 1972), aínda que a súa profesión está máis encamiñada ao mundo das ciencias, pois exerce como profesor de matemáticas, conta cunha ampla traxectoria como escritor avalada por numerosos premios literarios entre os que destaca o certame Ánxel Fole.
A Asociación Cultural “Cántigas e Frores” celebrará A Feira do 48 na Canella do Hospital de Lugo os días 4 e 5 de setembro. Trátase da cuarta edición. Na Feira do 48 poderase desfrutar dos seguintes contidos: Exposición de artesanía, pregón, actuacións musicais e de baile tradicional galego, e dúas ruadas, que se celebrán o sábado e o domingo, respectivamente.
Luis Iglesia Besteiro (Riotorto, 1962) é o persoeiro do cine galego elixido polo Grupo Fonmiñá para ser homenaxeado na XLIII Semana de Cine de Lugo. En cada Semana de Cine vénse honrando a destacados lucenses e galegos do cine, téndoo sido nos últimos anos Luis Tosar e Antonio Mourelos, e con anterioridade Rosario Durcal, Mercedes Cora, Manuel Lourenzo, Prudencia Grifell, Carmen Correa, Frank Braña ou Eduardo Fajardo.
O Gaiás vén de transformar as Torres Hejduk da Cidade da Cultura nun faro xacobeo a través dunha intervención artística efémera que, baixo o título En terra firme, mergulla as persoas visitantes nunha experiencia que alude á propia luz dos faros da costa galega, como guía e meta da travesía vital, nunha alegoría do Camiño de Santiago como experiencia de transformación persoal.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES