Noticias

O Festival Galicreques acolle a estrea en Galicia do espectáculo 'Tolo', coprodución galego-turca

O espectáculo galego-turco Tolo chega a Galicia tras a súa recente estrea no Festival Internacional de Teatro de Maltepe, en Istambul, onde acaba de ser recoñecido co premio especial do xurado. O Centro Dramático Galego e o Teatro Municipal de Maltepe coproducen esta montaxe da compañía galega Cinema Sticado e a turca Tíyatro Eksen, que poderá verse no Teatro Principal de Santiago de Compostela o domingo 16 dentro da programación do Festival Internacional Galicreques. Como parte do seu traballo conxunto no seo da Eurasia Theater Association, integrada por unha vintena de espazos e institucións teatrais de ambos os continentes, o Centro Dramático Galego e o Teatro Municipal de Maltepe promoveron a unión de Cinema Sticado e Tíyatro Eksen para investigar arredor da obra Diario de un loco, de Nicolái Gogol.

O director e actor turco Kubilay Erdelikara asina a adaptación e dirección do espectáculo resultante, que el mesmo interpreta acompañado en escena polos integrantes do colectivo galego Cinema Sticado, Xosel Díez e Helena Varela, encargados de manipular un dispositivo visual formado por monicreques, obxectos, cámaras e vídeos.

Temática de actualidade

Así, Tolo xunta teatro de actor e de monicreques para crear un mundo absurdo, en clave de humor, que aborda un tema cada vez máis vixente: as ansias de recoñecemento social e os seus efectos sobre a saúde mental. Na obra de Gogol, un funcionario de última fila do goberno ucraíno vive o seu día a día entre a rutina dun traballo insignificante e os seus desexos de chegar a máis. A súa frustración vai derivando progresivamente en alucinacións ata rematar créndose o Rei de España.

A estrea galega de Tolo insírese na carteleira da 27ª edición do Festival Internacional Galicreques, que se celebra en diferentes espazos de Santiago desde o pasado día 8 e ata este domingo, aínda que a súa programación escolar se estenderá ata o día 19. A Xunta de Galicia colabora tamén na organización do certame como unha das 13 citas subvencionadas este ano a través da convocatoria específica para mostras profesionais de artes escénicas, á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destinou unha dotación global de 200.000 euros.

Galicreques consolídase en 2022 como un dos principais festivais de monicreques de Galicia e afianza a súa dimensión internacional coa participación de 26 compañías procedentes de oito países. Ademais de recuperar a súa programación escolar a niveis previos á pandemia, incorpora como novidade a sección Cara Bé, que busca rachar coa idea preconcibida de que os monicreques son só para público infantil e dentro da que se programa a representación de Tolo.

R., 2022-10-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES