Notas de prensa

Beli Martínez estrea o seu novo filme no Festival de Venecia

Profesora asociada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Beli Martínez compaxina o seu labor como docente co seu traballo como produtora, faceta que o pasado mes de xullo levouna por primeira vez ata o Festival de Cannes e que fará que a próxima semana participe noutro dos principais eventos cinematográficos do mundo, o Festival Internacional de Venecia.

Eles transportan a morte, a primeira longametraxe da galega Helena Girón e o canario Samuel Delgado, unha co-produción hispano-colombiana con Martínez á fronte, foi un dos sete filmes seleccionados para a 36 edición da Semana da Crítica do festival italiano. “Venecia é unha das citas de referencia a nivel mundial, asegurarte un espazo nun festival como este é moi importante”, recoñece a produtora e docente, que a próxima semana tomará parte na estrea mundial do filme que, uns días despois, presentarase en España no Festival Internacional de San Sebastián.

Sete filmes, todos eles a primeira longametraxe dos seus directores e directoras, foron seleccionados para esta sección do festival no que, nas xornadas de luns e martes, proxectarase por primeira vez Eles transportan a morte. “É unha película na que se entrelazan dúas historias, a duns mariñeiros que desertan dunhas das naves de Colón cando vai facer a viaxe a América e quedan nas Canarias e a dunhas mulleres en Galicia que van buscando unha curandeira, tratando de salvar a unha das súas irmás”, apunta Martínez dunha longametraxe “que mestura o relato histórico, a antropoloxía, a natureza e unha certa experimentación, tanto narrativa como na propia forma”. Nese senso, a produtora e docente recoñece que esta selección “é un moi bo comezo para un primeiro filme, tanto de cara a definir todo o circuíto de festivais que poidan vir a posteriori, como para a propia distribución”. De feito, a selección para esta Semana da Crítica, apunta, “permitiu que teñamos xa asegurada a distribución en España en salas comerciais”.

San Sebastián, seguinte parada

Máis aló da participación colombiana no deseño de son, Eles transportan a morte é tamén unha coprodución entre Galicia e Canarias. “Foi algo moi natural, a película rodouse nos dous territorios”, salienta Martínez dun filme que, nese senso, une “dous territorios afastados dos centros tradicionais de produción”, pero nos que están agromando proxectos “cunha mirada e un discurso propio, polo que é unha mestura moi interesante”. Ao mesmo tempo, a longametraxe contou tamén cunha axuda para o seu desenvolvemento do Festival de San Sebastián, que fará posible a súa estrea en España na xornada de apertura da 69 edición deste evento, o 17 de setembro. Eles transportan a morte é unha das 18 producións que integran Zabaltegi-Tabakalera, unha sección que busca “dar cabida ao cinema que busca novas miradas e formas”, como destaca o propio festival. “É a sección máis arriscada de Donosti, que é o festival de referencia en España e un moi bo escaparate para este traballo”, salienta Martínez cuxa traxectoria profesional está estreitamente ligada ao Novo Cinema Galego, que centrou tamén a súa tese de doutoramento pola Universidade de Vigo.

Un ano difícil de repetir

As seleccións acadadas por esta longametraxe víronse precedidas, o pasado mes de xullo, pola escolla de Sycorax, unha curta dirixida por Lois Patiño e Matías Piñeiro e coproducida por Martínez, para a Quincena de Realizadores doutro dos festivais de referencia internacional, Cannes. “Foi algo impresionante”, sinala Martínez, á vez que incide en que, por mor da pandemia, no referido aos festivais este foi “un ano diferente, no que nótase por un lado que hai moitas gañas de volver a presencialidade, pero ao mesmo tempo segue habendo moitas restricións á hora de viaxar”. Fóra disto, Martínez tamén recoñece o “difícil que é ter as túas películas en espazos de referencia”, polo que admite que o que está a vivir en 2021 “encantaríame que se volvese a dar, pero realmente é algo moi complicado”.

Universidade de Vigo, 2021-09-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES