Noticias

A Xunta avalía as medidas precisas para garantir o mantemento dos servizos básicos galegos no caso dun novo apagamento

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avaliou hoxe a batería de medidas propostas por distintos departamentos autonómicos para garantir o mantemento dos servizos básicos e a atención á cidadanía nos respectivos ámbitos no caso de producirse un apagamento como o rexistrado o luns 28 de abril en todo o Estado. Segundo a análise presentada, a situación vivida nesa xornada puxo de manifesto a urxencia de que o Goberno central impulse a redundancia de operadores de telefonía que dean servizo ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112-Galicia para que non dependan dun único operador.

Nesta liña, Rueda incidiu na necesidade 'da integración física da Policía Nacional e da Garda Civil nas instalacións do 112 para unha mellor coordinación na xestión das emerxencias', tal e como vén demandando a Xunta, e da interconexión dos equipos de comunicación dos corpos e forzas de seguridade con rede de comunicacións de emerxencias de Galicia Resgal.

Outra das melloras que se propón solicitarlle ao Estado é a recuperación da presenza da Unidade Militar de Emerxencias en Galicia, cun grupo estable na base da Brilat en Pontevedra.

Pola súa banda, o Goberno galego aposta tamén por mellorar os sistemas de comunicación nas instalacións do CIAE 112 con conexións por satélite, a instalación dunha matriz Tetra e conexión directa coa centraliña do 061. A maiores, proponse mellorar a autonomía enerxética e os sistemas de comunicación da rede Resgal para asegurar o seu funcionamento en caso dun apagamento.

Protocolos de actuación nos eidos escolar e social

No ámbito escolar, a Xunta de Galicia vai contar cun protocolo de actuación fronte a alertas e emerxencias, cuxa posta en marcha deriva da experiencia vivida neste apagamento. Este documento, que se axustará aos niveis e fases de emerxencias establecidos na normativa xeral, será a folla de ruta do sistema educativo a partir de agora para casos de alerta ou emerxencia, agás alertas meteorolóxicas, para o cal xa existe un protocolo específico.

Con carácter xeral, e salvo indicación expresa do contrario, o presidente da Xunta afirmou que “os centros permanecerán abertos aínda que non haxa actividade lectiva para facilitar a conciliación das familias”. Do mesmo xeito, todo o persoal docente e non docente deberá acudir ao seu posto de traballo no horario habitual, sempre que poida facelo en condicións de seguridade. O alumnado que acuda ao centro será atendido, pero non se poderán realizar actividades que impliquen avance nos contidos curriculares ou probas de avaliación.

Desde a Consellería de Política Social e Igualdade detectouse a necesidade de proceder á revisión e valoración de todos os grupos electróxenos das residencias de maiores e centros de atención á discapacidade, co obxectivo de comprobar a súa potencia de cara ao mantemento dos servizos básicos dos centros durante posibles situacións de emerxencia. Paralelamente, considérase necesario comprobar que os depósitos de combustible destes grupos electróxenos dispoñen de capacidade suficiente.

Ademais, valórase a posibilidade de realizar un protocolo básico de actuación en todas as residencias públicas en que se determine o xeito de proceder con respecto aos sistemas de apoio de enerxía, das comunicacións para realizar e de actuación no caso de darse algunha situación de emerxencia ou prolongarse a situación de perda de enerxía eléctrica do sistema.

Reforzo de comunicacións no eido sanitario e económico

No que se refire ao eido sanitario, Rueda afirmou que malia a que “a asistencia estivo garantida en todo momento”, desde a Xunta apostarase por reforzar os sistemas de alimentación interrompida dos centros de procesamento de datos do Servizo Galego de Saúde e sistemas de apoio, así como as redes de comunicación alternativas á dos operadores e obrigar as empresas que prestan servizos críticos a dispoñer tamén dunha segunda vía de comunicación para salvagardar o normal funcionamento das comunicacións.

