Notas de prensa

O CITEEC da UDC celebra 25 anos de compromiso coa investigación excelente

O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil está de aniversario, dun especial: este centro de investigación da UDC cumpre 25 anos de actividade investigadora en materia de edificación e enxeñaría civil. Un percorrido que o levou a converterse nun centro de referencia en Galicia e tamén a nivel nacional. Baixo o lema 'Imaxinar, innovar, vivir e celebrar', o centro reafirma a súa vocación de seguir xerando impacto real na contorna.

Para celebralo, este ano o CITEEC contará cun amplo programa de actividades que xirarán ao redor desta efeméride, onde o primeiro fito será a presentación do cartel confeccionado para este 25 aniversario, deseñado por Nac Bremón e o logotipo conmemorativo, realizado pola deseñadora da UDC Julia Núñez. Un cartel que consegue que todas as persoas atopemos o noso reflexo nun onírico colaxe que parece diferente cada vez que se mira.

O extensa e variada programación desenvolverase ao longo dos próximos meses e irase divulgando a través das súas RRSS. A primeira das iniciativas terá lugar xa a próxima semana, cunha colaboración especial para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Ademais, o programa previsto inclúe un ciclo de conferencias baixo o formato CITEEConto que facemos...! edición especial, que contará con varios expertos nas áreas estratéxicas do CITEEC que teñen unha relevancia nacional e internacional no seu campo e que, ademáis, son alumni da UDC. Así mesmo, convocarase un concurso de fotografía aberto a toda a comunidade universitaria e ao público xeral, no que o tema principal será a edificación e a enxeñaría civil en calquera dos seus ámbitos.

Xa no último trimestre celebrase o acto principal, cun evento no que se recoñecerán as traxectorias das persoas máis destacadas que forman ou formaron parte do centro e posibilitaron co seu labor a existencia e crecemento do mesmo, ata o que é hoxe, así como tamén os méritos científico-técnicos de maior relevancia nestes 25 anos de existencia das persoas adscritas.

Os directores científico e técnico do CITEEC, Fernando Martínez Abella e Juan R. Rabuñal Dopico, brindan por este cuarto de século do CITEEC: “Celebramos 25 anos de compromiso inquebrantable coa investigación excelente, a transferencia de coñecemento e o progreso tecnolóxico no ámbito da edificación e a enxeñaría civil. A ilusión e o entusiasmo de quen formamos parte deste centro seguen intactos, coa mesma enerxía, creatividade e paixón que o primeiro día. Este aniversario non é so un fito cronolóxico, é a confirmación dunha traxectoria construída con rigor, esforzo colectivo e visión de futuro”.

Os dous directores invitan ás persoas que forman parte da comunidade UDC, e tamén ás administracións públicas, aos axentes do ecosistema científico e técnico e á sociedade en xeral a sumarse a esta celebración, que “non é só nosa, senón de todas aquelas persoas que cren no poder transformador da investigación e a innovación”.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-05-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES