
A peza, que materializa unha das nove coproducións previstas nesta temporada pola unidade teatral do Goberno autonómico, está dirixida por Tito Asorey coa dramaturxia de Vanesa Sotelo e foi a gañadora do II Certame Manuel María de Producións Teatrais.
A lúa vai encuberta céntrase na realidade galega e na loita incesante por conformar unha identidade propia. Con Tito Asorey, Melania Cruz, Davide González, e Vanesa Sotelo como intérpretes, a obra representarase no Teatro Principal de Ourense ata o domingo. Completan o equipo artístico Carlos Alonso, responsable do espazo escénico e vestiario, Laura Iturralde, de iluminación, e Davide González, de sonoplastia. Xunto ao CDG, participan tamén na produción da montaxe a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Canga e as deputacións de Ourense, Lugo e A Coruña co apoio de numerosos concellos.
Ampla colaboración institucional e co sector
Na súa intervención, Fran Núñez salientou a aposta da unidade de produción teatral da Xunta pola colaboración con todos os axentes do sector, así como con outras institucións e entidades, a prol da dinamización da escena galega. Trátase tamén de favorecer o achegamento á cidadanía dos clásicos da nosa literatura adaptados á escena da man da dramaturxia contemporánea apuntou. Neste ano, ademais das catro producións propias estreadas, o CDG participa en nove coproducións, o que supón a presenza de actividades ligadas á compañía pública en máis de cen concellos e cun total de funcións programadas que tamén supera o cento de accións.
De cara á nova temporada, a unidade de produción teatral da Xunta está xa no proceso de selección dos elencos das vindeiras producións. Trátase dunha adaptación teatral de A peste, de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de Ás 8 da tarde cando morren as nais, baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).