Nesta mesma liña, poñerase en marcha un protocolo especifico para “garantir a continuidade da atención dos pacientes que dependen de equipos conectados a rede eléctrica nos seus domicilios” e se fose preciso “garantir o seu traslado aos centros asistenciais”. Ademais, proponse triplicar a dotación da Rede Tetra actual nas áreas sanitarias, estendendo a dispoñibilidade de terminais, canto menos, aos equipos directivos e os de tecnoloxía. Outra das propostas de mellora incluídas céntrase na dotación a todos os hospitais e puntos de atención continuada dunha rede satelital de órbita baixa que permita, en caso de perda de conexión das comunicacións de voz e aplicacións críticas, dispoñer dunha rede de continxencia para poderlle dar continuidade aos servizos básicos.

Tamén se quere activar un protocolo de revisión periódica das conexións dos servizos esenciais, “ampliar o número de xeradores no ámbito da atención primaria” e elaborar un protocolo para garantir a subministración de combustible en situacións de cortes eléctricos.

No que atinxe aos servizos de Emerxencias Sanitarias (061) proponse levar as comunicacións a centrais públicas con xeradores autónomos e despregar de forma inmediata unha rede satelital de órbita baixa. A batería de medidas no eido sanitario complétase cun plan de acción unificado en todas as áreas sanitarias para garantir a continuidade de atención a pacientes con dependencia de equipos médicos conectados á rede eléctrica, minimizando os riscos para a súa saúde en caso de interrupción da subministración eléctrica.

Por outro lado, como medida en conxunto ca Consellería de Economía, o presidente da Xunta indicou que se establecerá un protocolo coas empresas esenciais neste tipo de acontecementos e manterase unha comunicación “fluida e estandarizada” coas subministradoras de combustible e coas empresas eléctricas para ter coñecemento da evolución e das previsións do restablecemento do servizo.

R., 2025-05-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta destinará un total de 270 millóns de euros a paliar os efectos do conflito en Oriente Medio na nosa comunidade. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Goberno galego lembrou, ao respecto da situación en Oriente Medio, que o Consello da Xunta xa analizou hai dúas semanas 'os primeiros impactos' e que Galicia foi 'a primeira comunidade autónoma en falar cos clústeres'. Nesta liña, o presidente anunciou que o vindeiro Consello autorizará 'un plan de máis de 150 millóns' para atender aos sectores afectados, que se sumará aos máis de 120 millóns que suporá para Galicia financiar as iniciativas do Goberno central a este respecto.
Foto de la tercera plana (escenasdocambio-2026.png) Para a edición de 2026, chegan desde o outro lado do Atlántico La Cura e El Vacío (ambas estreas en España), nas que o coreógrafo cubano Julio César Iglesias dirixe á prestixiosa Compañía Colombiana de Danza Contemporánea. Tamén a conferencia escénica Arder Épica (Cap. 1) na que o artista brasileiro Reinaldo Ribeiro constrúe unha nova memoria colectiva a partir das cinzas que deixou o incendio do Museo Nacional do Brasil en 2018. Forma parte tamén da programación a instalación inmersiva Hecatombe II: Movementos e rituais para a renovación do mundo, da colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry, que rescata saberes ancestrais de líderes nativos das primeiras nacións americanas.

Notas

A National Aeronautics and Space Administration, NASA, confirmaba o pasado martes de xeito oficial que o 1 de abril será a primeira data na que se intentará lanzar desde o Centro Espacial Kennedy de Florida Artemis II, a primeira misión lunar tripulada desde 1972. 'Podo confirmar que todo está en orde e non hai ningún impedimento para o lanzamento de Artemis, se as condicións meteorolóxicas o permiten', afirmou a viceadministradora e responsable de exploración espacial da axencia espacial estadounidense, Lori Glanze.
A iniciativa, que este ano desenvolve a súa terceira edición, está promovida por CLARIAH-GAL, o nodo galego de CLARIAH-ES, infraestrutura que reúne especialistas de diferentes institucións do Estado español co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de recursos, ferramentas e metodoloxías dixitais para a investigación en humanidades, artes e ciencias sociais, no marco dos consorcios europeos CLARIN e DARIAH.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES